Un total de 44 centros educativos públicos da provincia da Coruña (29 máis que o curso pasado) desenvolven durante o presente curso o Club de ciencia, unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que ten como finalidade estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

Os clubes, para os cales a Consellería destina 1.500 euros para cada centro, nacen como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas. Este é o terceiro ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa, que arrancou como experiencia piloto no curso 2016-17 en cinco centros da Coruña. O proxecto ten que desenvolverse fóra do horario lectivo e nos espazos do centro docente que se consideren ou habiliten. Este horario deberá cumprir, como mínimo, unha media de catro horas ao mes, comezando a partir da concesión definitiva do proxecto, ata final do período lectivo do alumnado durante o curso 2018-19.

Esta acción -que forma parte da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020- chega a un total de 91 centros de toda Galicia (44 centros da Coruña, 10 de Lugo, 9 de Ourense e 28 de Pontevedra).