"Como un periódico como La Montaña pode nacer nun concello como Santa María de Oza e manter un ano de resistencia local enfrontado á prensa da Coruña, á Deputación e aos sectores da burguesía industrial-comercial que pretendían monotorizar ao Concello?", pregúntase Emilio Vega Rodríguez arredor da traxectoria mantida por este semanario, nacido o 10 de xullo de 1898 e desaparecido menos dun ano despois, o 2 de abril de 1899. Aínda faltaban uns anos para que Oza fora anexionado pola Coruña, que ata entón era un concello minúsculo no que políticos e empresarios loitaban por ampliar os seus límites, de xeito que o veciño municipio era o obxectivo dos seus intereses.

Vega salienta que na súa cabeceira La Montaña, cuxa traxectoria analizou polo miúdo ao longo de todos os seus números publicados, defínese como "defensor de los intereses morales y materiales del distrito" e deixa clara xa no seu primero número a súa liña editorial: "Obligados por injustificadas provocaciones de los que no conocen de los pueblos rurales más que a despreciables caciques? e imposibilitados de obtener en la prensa de la capital espacio suficiente? fundamos este modesto semanario". Palavea, daquela un dos moitos núcleos de poboación de Santa María de Oza, era o lugar no que se atopaba a redacción do semanario, que tiña a súa dirección no Camiño da Estación da Coruña, mentres que a súa impresión facíase na libraría-imprenta de Carré.

Malia que a maioría dos textos aparecen sen sinatura, nas páxinas de La Montaña figuran colaboracións de Curros Enríquez, Evaristo Martelo, Noé Vila (pseudónimo de Avelino Barbeito, coñecido republicano e masón e pai da pedagoga María Barbeito) e Francisco Añón. Vega pon de relevo que o semanario coruñés La Mañana, de ideoloxía liberal conservadora, convértese nun dos brancos dos seus ataques, ao igual que o político Aureliano Linares Rivas, do que di que é "conservador, no defiende más causas que las suyas propias".

"Dende o primeiro número, La Montaña presenta un duro combate contra o caciquismo bipartidista e contra a crise do Estado saído da Restauración canovista", explica Vega, quen lembra que o sistema caciquil afectaba a todos os partidos da época. A defensa de Santa María de Oza como concello independente fronte ás pretensións coruñesas de absorbelo é outro dos eixos dos artigos publicados no semanario que, segundo comenta Vega, chama nun dos seus números aos veciños a "organizarse autónomamente e dende abaixo fronte á cidade da Coruña, á Deputación e ao Estado". Para explicar a situación que vivía daquela este Concello, cita que a carga impositiva que soportaba era a dobre da real, o que motivou unha continua crise económica dende 1878 que levou ao Goberno Civil en 1884 a suspender a administración do Concello por irregularidades nas súas contas e unha débeda de perto de 54.000 pesetas.

Estes problema causaron á venda da Casa do Concello, feito que foi aproveitado polo Goberno municipal coruñés para defender a anexión de Santa María de Oza, para o que contou co respaldo da Deputación e o Goberno Civil, segundo denunciou La Montaña. "Sectores da burguesía coruñesa posuían unha segunda residencia en Oza e sobre todo, cuantiosos investimentos comerciais ou industriais, sobre todo a partir da saturación urbana do concello coruñés e a construción dos peiraos de Linares Rivas, A Palloza e do Este entre 1894 e 1909, da estación de ferrocarril no Xuncal en 1883 ou a apertura da nova avenida da Pasaxe a finais do século XIX", sinala Vega, para quen esta situación "tradúcese nun intervencionismo coruñés económico e administrativo".

O desastre da perda de Cuba tradúcese nas páxinas do semanario nun contido rexeneracionista e nunha dura crítica da política colonial española. Vega refírese á denuncia do abandono dos soldados retornados, tan ligados ao Lazareto de Oza, que sufriu unha reconstrución e ampliación en 1883 mediante unha concesión e compra dos terreos do iglesario e cemiterio pola Sociedad Mercantil de Oza, formada por banqueiros e navieiros coruñeses, entre os cales estaban políticos como Canuto Berea e Marchesi ou xornalistas como Fernández Latorre.

Outros temas cotiáns aparecen nos apartados de soltos e noticias. "No número un solicítase un posto da Garda Civil e no oito dase por conseguido con cuatro gardas, un cabo de cabalería e catro de infantería grazas a Enrique Fernandez Alsina, marqués de Almeiras e deputado liberal", explica Vega. Tamén figuran os temas de agricultura, sobre todo sobre os cultivos, loubanzas á Granja Agrícola Experimental e a reclamación dunha Escola de Agricultura para mellorar os cultivos e a riqueza dos labregos.

"A La Montaña non se lle escapa ningún aspecto da vida diaria, sempre cun ton analítico de denuncia e reivindicativo", salienta Vega, que tamén destaca que no número 3 se fai unha denuncia do abandono de Galiza como país condeado ao illamento e á ruína, esquecido polos caciques e o Estado, o que, xunto coa utilización do galego, sobre todo nos derradeiros números, dálle un ton galeguista ao semanario.

Que público podía ter esta publicación nun concello con 9.644 habitantes, dispersos en numerosos núcleos, aldeas e lugares?. Vega lembra que só a parroquia de Santa María de Oza, con 2.785 habitantes, tiña dezaséis núcleos de máis de 10 persoas e múltiples lugares, dos cales só tiñan máis de 300 habitantes: A Gaiteira con 310 e Monelos con 596. E ademais, só había dúas escolas en Monelos, outras tantas nos Castros e unha na Silva, Visma, Vioño e Elviña, segundo os datos que figuran na Geografía del Reino de Galicia de Uxío Carré Aldao. Na mesma obra cífrase nun 41,36% o analfabetismo na Coruña, mentres que en Santa María de Oza chegaba ao 73,24%, segundo revela Vega, para quen "isto fai supoñer, descoñecendo a súa tirada, a existencia dun lector ou persoa ilustrada que le o periódico a outros".

"A diversidade ideolóxica e política de comezos do século XX remataron co rexeneracionismo abstracto e liberal de La Montaña", estima Vega, para quen a aparición de periódicos agrarios ou económicos ligados a grupos políticos afectaron ao futuro do semanario. Para apoiar esta idea, menciona que despois da anexión de Oza ao Concello da Coruña en 1912, nas eleccións municipais de 1913, 1915 e 1917 os republicanos coruñeses, os grandes adalides da integración, obtiveron catro dos cinco concelleiros correspondentes a esta poboación, mentres a candidatura Pro-Oza só conseguiu un.