O Goberno local informou o pasado venres a Proxecto Cárcere de que rescindirá o contrato que mantiña con esta entidade para que se encargara da xestión da antiga prisión coruñesa durante o periodo no que o Ministerio del Interior ceda o edificio ao Concello. Tono Galán, un dos voceiros do colectivo, explica nesta entrevista o desconcerto que teñen os seus membros sobre a actitude municipal e os numerosos atrancos sufridos desde que comezaron a xestionar o inmoble.

- Que lle parece que o Concello renunciara á prórroga da cesión do cárcere días despois de anunciar que lle fora concedida?

-A día de hoxe nós só temos comunicación telefónica da tarde do venres pasado de que se ía rescindir o contrato que temos e que se nos enviaría unha comunicación oficial. No caso do Proxecto Cárcere habería que chamar ao relator que propuxeron para Cataluña, porque aínda que fora un superdotado non entendería absolutamente nada, ao igual que nós. Non sabemos absolutamente nada do que pasa, sabemos que alí hai gardas as vintecatro horas pero non moito máis.

- O Goberno local di que ten intención de que o cárcere volva a abrirse e que teña actividade. Cren nesa afirmación?

-Esa intención será por parte deles, porque nós o que temos é a rescisión do contrato, aínda que por vía telefónica, porque oficialmente non temos unha comunicación co Concello malia que insistimos dende hai meses polo rexistro solicitando reunións e dábanos igual se era con concelleiros, técnicos ou a asesoría xurídica, pero queriamos saber o que faciamos mal para facelo ben ao solicitar autorización para as actividades, pero nin esa oportunidade tivemos.

- Ademais do mal estado do edificio, o Concello di que renuncia á cesión pola prohibición da Xunta de que haxa actividades.

-Limos esa comunicación de Patrimonio nunha asamblea e non vimos ningún tipo de notificación que se refira a que non se poden facer actividades socioculturais. Sería unha contradición absoluta con todo o que se leva feito no cárcere dende que se abriu no 2010. A Xunta denegoulles a instalación dunha rampla para garantir a accesibilidade universal, que fora unha petición nosa e á que non fixeron ningún caso malia que advertimos que non abririamos sen ela. E abrimos cunha rampla feita polo colectivo andaluz Recetas Urbanas con coste cero para os coruñeses, de feito que o día da inauguración houbo xente que puido entrar en cadeira de rodas sobre unas ramplas que son móbiles e que son o que prohibiu Patrimonio.

- Pero o Concello di que nesa comunicación tamén se prohíbe facer as actividades.

-Esa comunicación é interpretable como todos os textos xudiciais e administrativos, pero entón, por que en agosto de 2018 antes de abrir o cárcere un técnico de Patrimonio e outro do Concello foron ver o que se fixo e non puxeron ningunha pega? Sería moi interesante, en beneficio da imaxe da cidade, que todas as administración chegaran a un acordo sobre este edificio.

- Cre que ten relación a decisión do Concello coa chamada a declarar no xulgado á concelleira Claudia Delso?

-Non o sabemos porque nin sabemos porque hai esa chamada a declarar a unha concelleira como investigada. Sabemos o que fixemos nós, que é un traballo impresionante e anónimo para mellorar un lugar que merece ser mellorado. O infantilismo actual do que se chama política escapásenos, nós temos bastante máis madurez.

- Pode ter relación o peche do cárcere coa proximidade das eleccións municipais?

-Pode ser, pero cremos que non o pensaron moito, porque pechar un sitio que estivo abandonado e que unha xente estivo limpando e coidando non é moi electoral. E ademais houbo xente facendo cousas, e non só de Proxecto Cárcere, que só fixo dúas actividades durante estes meses o resto foron de xente que necesitaba un lugar para facelas.

- No comunicado que difundiron o domingo destacan as trabas burocráticas que sufriron, mesmo o cobro de 100 euros en taxas por informar das actividades que querían facer.

-Foi incrible. Nas primeiras conversas que tivemos co Concello tras gañar o concurso, Proxecto Cárcere era estratéxico para a cidade e todo eran marabillas, pero foi poñer o pé no cárcere o 8 de xuño para levar mobles e todo foron problemas. Dicíannos unha cousa nunha reunión, facíamola e despois viña denegada a autorización. Se nos querían volver tolos, conseguírono de lonxe.

- Atribúe ese problema aos funcionarios ou aos políticos?

-Nós somos pioneiros, porque Proxecto Cárcere tentaba establecer unas novas normas mínimas de convivencia e de actuación, pero despois de sete meses de andaina, vese que o Concello non estaba preparado para esta fórmula nova nin fixo absolutamente nada por arreglalo. Sabemos que a burocracia inunda todo o que facemos, pero o que sabemos é que o Concello non puxo nin a metade de folgos que nós para levar o proceso adiante. Hai xente que está afectada, e non o digo metaforicamente, pola cantidade de voltas que tivo que dar para poder entregar un papel, e aínda por riba pagando.

- Como interpreta que haxa gardas de seguridade agora no cárcere?

-Para nós iso foi un anteproxecto da nosa saída do cárcere. Foi unha falta absoluta de confianza en Proxecto Cárcere e un feito detestable porque se nos comunicou a tarde anterior. Preguntamos por que e dixeron que por se entraban no edificio, cando xa alertamos nós o ano pasado de que aínda entraban rapaces e se nos dixo que estaban tomadas todas as medidas de seguridade para que non o fixeran. Cada vez que entrabamos pedíannos a identificación, o que parecía un estado de sitio, e loxicamente os folgos foron a menos.

- Por que o PSOE non quixo reunirse con vostedes?

-É unha boa pregunta que non ten resposta. Fixemos a solicitude para reunirnos en repetidas ocasións e comprendemos que durante as súas primarias non se fixera porque non tiñan un candidato, pero logo seguimos igual, polo que non sabemos que opina o PSOE da Coruña sobre nós. Recibimos no cárcere a Marea Atlántica, BNG, Anova e Esquerda Unida, pero o PP dixo que non quería facelo aquí porque non era un sitio seguro.

- No seu comunicado din que durante a conversa que mantiveron a portavoz do PP, Rosa Gallego, díxolles: "Si entráis, ¿cómo se os echa?". Realmente foi así?

-É textual. Fomos presentarlle unha proposta sobre o cárcere antes de que houbera o concurso e foi a primeira pregunta que nos fixeron, polo que a nosa proposta non lle interesa nada a un partido que se chama liberal e actúa agora como intervencionista, porque fala de que non se lle pode deixar á xente un lugar tan emblemático, pero quizais o que queren e deixarllo a unha empresa amiga que gañe cartos.