O xinecólogo Xosé A. Vidal anda xa a recoller as súas cousas do Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar no que traballou durante máis de 32 anos. Pecha esta etapa sen saber quen o substituirá, pero coa ledicia de que o centro segue coas portas abertas, coma sempre, e coa certeza de que a educación sexual saíu xa do centro e entrou nas aulas e nos plans dos mozos con actividades como Tarde Xove, promovidas desde o COF e que propoñen teatro, contos e música como canle para falaren de sexo seguro.

- Cambiaron moitas cousas nestes 32 anos desde que empezou o servizo até a actualidade?

-Moito. Cambiaron para mellor porque isto era un páramo, pero logo de alcanzar boa velocidade nos 80, a cousa foi manténdose lentamente, moitas veces, máis polo noso esforzo que polo das institucións. No 1986, asinaron un convenio o Insalud e o Concello para refundir os centros de planificación que había e abrir este centro. Eran independentes dos servizos hospitalarios. Iso xa foi importante, porque os xefes de servizo viñan de onde viñan e, a maioría, eran antitodo, aínda que, despois, cando traballaban na privada, non eran tan antis. Para garantir que non houbese interferencias, os COF eran de apoio a Atención Primaria e o persoal médico fomos seleccionados a dedo para facer unha abordaxe da sexualidade desde un punto de vista científico e moderno. Até que non empezaron a funcionar os COF, non había ningunha práctica na sanidade pública para persoas sas, todo era para enfermos. Ese foi o primeiro cambio. Aquí estaban as portas abertas sempre. Naqueles primeiros anos tiñamos moito apoio institucional e iso foi esencial para coller o pulo que nos mantivo moitos anos, pero pasamos de ser o chichí da Primaria a ser a última mona da especializada.

- E como foron eses primeiros anos?

-Moi estimulantes, tamén de moito traballo porque estaba todo a monte. Daquela non había información de sexualidade, de anticoncepción... Non sabiamos máis do que cadaquén traía xa por iniciativa persoal. Os primeiros anos estiveron centrados en dar a coñecer o que era o COF. Viñamos dunha época na que nas consultas de xinecoloxía non había aseos e, cando intentabamos cambialo, sempre recibiamos a mesma resposta: que eran parvadas porque, ademais, eran mulleres as afectadas.

- Abriron o COF e empezaron a tratar a mulleres que igual non sabían moi ben a que viñan.

-Aínda hoxe, nós dicímoslle: estás sa, es adulta, a túa sexualidade é a túa responsabilidade, nós facilitámosche o que queiras, pero se hai un erro, vai ser teu, polo que o importante é a prevención e estar informada para tomar as decisións.

- Daquela non había internet...

-Iso ten unha parte mala e unha boa, que non había tampouco mala información. Rachamos tamén con aquilo de entrar aquí e dicir: "que tipo de anticonceptivo queres?" e que respondesen: " El que usted me diga". Iso non é, porque eu non o vou usar. Ademais nós sempre dicimos que isto non é un contrato, podes vir un día, dicir que queres tomar a pílula e, un mes despois, que queres o DIU. O problema está na que non vén, deixa o seu método anticonceptivo e volve cun embarazo non desexado.

- O cambio máis importante que viviron, supoño que sería a pílula do día despois.

-Desde un primeiro momento xa nós estabamos traballando con combinacións parecidas, pero que non estaban autorizadas para evitar a ovulación e o embarazo. Estivemos funcionando anos cos apaños dos anticonceptivos. Un que divulgamos moito, aínda que nos daba moito traballo, porque a eficacia era do 100%, era poñer o DIU nos cinco días posteriores á relación. Era anticoncepción de urxencia, pero facíase. Cando se acreditou a pílula en España, a loita foi que a xente soubese que existía, conseguir que entrasen nos COF, e a mediados dos 90 que, ademais de tela nós, tamén a tivesen os PAC e os centros de saúde. A raíz da liberalización da venda, moitos centros de saúde o que fan é dar a receita para que a muller a compre e non dála gratuitamente, que é o que teñen que facer. A última parte foi a venda sen receita médica e sen os interrogatorios que lle metían a moitas mulleres nalgunhas farmacias. Moitas viñan aquí por non ir á farmacia do barrio na que lle colocaban o sambenito. A raíz da venda libre nós notamos un baixón brutal das demandas e eu penso que iso está a repercutir moi positivamente na paulatina diminución do número de abortos. A dereita e a igrexa católica xogaron moito á confusión deliberadamente, dicindo que era pílulas abortivas.

- Pero non é o mesmo.

-A pílula abortiva é un tratamento máis ou menos hormonal, que se toma para interromper o embarazo. A muller que queira interrompelo antes das oito semanas pode escoller entre tomala aquí ou unha intervención con sedación nunha clínica concertada. A partir das oito semanas, xa non hai opcións, pero é libre de facelo até as catorce semanas. Coa lei nova, a partir das catorce semanas, xa entran os supostos. Levamos anos de pelexa para que sexan os servizos xinecolóxicos do hospital os que collan estes casos porque temos que derivar as mulleres ás clínicas concertadas que hai en Madrid.

- Que piden?

-Que se poidan atender aquí todos os casos, pero para facelo ben e non de calquera maneira, tanto para os abortos provocados por enfermidade da nai ou do feto como para os espontáneos. Tería que ser sen dor e que a muller non teña que estar co feto durante media hora sen atención de persoal especializado, como pasa moitas veces. Reclamamos a máxima dignidade no proceso, non pode ser que unha muller ou unha parella se atopen desatendidas. Esta é unha das frontes que temos abertas, que haxa sempre un equipo que garanta que, en todas as gardas, haxa profesionais que acepten estes casos.

- Son moitos?

-Non, uns vinte ou trinta ao ano pero son unhas circunstancias tan dramáticas... Son embarazos desexados, en moitos casos, que veñen de reprodución asistida... O primeiro pau xa é que o embarazo non está ben, tomar a decisión de se se interrompe ou non, despois de decidir que si, que te traten peor ca unha vaca, non pode ser.

- Reduciuse o número de abortos na cidade nestes anos?

-Segundo os nosos datos, si. Desde 2010 houbo unha paulatina diminución. É moi difícil dicir grazas a que. Todos os casos que entran pola Seguridade Social cúbreos o seguro e a muller non ten que pagar nada. Hai unha porcentaxe de aborto oculto, de aborto privado, que non se coñece. Elas cren que pagan pola confidencialidade, aínda que máis segredo que aquí é imposible. Sabemos que iso existía e existe porque os números que declaraban as clínicas legais nos 80 e 90 eran irreais. Con eses datos non podían ter nin a metade do traballo que daquela tiñan. Digamos que agora, ao non ter que estar tola para abortar, como coa anterior lei, que non se precisa pagar un psiquiatra para que asine un papel que poña: "risco de suicidio", ao non ter que andar con estes paripés e ser a muller libre de abortar até as catorce semanas, diminúe a bolsa oculta.

- Polo que di, aínda queda moito por facer.

-Desde o punto de vista sanitario, o problema que temos é que marcho eu e a ver como me poden substituír. Temos problemas coas prazas de matrona-enfermeira porque é unha figura que non existe na Seguridade Social, que é a que está do outro lado cando lle din que lles vai saír barba ou caír o pelo cos anticonceptivos. É a que evita que a muller se ande comendo a cabeza e a que evita mitos, porque xa hai menos, pero antes era tremendo. Desde o 2013, que se xubilou o xinecólogo que estaba no COF do Ventorrillo estamos levando toda a área sanitaria que ten 170.000 potenciais usuarias. Á psicóloga duplícaselle porque leva tamén aos homes. Agora hai un problema engadido co que non contabamos, que é a dificultade para conseguir especialistas. Para este traballo non vale calquera.

- Por que?

-Refírome á ideoloxía, hai moitos compañeiros e compañeiras que non se senten cómodos co aborto. Non é que sexan antiabortistas, que iso son catro, senón que hai que ter unhas coordenadas éticas que non entren en conflito co traballo que se fai aquí. Aquí facemos abortos farmacolóxicos. Non pode vir alguén que non estea de acordo con que as mulleres decidan o que lles pete cos seus embarazos. Isto é moi aburrido. É un traballo cómodo pero é sota, cabalo, rei, todos os días. Nun momento no que se está a empezar a operar o cancro de ovario con robot, as cousas como son, unha persoa que veña de rematar a formación, o MIR, que vén do ámbito hospitalario, o que máis lle chama é ese tipo de cirurxías, a reprodución asistida... Hai moitos campos na obstetricia e a xinecoloxía moi tecnificados e isto non deixa de ser unha consulta de toda a vida. É a esencia da práctica médica. No hospital é todo moito máis dirixido e o que veña con esa mentalidade aquí vai mal.

- Hai moitos mitos aínda?

-O problema é o modelo sexual, nos 80 ou non existía ou era totalmente patriarcal. Había bastante ignorancia, pero eramos conscientes da nosa ignorancia. Había xente que se escandalizaba cando viña ao COF só coa diapositiva dos xenitais ou cando lles falabamos do sexo oral porque lles saltaba a alarma do pecado. Naqueles anos había que explicarlles que había algo máis que o coito. Nada que ver co que pasa agora, que hai moitísima información.

- Pero a maioría guíase polo porno.

-Porno hóuboo sempre e o seu problema é o mesmo, que non ten ningunha relación coa realidade e xera espectativas irreais. Intentouse meter a educación sexual nas escolas e, cos cambios de goberno, foi esmorecendo. En Castela e León, sendo presidente Aznar, a finais dos 80 o primeiro que fixeron foi quitar os psicólogos dos COF e poñer un cura e, dous anos despois, pecháronnos. Aquí non foron tan agresivos.