01 de marzo de 2019
01.03.2019
La Opinión de A Coruña

Pindo, o raposo que non come galiñas en Visma

O escritor Manuel Rivas relátalles un conto aos alumnos do colexio Visma, logo de que perderan a tres galiñas nun ataque nocturno dun raposo

01.03.2019 | 00:37
Pindo, o raposo que non come galiñas en Visma
Pindo, o raposo que non come galiñas en Visma

Xurela, Plumitas, Galimera, Fufi, Capi e a finadiña Picotea chegaron ao colexio San Pedro de Visma para lles dar o relevo a Chicaleta, Turuleta e Caponata, as tres galiñas das que coidaban os alumnos e alumnas do centro nos recreos e que faleceron o curso pasado, vítimas dun raposo famento do que ninguén sabe o nome. Conta o director do colexio, Juan Manuel Pérez, que, cando souberon do ataque do raposo, todos se puxeron moi tristes, así que, reflexionaron moito sobre a biodiversidade e sobre o ciclo da vida e da natureza.

Para que os pequenos vexan que non todos os raposos son tan ruíns coma o que se meteu no seu patio, o colexio convidou onte ao escritor Manuel Rivas e ao home orquestra Cé Pantasma para que lles falasen de Pindo, o protagonista do conto O raposo e a mestra. Un animal de rabo vermello que canta en varios idiomas, que fala todas as linguas, as dos animais e as dos humanos, e que ten un poder fóra do común: é quen de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna.

Pindo, que ten nome de monte, non come galiñas, e un día, segundo lles contou Rivas aos rapaces de terceiro e cuarto de Primaria, alertou ao escritor do dano que lle estaba a facer o lume ao seu fogar, o bosque e a natureza.

Conta Artai, un dos alumnos encargados do galiñeiro e promotor da idea xunto cos seus compañeiros de quinto B, Leda, Samuel e Candela, que lle tiveron moita carraxe ao raposo pero que, agora, ben pensado, el tiña fame e quen sabe as que pasaría "tendo que cruzar a autovía". Logo dese ataque, o colexio mellorou as instalacións, pero despois chegaron as ratas e, agora, máis que un galiñeiro teñen "un búnquer" para as cinco superviventes deste curso. "Todas as semanas, unha familia do cole leva os ovos para casa", explica o director, xa que coidar do galiñeiro forma parte do día a día na escola. Antes de que a este grupo de rapaces e rapazas se lles pasase pola cabeza que podían pasalo ben no recreo coidando das coitadas das pitas, elas estaban alí, "sen que ninguén lles fixese moito caso". Pero chegaron eles e o seu profesor Xulio a darlles unha oportunidade.

"É que nos gustan moito os animais", explican, aínda que non é a única razón pola que as coidan: "Os ovos non saben como os do supermercado, saben moitísimos mellor", din entre todos. Leda lémbrase, agora, que xa son un máis no grupo grazas a Álex que se sumou a eles hai un mes "máis ou menos" de que, ao principio tiveron "que limpar moito" para deixaren o galiñeiro ben para a cría e a posta das galiñas.

Agora que Manuel Rivas, coa súa camisa e a súa gorra de cadros, lles contou algo máis da vida dos raposos e de que Cé Pantasma lles amosase como se fai o son da choiva cunha cana chea de boliñas, o raposo xa non lles parece tan mal, aínda que, algunhas veces, teña que comer as galiñas alleas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es