O Concello establece hoxe un dispositivo especial de tráfico co gallo da celebración do tradicional Desfile do Entroido, así como dos concursos de carrozas e comparsas na modalidade de vestiario e coreografía. A comitiva partirá ás 17.30 do Cantón Pequeno cara a María Pita, pasando polo Cantón Grande, a Mariña, avenida de Montoto e María Barbeito. En canto á afección ao tráfico, entre as 15.30 horas e as 20.00 horas estará pechado á circulación o Cantón Pequeno, co que se suprimirá o acceso do bus urbano e interurbano cara á Mariña e se manterá o tráfico por avenida do Porto e Juana de Vega -sentido entrada á cidade-.