O 13 de novembro deste 2019 cumpriranse 225 anos da partida en 1794 desde A Coruña dunha salientable expedición científica, a única de carácter exclusivamente xeolóxico promovida por España nas súas colonias americanas. Arribaría a Montevideo o 17 de xaneiro de 1795 e, baixo a dirección dos alemáns Christian e Conrad Heuland, percorrería parte dos actuais Perú, Bolivia, Chile e Arxentina entre 1795 e 1800.

Tivo lugar nunha época na que o porto herculino acadou un singular protagonismo como partida de importantes expedicións. Nestas páxinas xa dimos conta da dirixida polo Conde de Mopox, a Real Comisión de Guantánamo, que partiu o 3 de decembro de 1797, e falamos en varias ocasións da promovida por Alexander von Humboldt, que saíu o 5 de xuño de 1799. Poucos anos despois, o 30 de novembro de 1803, marcharía a Real Expedición Filantrópica de la Vacuna, da man de Francisco Xavier Balmis. Polo tanto, Coruña sería o escenario, en menos de dez anos, do inicio de catro salientables expedicións relacionadas coas ciencias, das que dúas, a de Humboldt e a da vacina, tiveron unha repercusión mundial.

Da conquista dos territorios ao comercio e a ciencia. O proceso de expansión mundial das potencias europeas iniciouse no século XV. Nese período inicial América foi para España e outros países europeos basicamente territorio a conquistar para explotar as principais riquezas naturais. No XVIII a prioridade pasou a ser a localización de novas rutas marítimas e a potenciación do comercio. Nese novo contexto as expedicións científicas acadaron unha especial relevancia, como aconteceu coas dirixidas polo inglés James Cook, converténdose nun elemento de prestixio dos países e favorecendo importantes melloras na navegación. Xunto á súa compoñente científica, de estudo e exploración, adoitaban incluír obxectivos políticos e militares.

As expedicións españolas. O Pacífico foi o "lago español" moitos anos e o dominio ibérico de América levou a ingleses e holandeses á busca de rutas alternativas para chegar a Asia. Os acosos desas potencias, a necesidade de asegurar o control das colonias, xunto co interese por incrementar o comercio e o coñecemento polo miúdo das riquezas naturais favoreceron numerosas expedicións españolas no século XVIII. Así deseñouse o proxecto expedicionario ilustrado, que supuxo a creación dunha infraestrutura científica na metrópole e nas colonias e contou co apoio técnico da comunidade científica, sobre todo a relacionada co Xardín Botánico e Gabinete de Historia Natural de Madrid.

O porto coruñés e a autoestrada mariña. A Coruña foi, desde 1689 ata 1815 unha das escalas dos Falmouth Packets, que transportaban os correos das Coroas española e británica. Á esa conexión sumouse en 1764 a apertura ao tráfico comercial con América a través doutros Correos Marítimos, conectados con La Habana e Montevideo. Comunicación que foi utilizada polos expedicionarios, agás no caso da vacina.

Dúas iniciativas contribuíron a asentar o activo papel do porto herculino. A creación en 1785 do Real Consulado Marítimo y Terrestre e a mellora das instalacións portuarias entre 1789 e 1792. Esas conexións, melloras e institucións fixeron que o mar, elemento central na historia coruñesa, adquirira aínda unha maior transcedencia. Para unha localidade situada na periferia xeográfica, cunhas precarias comunicacións terrestres, o océano converteuse na autoestrada que a conectaba co mundo.

Os Heuland, o contacto coa Xeoloxía alemá. Christian e Conrad Heuland formaban parte dun destacado grupo familiar dedicado ao estudo e comercio dos minerais por toda Europa. Eran sobriños de Adolarius Jacob Forster, a quen sucedería á fronte do seu negocio un terceiro irmán, John Henry Heuland (o mineral heulandita leva ese nome na súa honra).

En 1792 Adolarius vendeu ao Real Gabinete de Historia Natural de Madrid unha colección de minerais. No trato establecido acordouse que entregara tamén unha colección de exemplares americanos. Esa foi a razón da chegada Christian e Conrad Heuland a Madrid e da posta en marcha da expedición, co encargo de recoller fósiles, rochas e minerais en América, dos que unha parte serían para o Gabinete de Historia Natural e outra para os Heuland-Forster.

O contacto con estes especialistas alemáns foi un máis entre os establecidos con xeólogos desa orixe. O Gabinete de Historia Natural madrileño contratou na última década do XVIII a Christian Herrgen e aos irmáns Johann Wilhelm e Heinrich Thalacker. Herrgen formarase na Academia de Minas de Freiberg (Saxonia), onde estudou Humboldt. Esta sobranceira academia estaba dirixida polo xeólogo Abraham Gottlob Werner, quen recibiría a visita do noso Xosé Rodríguez González o grande matemático de Bermés (Lalín).

Instrucións para a expedición. Os Heuland recibiron indicacións para que a recollida de minerais estivera acompañada da elaboración dun catálogo coa descrición de cada peza, das que era obrigado indicar o nome con que as denominaban os nativos. A actividade dos expedicionarios non debería alterar a vida dos habitantes deses lugares, era obrigada a redacción de diarios de viaxe e informes periódicos e, finalizada a expedición, presentar un detallado escrito relatando a historia físico-natural e xeolóxica das zonas exploradas. A Coroa entregoulle aos irmáns Heuland documentos e cartas de recomendación para as autoridades locais e estableceu mecanismos para o rápido envío dos caixóns co material recollido.

Resultados da exploración. Os traballos foron iniciados con prontitude. A fins de 1795 chegou a Madrid o primeiro envío, formado por cristais de seixo, calcedonias, etc. En 1795 remitirían 200 exemplares moi escollidos de prata, cobre, arsénico, etc., ao gabinete particular de Godoy, repetindo o envío en 1800 desde Perú, con mostras seleccionadas das minas de Potosí, Chayanta, Cochabamba, etc. En 1800 chegou a Madrid unha remesa despachada desde Cochabamba e, en 1802, 177 caixóns de rochas, minerais e obxectos recollidos en Chile e Perú foron parar ao Gabinete de Historia Natural. Os informes elaborados incluíron novas relacionadas coa ecoloxía e eruditas descricións da natureza. Os descubrimentos fosilíferos no territorio chileno que aparecen na documentación da expedición constitúen as primeiras referencias de xacementos paleontolóxicos nese país.

Materiais conservados. O Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid conserva 800 exemplares xeolóxicos da expedición Heuland, acompañados en moitos casos das etiquetas históricas. A iso hai que sumar documentos da época referidos á expedición (cartas, informes, cédulas, mapas, etc.), custodiados no arquivo do museo. O interesante escrito dos Heuland, La Relación histórica y de geografía física, na que se narra a viaxe, atópase no Xardín Botánico de Madrid e permaneceu sen publicar ata o século XX; apareceu entre 1929 e 1930 no Boletín da Real Sociedad Geográfica. Os atrasos nas publicacións, ou ausencia das mesmas, foi unha das características das expedicións científicas españolas, o que abre numerosas interrogantes sobre a coherencia e consistencia do proxecto político e científico que as propiciou.

Xeoloxía galega. Mentres a Coroa propiciaba esa exploración xeolóxica en América, en Galicia tivemos que agardar décadas para dispoñer de información sobre o conxunto da nosa riqueza mineral. O autor do estudo foi outro alemán, Guillermo Schulz, quen deu a coñecer en 1834 o Mapa Petrográfico del Reyno de Galicia, que comparte a honra de ser o primeiro mapa científico do país co elaborado nesa data por Domingo Fontán, a Carta Geométrica. Schulz daría a coñecer en 1835 a Descripción geognóstica del Reino de Galicia, a obra máis completa sobre a Xeoloxía galega ata a publicación dos traballos de Isidro Parga Pondal un século despois.