A Cheikh Fayé concedéronlle a nacionalidade española o 21 de febreiro, logo de varios anos de loita. Coñecido como Senegalego, compartiu a nova nas súas redes sociais, coa mensaxe: "Nunca esquecerei a data de hoxe. Por fin chegou a nacionalidade. Meus fillos xa nunca serán ilegais en Europa". Porque Cheikh Fayé xa non a pide tanto para el senón como para os que veñen detrás.

Canto tempo estivo agardando pola nacionalidade?

Catro anos. Foi un proceso moi longo. Isto non tiña que durar tanto. Como moito, un ano, porque é unha situación inxusta.

Vostede xa levaba sendo cidadán da Coruña moitos anos.

Si, eu cheguei no 2003. Nós temos que ter residencia legal durante dez anos no país para poder solicitar a nacionalidade.

Para conseguir a nacionalidade, como fixo?

Cando cumprín dez anos vivindo en España, o mesmo mes, xa fun eu solicitar a nacionalidade, non fun a unha asociación, mais nese proceso, tiven moito apoio moral de moita xente, como Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo ou Antón Laxe.

Que supón para vostede ter a nacionalidade?

España, en comparación con Bélxica, Holanda, Alemaña ou Francia é un país menos desenvolvido. É máis doado atopar traballo neses países ca en España, por iso é importante ter a nacionalidade, agora xa son europeo.

E para a familia é máis doado vir a Europa?

Si, eu teño tres fillos, un de dous anos, outro de dez e a maior, de 16, os máis pequenos poden ter a nacionalidade sen ter que vir aquí. É unha oportunidade porque, cando queiran vir, non terán problemas, como tivemos nós.

Tivo que facer un exame para conseguir a nacionalidade?

Non, porque eu solicitei a nacionalidade en setembro e esta lei do exame é de outubro de 2015.

Quedoulle a espiña cravada de non se poder ter presentado ás eleccións, logo de estar incluído na lista do BNG das municipais de 2015?

Agora iso xa se acabou. Daquela, a Xunta Electoral dixérame que non podía estar na lista porque non tiña a nacionalidade. Foi unha inxustiza porque eu tiña a residencia permanente. Se vou a Senegal, considéranme estranxeiro, porque vou un mes ou, como moito, tres e, o resto do tempo, pásoo en España e, coma min, moitos máis. Aquí pagamos impostos, pero, a nós impídennos participar da vida política.

Cando chegou no 2003, pensaba que a vida sería como finalmente foi aquí?

Eu sabía que a nacionalidade ía tardar, non sabía canto, pero sabía que bastante porque tiña compañeiros que mo dicían.

Ten compañeiros que seguen agardando a nacionalidade?

Algúns co tema do exame están perdendo a esperanza porque o seu nivel de estudos é moi baixo. Algúns alegan que son analfabetos para poder solicitala, deberían tela en menos dun ano pero, polo de agora, non a ten ningún.

Cal foi o cambio máis grande que experimentou nestes anos?

A crise económica. Eu empecei a traballar nunha empresa cun contrato no 2005 e no 2008 tivo que pechar. Nese momento foi moi complicado atopar traballo, así que, empezamos a facer o que podiamos, sobre todo, a traballar na venda ambulante. Pasamos situacións moi difíciles.

Aproveitou para escribir un libro, Ser Modou Modou...

Si, aproveitei para reflexionar moito e para compoñer o libro.

Que plans ten agora?

Polo de agora, traer á familia, non. Mellor que os nenos estean alá, que estuden e que non intenten a aventura da emigración. porque é unha vida moi dura. Probablemente, intente ir a outro país para ver se hai máis oportunidades de encontrar un traballo que me permita vivir tranquilo. Os traballos que facemos en España os inmigrantes son moi duros, a realidade é esa, traballamos na obra ou nos campos. Non temos traballos nos que nos paguen ben.

En que países está a pensar?

Bélxica, Francia, Luxemburgo, Canadá... podería ter posibilidade de ter mellor traballo.

Fará a maleta un día destes?

Será difícil porque agora xa teño raíces aquí e é difícil separarse dos amigos. Xa se verá.