Nas súas cartas, Santiago Casares Quiroga chamáballe Vitola á súa filla María. Ela, porén, despedíase sempre poñendo María Victoria. Nos anos que pasaron separados, sempre lembraron as súas raíces, A Coruña e os seus cheiros e sabores. Para recoñecer nas rúas da cidade as orixes familiares de María Casares, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia programa para hoxe un roteiro polos lugares que marcaron a súa vida na cidade. As prazas para esta actividade, que se realizará ás 11.30 horas e tamén ás 16.30 horas, están xa esgotadas. Son roteiros previos á gala dos premios do teatro galego, que se celebrará o 21 de marzo, no Rosalía.

O historiador Emilio Grandío, a investigadora María Lopo e os actores Gonzalo Uriarte e Mabel Rivera serán os encargados de lle poñer voz e contexto á vida da que foi a máis afamada actriz de teatro da segunda metade do século XX en Francia. O roteiro sae da casa Casares Quiroga, en Panaderas. Agora convertida en museo, pero que, outrora foi o fogar familiar. "Imos falar do expolio da casa no ano 1936, porque entran os falanxistas e, entre outras cousas, destrozan e desfán a biblioteca marabillosa que tiñan", explica Lopo, que é autora dos libros Cartas no exilio, sobre a correspondencia intercambiada entre pai e filla, e do volume O tempo das mareas. María Casares e Galicia.

Algunhas das obras que atesouraba a vivenda dormen agora nos fondos das bibliotecas municipais, pero a maior parte delas desapareceron xa.

No Obelisco, os participantes na actividade poderán coñecer un pouco da vida social na cidade naqueles anos vinte e trinta, previos á guerra. "Moi cerquiña estaba o Casino republicano, un lugar importante, porque temos, por un lado, a vida da cidade e, pola outra, a da nena", comenta Lopo. Por alí estaban o seu espazo de xogos, tamén unha pastelaría que lle gustaba e palco da música, lugares que sempre tivo en mente, como as procesións de Semana Santa.

Ela, que naceu en 1922, viviu na cidade ininterrumpidamente só até o ano 1931, cando a familia se mudou a Madrid pola chegada da República. A partir de entón, estivo na Coruña nas vacacións de verán e tamén nas de Nadal, aínda que, a derradeira vez que pisou Galicia foi no verán do ano 1935. Ela nunca voltou, segundo lembra Lopo, aínda que sempre gardou bo recordo da súa vida en Galicia. María é Casares, mais é tamén Pérez, por iso, fronte ao teatro Rosalía, a asociación reivindicará a familia materna. "Así como o pai vén dunha familia de avogados, da burguesía, a avoa, a nai da nai, era cigarreira", comenta Lopo, que aproveitará tamén esta parada para falar da conciencia obreira que sempre estivo presente na súa vida, pero tamén da que foi a súa profesión: o teatro.

Di Lopo que María Casares era unha muller "moi sensitiva", que tiña pegadas na memoria o vento, a luz da cidade mais tamén o recendo das flores e das filloas do entroido e o sabor das brevas que daba a figueira da horta que tiñan na casa de Panaderas. En María Pita, ante o Concello, as catro voces falarán da figura do pai e do avó, ambos os dous concelleiros. Na rúa da Franxa sairán á luz as lembranzas da súa irmá maior, Esther Casares Quiroga, froito dunha relación do pai cunha muller en Madrid, antes de casar coa nai de María. Ela, que xa formara unha familia cando foi o golpe de Estado, foi detida e estivo na cadea tanto en Ferrol coma na Coruña, até que rematou a guerra. Na Franxa está a memoria da represión, dos e das que quedaron. Esther, por exemplo, non puido abandonar España coa súa filla até os anos cincuenta. "Falamos do malo, pero tamén do bo, porque se teceron redes solidarias con estas mulleres", explica Lopo. A viaxe remata na dársena, para figurar o seu exilio.