Nos estantes do Centro de Documentación e Arquivo da Universidade da Coruña hai anacos da historia da cidade, hai mapas e documentos de cando había fortalezas e batallas, hai discos feitos de materiais que xa case ninguén recorda e as tataravoas do PowerPoint, unha diapositivas de cristal coas que aprendían os estudantes de graos superiores cando a UDC aínda non existía.

Conta o responsable do centro, José Luis Mínguez Goyanes, que o seu patrimonio documental non se pode comparar co de institucións que teñen séculos de vida, xa que a UDC comezou como tal en 1990, aínda así, nos seus 1.600 metros lineais de estantes, que é a medida que usan os arquiveiros para o seu labor, hai documentación histórica, que foi herdando a Universidade dos seus precursores, centros docentes moi antigos, como a Escola de Náutica, que se formou no XIX, pero da que hai rastro xa no XVI como escola de pilotos, a de Comercio, que era tamén do XIX e a Normal, a escola das mestras.

Hai nesa documentación antiga tesouros que van saíndo á luz e que, segundo explica Mínguez Goyanes, poden esconder aínda máis. Este departamento da Universidade, que cumpre xa quince anos, nútrese de doazóns, de transferencias doutros centros, mais tamén de compras que fai o arquivo. "As cartas da Maestranza, por exemplo, nas que se comunica que se están a fabricar canóns, non teñen nada que ver coa vida da Universidade", explica o arquiveiro, pero si que conta que había en 1809 nos terreos nos que agora se ergue a Reitoría.

"Adquirimos fotografías relativas á Universidade, hai pouco mercamos unha colección de fotos da Escola de Náutica, desde a súa inauguración. A nosa idea é dixitalizar eses negativos e, despois, colgalos na web", explica o arquiveiro. O profesor Juan Ramón Vidal Romaní donou o pasado mes de febreiro dous mapas ao arquivo da Universidade Juan Ramón Vidal Romaní , un exemplar orixinal da Carta Xeométrica de Domingo Fontán, de 1845, e outro orixinal da Descrición Xeognóstica do Reino de Galicia acompañado do mapa petrográfico galego realizada por Guillermo Schulz (1834-1835).

Neste percorrido pola historia do ensino na cidade, hai partituras, lembranzas da vida e do activismo cultural de Ángel del Castillo, que foi un dos impulsores da Universidade Popular, alá polos inicios do século XX, tamén unha carta asinada polo que foi presidente da Primeira República, Emilio Castelar, unha pequena colección de carteis, gravacións, sonoras e litografías.

10

Tesouros legados á Universidade da Coruña

Coa carta de Castelar pasou unha cousa desas que os arquiveiros esperan, pero que non adoita acontecer. "Apareceu dentro dun libro dunha doazón. Cando nos chegan, documentámolos co título e miramos algúns un pouco máis e, de súpeto, apareceu este pequeno tesouro, que probablemente, quen donou o libro non sabía que estaba aí dentro", explica e lembra a transferencia de documentación de Náutica, que traía tamén sorpresa: o expediente de Santiago Casares Quiroga. "Esas casualidades, afortunadamente para os arquiveiros, ocorren", afirma Mínguez, que non descarta que haxa máis tesouros escondidos entre as follas dos libros legados á Universidade.

Para que ningún destes documentos se perda „os coñecidos e os que aínda non o son„, a Universidade ten o arquivo no edificio Xoana Capdevielle, cunhas condicións de humidade e de temperatura axeitadas á súa conservación. Nesas caixas brancas de almacenaxe está, por exemplo, o expediente do irmán de Santiago Casares Quiroga, que foi profesor na Escola de Comercio, e documentos que confirman que houbo unha depuración no profesorado do centro logo da Guerra Civil.

Non todos os documentos dos que dispón a Universidade se poden consultar en liña, algúns porque aínda están protexidos pola normativa de protección de datos e outros porque aínda non foron dixitalizados e subidos á web.

Para Mínguez, as xoias do arquivo está a colección de mapas antiguos de Galicia (desde o século XVI en diante), unha colección de placas de cristal para o ensino que se usaba nas escolas do anos vinte na cidade, gravacións en vinilo e en flexidisc.