A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC), Laura M. Castro, é unha das fundadoras do encontro Informática para tod@s que estes días se celebra na Universidade da Coruña co obxectivo de visibilizar o papel da muller na tecnoloxía. Un camiño aínda por recorrer.

Estamos nun mundo 3.0 pero é importante seguir visibilizando o papel da muller na informática, por que?

Si, sempre. Porque é un eido profesional moi especializado. Son cousas moi difíciles de explicar. Por iso queremos achegarnos as persoas que están acabando os seus estudos. É unha barreira coa que hai que acabar.

Tamén coa barreira dos estereotipos?

Claro. Está ese home freak sae nas series e nas películas. Queremos acabar con iso e que se visibilicen todas as caras da tecnoloxía. Hai persoas de todo tipo e, por suposto, homes e mulleres. É importante que a xente o saiba para que se poda ver reflexada e pense "aquí pode haber un camiño no que podo aportar algo".

A informática aínda é un mundo de homes?

Si. O certo é que non hai paridade e, aínda que nos gustaría, parece que os números amosan que vai en retroceso. Cando estudaba, nas miñas clases eramos un 20 o 25% de alumnas. Hai un ano tiven un aula no que de 50 estudantes todos eran homes. Esa concepción que temos de que a igualdade ven co tempo e que non hai que facer nada especial porque as cousas van caendo no seu sitio non é así. Hai unha inercia que non rompe soa e este tipo de encontros como o ACM-W sirve de revulsivo para que a xente non siga os camiños preestablecidos e se anime a probar algo diferente.

Como pode mudar esa concepción?

Explicando que hai mulleres traballando en ciberseguridade, texteo de software o intelixencia artificial. Temos mulleres tecnolóxicas que traballan en todas as áreas que son moi diferentes entre si. Hai que explicar tamén que é a informática y que sempre pode haber unha muller aí.

Tamén detrás desas webs e aplicacións que se usan diariamente?

Si. Pero es que hai moito uso do software e moi pouca conciencia de quen o fai. Calquera que ten un teléfono usa aplicacións feitas por un montón de empresas nas que tamén hai mulleres.

Por que a informática ou a tecnoloxía levan consigo o adxectivo de difícil?

Non é algo endémico da informática. Tamén pasa na ciencia, na en enxeñería ou nas matemáticas. Estes eidos se perciben socialmente como difíciles e crean esa barreira. Hai estudos que din que iso ocorre tan cedo como aos seis anos. Se falas con nenos e nenas de tres anos dun xogo para xente moi lista, todos queren xogar. Pero se iso é dous anos mais tarde, as nenas xa non queren. Iso é moi grave. Hai algo na sociedade que fai as nenas pensar que elas non teñen lugar en sitios nos que hai que ser moi listos. Hai que loitar contra isto.

Como entra a tecnoloxía na educación?

Aí volvemos a quen constrúe as ferramentas. Se o equipo que está detrás dun programa que ensina sobre ciencia está composto só por homes, probablemente cando escollan unha imaxe dun científico poñan un señor con barba branca. Cousas que se fan sen pensar. Pero se no equipo tamén hai mulleres, estas poden dicir "puxemos só imaxes de homes". Así imos cambiando as cousas.