14 de abril de 2019
14.04.2019
La transformación de la costa

Arquitectura perdida no bordo litoral

A cidade é unha entidade cambiante máis iso non debe facer esquecer o que se perdeu

14.04.2019 | 00:05

Coa expansión da cidade, en especial ao longo da segunda metade do século XX, A Coruña perdeu unha serie de elementos de interese patrimonial, xa fora pola súa singularidade arquitectónica, a súa funcionalidade e/ou a súa historia. Algunhas das edificacións que desapareceron no pasado recente foron as seguintes:

Castelo de San Diego. Situado a carón do actual barrio dos Castros e construído a principios do S.XVII, formaba parte dunha rede de baluartes para a defensa da cidade xunto ao castelo de Santo Antón, o castelo de Santa Cruz e o forte de Santo Amaro. Demolido a raíz da ampliación do porto comercial xa nos anos 60, quedan imaxes fotográficas nas que se pode observar a súa presenza xunto ás novas instalacións petroleiras, un momento urbano espectacular de mestura de diferenzas radicais que non foi valorado no seu momento.

Acea da Palloza. Na actual fábrica de Tabacos localizábase un muíño de marea que, mediante un dique que retiña a auga que entraba no antigo esteiro do río de Monelos (e quizais tamén bloqueaba o último treito do rego dos Xudeus), servía para mover a moa. Estaba a plena actividade a finais do século XVIII, pero xa a comezos do XIX boa parte do esteiro foi enchido con entullos en varias etapas para propiciar a urbanización dunha zona xa consolidada a comezos do S.XX.

Forte de Santo Amaro. Punto de vixía privilexiado desde onde se avistaban os navíos que se aproximaban á cidade, foi construído entre os séculos XIII e XIV e reformado xunto a outras fortificacións coruñesas a mediados do XVII. Aínda que existían varios canóns no forte a mediados do século XIX, co paso do tempo foi abandonado e, xa no século XX, derruído para construír o actual Club del Mar.

Illa de Santo Antón. O castelo de Santo Antón estivo nunha illa ata os anos 40 do presente século, cando se fixo o recheo a modo de istmo artificial. Sen entrar na historia dos múltiples usos da illa (que foi ermida, lazareto, casa de comercio de especias e prisión, antes de se converter en museo arqueolóxico en 1968), é importante sinalar que a perda da súa condición insular viu a transformar a súa esencia orixinal, converténdose apenas nunha pequena prolongación do paseo marítimo que hoxe é unha zona de aparcadoiro.

O Parrote. A fisionomía litoral desta zona da Coruña, co antigo areal do Parrote „farturento en marisco„, permaneceu máis ou menos intacto ata os anos 50 do século XX. A pegada do mar era patente ata as mesmas murallas. A partires de entón, foise gañando terreo á auga, eliminando progresivamente os bordos costeiros de rochas e culminando coa apertura do paseo marítimo e as actuais instalacións recreativas xa a finais do século. A propia Solana orixinal pode considerarse unha perda arquitectónica, pois conformaba unha relación directa co mar, incluso cun trampolín, inexistente en ningún outro lugar na actualidade.

San Roque. O barrio de San Roque de Fóra conseguiu chegar case ata o S.XXI, sendo completamente eliminado cando a lóxica patrimonial xa era unha preocupación asumida socialmente, mais non política e económicamente. Primeiro, a apertura da avenida do mesmo nome e do paseo marítimo alterou de modo radical a súa conectividade co mar, así como o seu réxime hidrolóxico, xa que alí desembocaba o pequeno regato de Visma que conformaba o antigo límite municipal.

Apenas son estes uns exemplos dalgúns dos elementos arquitectónicos que conformaban o bordo litoral da Coruña, aos que habería que sumar outros moitos: o Forte Malvecín, o peirao de Ferro, os lavadoiros do Parrote e do Orzán, o teatro-circo Pardo Bazán ou os edificios de Sanidade Exterior e Turismo na Mariña. Ademais, a arquitectura do litoral non son só este tipo de pezas, senón a propia formalización do bordo de contacto terra-auga, unha liña que foi moi transformada polo paseo marítimo, unha das infraestructuras máis aceptadas e utilizadas pola cidadanía, pero cuxo deseño simplificou en exceso as formas de relación directa co mar nalgúns puntos da costa.

Coma toda cidade, A Coruña é unha entidade cambiante, mais iso non debería facer esquecer o que se perdeu cos anos e por que, para tentar non repetir os mesmos erros no presente e no futuro. A arquitectura, como forma urbana e como edificación, pode e ten que formar parte tamén do bordo litoral dunha cidade. E o que representa o patrimonio construído non só é historia, senón tamén diferenza e diversidade nas formas coas que as persoas nos relacionamos co mar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

CONTENIDO PATROCINADO


Lugo, a túa escapada en Semana Santa

Semana Santa e o verán chaman xa á porta e na provincia de Lugo sempre poderás atopar o teu espazo, para ese intre de desconexión para perderse con familia, amigos ou en soidade. Ademáis, dende o 12 de abril, O Courel xa é Xeoparque Mundial da Unesco

esquelasfunerarias.es