Ao remate do frío mes de xaneiro de 1819, o día 27, saíu do cárcere compostelán da Inquisición o mozo Casiano de Prado e Vallo. Levaba preso catorce meses, pois entrara en prisión o 3 de decembro de 1817, cando tiña vinte anos. O cárcere estaba localizado na actual praza de Galicia, na confluencia da rúa do Hórreo e da Senra; o edificio desapareceu e o seu lugar foi ocupado nun tempo polo Hotel Compostela.

Casiano ingresara en 1815 na universidade da súa cidade natal, onde cursou as disciplinas de Artes e Filosofía, asemade, acudiu ao Colexio de Farmacia e cursou Matemáticas Sublimes con Domingo Fontán e Historia Natural con Martín León e Mesa.

En 1814 Fernando VII traizoara o seu xuramento a prol da Constitución de Cádiz de 1812 e propiciara a volta ao sistema absolutista. O liberalismo, que daquela cuestionaba o sistema político vixente, quedaba derrotado porén os liberais non deixaron de loitar pola súa recuperación. Casiano e outros compañeiros seus participaron de cheo nesa dinámica. Co seu amigo máis próximo, Ramón de la Sagra, e Juan Antonio del Río acudía ás clases de Matemáticas de Domingo Fontán e compartían o ideario liberal. Reuníanse con outros en xuntas secretas que se celebraban cara a noite no pazo do Marqués de Santa Cruz. Nelas falábase de filosofía e política, sendo Prado un dos seus principais animadores. Lían e comentaban libros de filósofos franceses revolucionarios, cuxos libros prohibidos chegaban as súas mans vía o porto da Coruña.

O delator Varela de Montes e a prisión

En 1817 aínda operaba unha sinistra organización, a Inquisición, que tiña en Santiago un tribunal moi activo. No seu labor represor contaba coa axuda de estudantes que actuaban como delatores, que informaban das ideas liberais e "heréticas" dos seus compañeiros. Un deles foi José Varela de Montes, quen anos despois sería salientable catedrático da Facultade de Medicina. Varela fixo de ruín delator de Juan Antonio del Río, indicando na denuncia "proposiciones de Prado", ou sexa, opinións "heréticas" de Casiano. Iniciouse o expediente o 31 de maio de 1817 e, como vimos, foi levado a cadea uns meses despois. No proceso comprobouse a identificación de Casiano coas ideas liberais e ilustradas e o gusto polas obras dos enciclopedistas franceses, como Claude Adrien Helvetius.

Todos os seus libros con ese tipo de contidos fóronlle confiscados e pasou o tempo da prisión illado, nunha cela individual e sen contacto coa familia e amigos, só dispuña dun lapis co que escribiu versos e debuxos nas paredes do local. A experiencia resultou, loxicamente, dura e dolorosa para o mozo, quen sintetizaría despois o que sentiu: "Canto sufrimento!".

Período coruñés

O pai de Casiano, Melchor de Prado e Mariño exercía como arquitecto en Compostela, mais a súa ideoloxía liberal e amizade con persoas tan significadas nese mundo como Sinforiano López levárono a deixar a súa cidade natal e marchou cara A Coruña, onde o 13 de abril de 1818 foi nomeado arquitecto municipal.

O cambio de residencia favoreceu que cando Casiano saíu da cadea pasou a vivir na cidade herculina coa familia, axudando ao pai no seu traballo e implicándose moito co moi activo sector liberal da cidade. Dela partira o primeiro levantamento antiabsolutista en 1815 da man de Juan Díaz Porlier. Un intento fracasado pero que non extinguiu os desexos de liberdade.

Rafael del Riego ergueuse o 1 de xaneiro de 1820 a prol do réxime liberal en Cabezas de San Juan mais o seu pronunciamento non tivo un éxito inmediato e semellaba que fracasaría. Nese contexto, o levantamento liberal coruñés do 21 de febreiro foi clave para o trunfo do proxecto, a recuperación da Constitución de Cádiz e a posta en marcha do trienio liberal. Casiano participou na insurrección, incorporouse á Milicia Nacional coruñesa e interveu en múltiples actividades.

A Sociedad Patriótica

O 27 de febreiro, aos poucos días do trunfo liberal, constituíuse a Sociedad Patriótica da Coruña. Unha agrupación política progresista que tiña como precedentes as reunións en cafés, como a que se celebrara na propia cidade no da Esperanza, e inspirada, en última instancia, polas tertulias que tiveran lugar no momento da revolución francesa de 1789.

Foi a primeira dunha serie que se estableceron nese tempo en España, que están consideradas como o inicio da posta en práctica dunha ferramenta básica da cidadanía nos sistemas democráticos actuais, os partidos políticos. A sociedade coruñesa, que expresaba ben claro a notable presenza do liberalismo na cidade, pretendía "vigilar la observancia de las nuevas instituciones", ou sexa, actuar de elemento de presión social na preservación dos ideais que levaron ao trienio. En xeral as sociedades españolas dirixiron peticións ás Cortes e ao Goberno, contribuíron ao debate político e propiciaron cambios nun sentido liberalizador. En último extremo pretendían a creación dunha opinión pública favorable ao réxime liberal. As Cortes do trienio discutiron sobre a existencia das sociedades patrióticas, sobre o dereito á asociación política, e non se acadou un respaldo legal pleno.

Na fundación da Sociedad Patriótica

A burguesía local, nos seus diversos sectores, foi a que tivo unha maior presenza na sociedade patriótica coruñesa. Aos comerciantes e homes de negocios tamén se sumaron persoas do mundo intelectual, como Lucas Labrada e o propio Casiano, que participou desde o primeiro momento, o 1 de abril leu un discurso e mesmo chegou a ser secretario da agrupación por un breve período de tempo.

Tamén interviran persoas de perfil variado, como José Urcullu Baterruri, un vasco cuxo pai estaba destinado como capitán nos Correos Marítimos asentados na cidade. Urcullu era capitán de infantería e escribiría unha crónica dos acontecementos coruñeses de 1820. Coa derrota do trienio exiliouse en Londres, onde traballou co editor alemán Ackermann, publicando obras divulgativas, algunhas relacionadas coas ciencias.

Se o comerciante Juan Ventura Galcerán ocupou a presidencia da sociedade, unha figura clave da mesma foi Pedro Boado Sánchez, que actuou como secretario. Era sobriño dunha personalidade galega relevante, o ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, nado en Curtis e un dos fundadores da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, quen investiu a súa fortuna familiar en obras de mecenazgo. Unha delas foi a creación na Coruña da primeira biblioteca pública, a do Real Consulado Marítimo, inaugurada en 1806. Sobre Boado vén de publicar un excelente artigo Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, Noticia e reivindicación de Pedro Boado, no que revela a verdadeira identidade deste home e o seu salientable protagonismos no movemento liberal galego, xogando un singular papel de ponte entre os liberais coruñeses e composteláns.

Represión e reinicio da formación

A invasión en 1823 dun exército francés, os Cien Mil Hijos de San Luis, acollido, esta vez, felizmente polos realistas, provocou a fin do trienio liberal. Casiano de Prado participou como oficial da Milicia Nacional coruñesa na defensa da cidade e, tras a derrota, pasou por un período de lóxico retiro da escena pública en tempos de represión.

En Madrid formouse en diversas materias, entre elas a mineraloxía En 1834 foi nomeado enxeñeiro de minas e un ano despois destinado ao Distrito Mineiro de Aragón e Cataluña, en Tarragona, onde pasou cinco anos. Tamén foi director das minas de Almadén e traballou na inspección de minas de Murcia e, en 1844, de Galicia e Asturias.

Científico salientable

Tras ocupar diversos cargos foi nomeado vogal do Mapa Geológico de Madrid y General del Reino, polo que percorreu boa parte de España e tivo dispoñibilidades para levar a cabo os estudos xeolóxicos máis importantes da súa produción científica. Asemade, estableceu relacións con relevantes especialistas internacionais, como o enxeñeiro de minas francés Phillipe Verneuil e visitou Francia, onde contactou con Barrande, Pictet e Prunner Bey.

Nos últimos anos da súa vida asentouse como científico de renome. Foi nomeado inspector xeral do Corpo de Minas, Director da Comisión do Mapa Xeolóxico e presidente do Consello da Minería. Como explicou o profesor Francisco Díaz-Fierros, na obra de Casiano de Prado salientan os traballos relativos a enxeñería mineira e no terreo máis estritamente xeolóxicos, vinculados á etapa do Mapa Xeolóxico, a súa experiencia e coñecementos foron recoñecidos polos xeólogos españois e estranxeiros, como Murchinson. Tamén salientou como un dos fundadores da paleontoloxía española e pioneiro na prehistoria.

O mozo que saíu do cárcere da Inquisición hai 200 anos e que loitou pola liberdade acadou un merecido éxito profesional, aínda que foi lonxe de Galicia. Co seu esforzo cidadán e científico axudou a construír unha sociedade mellor. Con humildade e orgullo lembrámolo hoxe, 14 de abril de 2019, aniversario da Segunda República.