14 de abril de 2019
14.04.2019

Unha viaxe para coñecer mundo e moito máis

O grupo Pandeireteiras Sen Fronteiros percorrerá Bulgaria coa mesma roupa e en zapatillas durante máis dunha semana

14.04.2019 | 01:54
Compoñentes de Pandeireteiras Sen Fronteiros, antes da súa viaxe rumbo a Bulgaria. | LA OPINIÓN

Ningún dos membros de Pandeireteiras Sen Fronteiros sabe moi ben como será a vindeira semana, teñen varias cousas seguras: que estarán coa mesma roupa, que irán en zapatillas de andar pola casa e que, lonxe do seus fogares, en Bulgaria, saberán como é ser xulgado pola apariencia, nada máis

Para cantar e para bailar, para ver mundo, para coñecer novos ritmos, outras tradicións e costumes, pero tamén para poñerse na pel doutros, para vivir o que é non ter máis que a roupa que entra nunha maletiña, para iso, e para moito máis, o grupo Pandeireteiras Sen Fronteiros colle as súas zapatillas e marcha. Só Xurxo Fernandes, un dos fundadores do grupo, coñece cal é o seu destino, os demais saberano cando estean collendo os instrumentos que os van acompañar estes once días e abran este diario. Polo de agora, sabían que onte estarían en Madrid,pero nada máis, descoñecían que terían que coller as maletas e viaxar a Bulgaria, a Sofía.

A viaxe non está pechada, pero, como di Xurxo Fernandes, son un grupo de 26 persoas que se adaptan ás circunstancias, ás que nos lles importa ceder, así que,se ven que están a gusto nun sitio, quedan máis días, se acordan cambiar de cidade, de país ou visitar outras asfronteiras, tampouco teñen problema, iso si, teñen xa algúns convites para tocar e cantar, para levar a tradición galega a outros puntos do mapa que non van rexeitar. Parte da experiencia é a improvisación e, tamén, saber como son vistos noutros lugares cunha indumentaria que non é a súa de todos os días. Unha vestimenta que ten a base do traxe tradicional, pero que colle a súa derradeira época, cando empezara xa a industrialización e chegaban a Galicia cores e materiais que nunca antes formaran parte do vestiario da poboación, nin no campo nin na cidade.

"Cando viaxamos atopámonos co racismo e coa xenofobia.A xente non nos sabe ubicar e pensa que somos xitanos e, aí, vemos como lles cambia o rostro. É unha maneira moi diferente de viaxar, normalmente, se vas por aí e dis que es dun grupo musical, a xente convídate, quere estar contigo, todas as portas se abren. Tratamos de viaxar co mínimo posible e iso cambia moito as cousas", comenta Fernandes, que asegura que no grupo lles interesan esas "combinacións extravagantes" na roupa, que ninguén saiba quen está debaixo dela. Para financiar esta viaxe, Pan. Sen. Fron. vendeu chocolate con leite, feito en Galicia, pero con meta en Bulgaria.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es