A profesora do departamento de Matemáticas e investigadora Ana Tarrío foi elixida onte Valedora Universitaria polo Claustro da Universidade da Coruña. Substitúe a Enrique Martínez, que deixa o cargo tras dous mandatos. Comeza unha nova etapa con unha muller no posto, que ten a ilusión de "traballar moito e duro" co obxectivo de escoitar, axudar a resolver conflitos porque "todos os problemas son importantes".

Por que quixo presentar a súa candidatura a este posto?

Porque penso que é unha figura que debe existir. Practicamente todas as universidades españolas a teñen. Segundo o regulamento, é unha persoa que vela polos dereitos de todas as persoas da Universidade e media en conflitos. Teño que actuar con autonomía da forma máis obxectiva posible. Creo que podo facer cousas positivas, por iso presentei a miña candidatura.

Animada por alguén?

Si. Non o tiña pensado. Agora estaba na docencia e na investigación, pero remataba o actual Valedor o seu mandato e houbo xente que o comentou. Xurdiu así. Consulteino con máis persoas e iso me animou. Se me pregunta o ano pasado, nin o pensaba.

Ademais do que sinala o regulamento, como define vostede o papel de Valedora?

É unha figura necesaria. Hai que reforzar todo o que sexa garantir as liberdades e dereitos das persoas. Iso sempre está ben, e resolver consultas e dúbidas. Tamén é unha persoa de consenso, porque para saír precisa de maioría absoluta. Non é dunha parte só. Todos os membros da Universidade queremos ter unha Valedora. Entendo que non é para facer cousas negativas, senón para mellorar a Universidade da Coruña e facela o máis imparcial posible.

Que supón ese respaldo do Claustro?

Algo moi positivo. É moi satisfactorio pero tamén unha carga de responsabilidade. Teño que cumprir as expectativas da xente que me apoiou. É moi ilusionante pero teño que estar a altura.

Que lle pode aportar esta nova etapa?

Para min é un compromiso e un reto. Se podo ser útil, xa é máis que suficiente. É unha etapa diferente da miña vida profesional. Vexo unha gran responsabilidade. Estou contenta de afrontalo e quero ver que podo facer nos próximos anos. Eu son unha profesora pero tamén creo que hai que dedicarlle tempo a xestión. Todos deberíamos comprometernos con isto nun determinado momento.

Se tivese un plan do que vai facer, con que comezaría?

A diferencia deste posto con todos os demais é que non hai un programa político. Quizáis todo o contrario. É un posto autónomo e obxectivo. Parto de que quero traballar moito, duro e cos meus principios básicos. O resto irá xurdindo. Creo que este posto é así, que non hai unhas liñas de actuación. Hai que ver que cousas van aparecendo, que problemas hai e intentar resolvelos e aportar. Só podo falar da vontade de traballo que teño para todos os sectores. Cada colectivo é diferente e todos os problemas son importantes.

Nun momento no que a loita contra a desigualdade de xénero é protagonista, supón un paso adiante que a Valedora Universitaria sexa unha muller?

Debería ser normal que todos, tanto mulleres coma homes, optásemos aos postos en igualdade de condicións, que non fose noticia iso. Lamentablemente, aínda falta un longo camiño por recorrer para que as mulleres ocupen postos significativos. Temos moi recentes estes días as eleccións e se bota de menos as mulleres nos debates. É un pouco anticuado. Neste caso concreto, no de Valedora, a Universidade actúa con normalidade e modernidade.