Un disco fráxil e humano, no que o traballo non era buscar a perfección, senón que as cancións foran honestas. Así fala Aline Frazão (Luanda, 1988) de Dentro da chuva, o seu novo albume, que presentará este domingo no Garufa Club ás 20.00 horas. A artista angolana retorna á Galicia que a viu nacer como creadora no Festival Elas Son Artistas, que contará con cantantes de distintas partes do globo. Ata o 2 de xuño, o ciclo reunirá propostas musicais, obradoiros e performances, que terán lugar en toda a área metropolitana.

Di deste disco que lle fixo afrontar a música douto xeito.

Si. É un disco cunha sonoridade bastante acústica, e, cando estás a gravar e producir un traballo así, estás un pouco máis exposta. Tes que lidar coas imperfeccións dun xeito moito máis directo, porque non hai banda para agochar os problemas, e esa sinxeleza gaña moita forza no contexto no que vivimos. Nun intre no que hai un bombardeo permanente de información e no que a música está altamente procesada, un certo grao de esencia fainos moito ben.

As súas cancións son coma un contramovemento?

Gustaríame. En realidade, é unha resposta que vén de varios lugares. Hai moita xente indo a meditar, a ioga€ Moitas propostas para ralentizar a vida. Porque o ritmo no que as persoas viven neste intre é insostible. Eu penso que é importante pasar dos grandes hits da música norteamericana a outras músicas e a outras formas de vivir. Claro que da medo, porque vas un pouco a contracorrente, pero con todo creo que é posible.

Tiña temor a facer este disco?

Si. Eu son unha cantante angolana metida nun circuíto de músicas do mundo, e existen expectativas de que faga un disco que leve a danzar. Entón claro que da medo cando a túa proposta é o oposto. Pero o importante é facer o que sae de dentro, senón é mellor dedicarse a outra profesión [ri].

Neste disco fía os sons da súa Angola natal con outros de Brasil e Portugal. De onde lle veñen tantas influencias?

Son angolana, pero teño familia do Brasil e de Cabo Verde, e esas linguaxes estiveron sempre presentes na miña identidade e na música que se escoitaba na casa. Este é o cuarto disco no que as traballo, pero neste albume atópome máis segura como cantautora.

Malia iso, recolle moitas versións.

É verdade. Acontece porque, paradóxicamente, durante a gravación había dúas forzas contrapostas: unha de mergullarme máis en min mesma e outra de procurar ter convidados no disco. Neste fixen por primeira vez un dueto para cantar Kapiapia, por exemplo.

A canta cunha artista do Brasil, onde foi gravar. Decidiuse desta vez por novas latitudes.

É a primeira vez que gravei no sur, e por iso é máis cálido, pero o sur tamén ten contrastes fortes a nivel político e social. Eu adoro Río de Xaneiro, pero é unha cidade con moitos problemas. Fiquei moi impresionada, porque moitas veces sentín medo ao estar na rúa.

Non estaba afeita? Ao fin e ao cabo, viviu a Guerra Civil de Angola.

Si, pero Brasil é moi diferente. Hai unha mestura de inseguridade pública, corrupción política, violencia policial... Non é que non estivese acostumada, aínda que é positivo non estalo. Pero a violencia da guerra de Angola rematou, e cando estás tomando un café non escoitas de repente un tiroteo.

Este novo albume o compuxo xa asentada de novo en Luanda. Por que decidiu volver?

Por morriña e esgotamento persoal do que Europa tiña para min. De repente bate a túa vontade de asentarte, e tamén de estar no sur, porque durante estes anos, sempre tiven a sensación de que a xente non entendía moito a miña identidade angolana. Explicar e cargar o teu pais ás costas€ Iso pesa. E estar en Luanda permíteme participar da construción do país que quero que aconteza.