Cales son os temas máis relevantes que afectan á cidade que leva agora na mochila para Madrid?

Á nosa cidade preocúpanlle as mesmas cousas que á maioría da cidadanía: o emprego, as políticas sociais, o benestar... a defensa dos sectores estratéxicos e, na nosa cidade e na contorna, temos Alcoa e Ferroatlántica. Temos que reivindicar a intevención clara do Estado para garantir os postos de traballo. Hai outras cuestións na axenda da cidade que levamos a Madrid, da man do Concello, e que agora pretendemos que estean no centro da acción do Goberno. É imprescindible impulsar a rexeneración da ´ría do Burgo. Non hai nada que poida demoralas se hai investimento. A fachada marítima tamén nos preocupa, temos que buscar a fórmula para que non sexamos nós quen paguemos unha débeda xerada polo bipartidismo.

Pero como?

Hai moitas posibilidades enriba da mesa, como un consorcio. Iremos da man do Concello. Está Alfonso Molina, que non pode ser unha autoestrada, porque viven unhas 20.000 persoas nesa avenida. Ten que haber un compromiso claro de Fomento e de Facenda para poñer en marcha de inmediato esta obra. A intermodal tamén está pendente. Non é simplemente responsabilidade do Estado, a Xunta ten un papel importante e estalle a facer oposición ao Goberno local con este tema, ralentizando esta infraestrutura tan necesaria. Temos que presionar desde as cortes xerais para que iso se poña en marcha. Hai moitas outras cuestións como o enlace ferroviario a Langosteira, o aeroporto, a Maestranza, ou o cárcere, onde vemos que o PP e o PSOE votan unha cousa na Coruña e outra en Madrid. Na pasada lexislatura tivemos conversas e acadamos ter solución nesta lexislatura para que a xente poida gozar destes terreos e doutros edificios que Defensa ten en desuso e que serían bos para equipamentos.

Como o cárcere?

Para que o Concello poida facer un investimento decidido precisa garantías de que ese investimento vai revertir na cidadanía. Ten que haber un compromiso do Estado.

Pero hai un proceso xudicial.

Hai que ter garantías e buscar o mellor mecanismo posible.

Que capacidade de negociación terán os deputados de En Común-Unidas Podemos de que os seus votos sexan decisivos e de acadar financiamento?

Hai que construír unha dinámica de diálogo coa que se pechen os proxectos a medio e longo prazo. As administracións non poden ser utilizadas para intereses electorais que van en detrimento do ben común. Moitas veces é cuestión de orzamento, outras, de vontade política para executar as partidas que hai orzamentadas. Somos unha alianza que ten 42 deputados e os membros de En Común desde Galicia aspiramos, non só a participar na conformación do Goberno, senón tamén a facer que ese goberno cumpra coa cidade e con Galicia.

Sempre se di que hai partidos que venden caros os seus votos e que, así, melloran os territorios que representan, poderá facer iso En Común?

Nós sempre tivemos autonomía de voto. Temos capacidade para ter persoas nas comisións do Congreso. Aspiramos a estar no Goberno, pero, se non sucede, presionaremos para mellorar a vida dos coruñeses.

Que lectura fai dos resultados electorais na cidade?

É unha proposta política que, máis alá de que fose herdeira de AGE, do 2015 e do movemento municipalista, tivo moi bos resultados. De cara ás municipais, confío en que Xulio Ferreiro siga a ser o alcalde da cidade, para que siga a limpala.