Este artigo é unha resposta ás declaracións de Xulio Ferreiro, recollidas no titular de LA OPINIÓN de 10 de xullo de 2018: "La obra en La Solana dejará ver el mar". Dicía o Alcalde: "Examinamos el proyecto de la obra, lo remitimos a Patrimonio e hicieron observaciones, como que se visibilice la lámina de agua desde O Parrote. Se hicieron cambios en el proyecto y con ellos se concedió licencia. Todo está de acuerdo a la máxima protección del patrimonio y del paisaje". O alcalde facía estas declaracións despois de que Defensa do Común entregase por rexistro o 6 de xullo un escrito solicitando que se realizasen as comprobacións preceptivas para preservar a visibilidade do mar desde o Paseo do Parrote, cousa que non se fixo.

Hoxe calquera persoa que pase polo Parrote diante das obras na Solana pode comprobar que o alcalde non cumpriu coa súa promesa porque a visibilidade do mar é nula, como recollen numerosos documentos gráficos publicados nos último anos en todos os medios de comunicación. Por que nega a evidencia o goberno municipal? E se recoñece esa evidencia, por que non toma medidas para defender a paisaxe, que forma parte do noso patrimonio?

Cando Defensa do Común presenta unha denuncia ante o xulgado de garda "fronte a quen resulten responsábeis" duns feitos, que poñemos en coñecemento da xustiza porque "puideran ser indiciariamente constitutivos dos delitos de falsidade documental (artigo 302 do Código Penal en relación con artigo 390) e prevaricación do artigo 404", LA OPINIÓN recollía así unhas declaracións do alcalde: "El Concello hizo todo lo que tenía y que podía hacer en este caso. En su momento, cuando hubo una denuncia, paralizó las obras, paralizó la licencia, pidió un informe a Patrimonio y Patrimonio de la Xunta entendió que la obra era correcta y era legal y, por lo tanto, con ese informe positivo, el Concello no puede hacer otra cosa que autorizar la obra y vigilar que esa obra se haga de acuerdo a la licencia".

Teño unha opinión distinta sobre o que o concello podía e debía facer. Así, cando realiza un informe despois de inspeccionar as obras e decretar a suspensión das mesmas en decembro de 2015 (entre outras razóns, porque o anterior goberno do PP concedía a licenza en outubro de 2013, sen a autorización previa de Patrimonio) o concello podía incluír nese informe e facelo público, que a cuberta da obra impedía a visibilidade do mar, e informar á Xunta.

Cando a empresa promotora presenta un proxecto reformado en novembro de 2016, que é examinado polo concello e remitido a Patrimonio para solicitar unha nova licenza, o goberno municipal puido comprobar que algúns documentos, planos e fotografías, estaban manipulados co único obxectivo de conseguir a licenza, pero non fixo nada. Se o mesmo alcalde recoñece que Patrimonio fixo observacións para conceder a licenza, entre elas "que se visibilice la lámina de agua desde O Parrote", por que o goberno municipal no informa á Xunta de que con ese proxecto a visibilidade do mar é nula? Por que o goberno local dá a licenza en maio de 2018, sabendo que non se cumpre a exixencia de Patrimonio?

Aínda tivo unha última oportunidade o goberno municipal de rectificar cando Defensa do Común e a Asociación de Veciños da Cidade Vella presentaban unha moción a todos os grupos municipais no pleno do pasado 11 de febreiro instando ao goberno municipal a que revise a licenza concedida para a remodelación da Solana e que sexa anulada se non garante a visibilidade do mar e a defensa do patrimonio. Lamentablemente, a moción non foi aprobada porque tivo os votos a favor de BNG e PSOE e en contra de PP e Marea Atlántica.