O rei morre. Vese nos dominios que goberna, e que comezan a sufrir un deterioro similar ao que pode atoparse, se un mira ben, no seu soberano. Revélase en forma de fochancas estrañas, en xente que fuxe e deixa as súas casas atrás, e mesmo nas comparacións, desde o trono aínda máis odiosas, con eses países veciños que medran mentres o seu perde terreo. O rei morre, pero suxeita con forza o bastón de mando, e segue a dar as súas ordes. Non é quen de aceptar que a morte democratiza, e que, téñase o poder que se teña, o final sempre fica para todos no mesmo lugar.

A historia é do dramaturgo franco-rumano Eugène Ionesco [El rey se muere], un expoñente do teatro do absurdo que Sarabela Teatro faise eco desde fai algo máis dun ano. A compañía recupera as súas verbas respectando esa pátina de comedia do orixinal, pero defendendo unha visión destilada, tinguida polo ollo experto da directora Ana Vallés, que mestura luces, música e coreografías para reflexionar sobre asuntos fondamente humanos. Este venres, con motivo das Letras Galegas, e o sábado, a agrupación presentaralle as súas cuestións ao Teatro Rosalía, ás 20.30 horas. Alí falará da soberbia da potestade e da vertixe do individuo ante a propia fin, cun elenco encabezado por Fernando Dacosta como o rei Berenguer e con Fina Calleja como a súa primeira esposa Margarida.

Conta a actriz que á compañía gústalle estar "comprometida coa realidade que nos rodea", e que por iso sempre escolle "textos que dean resposta ao que está a suceder". O rei morre propón varias desde a súa crítica da arrogancia da autoridade, cunha trama na que hoxe "se poden atopar paralelismos coas clases poderosas", e que apunta tanto ás altas esferas como ás sociedades que lles permiten transixir.

"É unha crítica aos fascismos, e a ese querer manterse na cadeira por enriba de todo. Moitos políticos na actualidade nos teñen acostumados a iso", afirma Calleja, para a que "a realidade" moitas veces "supera á ficción". Mesmo na obra de Eugène Ionesco, na que a cegueira do mando leva a Berenguer incluso a darlle ordes ao sol, os disparates poden superarse. "Aquí o rei fala dun gato ao que quere moito, e ao mesmo tempo vese que pode mandar a quen queira ao pelotón de fusilamento. Ocorre como con Sadam Husein, que era un fanático de Walt Disney", sinala como exemplo a intérprete.

No seu papel de Margarida, Calleja empurra porque o monarca acepte o seu falecemento, e deixe de rebelarse contra a morte. É a parte máis existencial da obra, na que se reflicte "a soidade" dun "tema escabroso" que na actualidade "non queremos ver polo noso hedonismo exacerbado". O humor no xeito de amosalo, porén, axuda a alixeirar o golpe. "O espectáculo enfócase dun xeito desenfadado. É a mellor maneira de presentar temas que parecen tan fondos", di a actriz, que encomia a posta en escena escollida pola directora.

Ana Vallés, cabeza de Matarile Teatro, chegou a Sarabela como parte da busca de novos condutores que emprendeu a compañía, logo da marcha da súa "nai"— Ánxeles Cuña— ao Parlamento de Galicia. O desembarco de Vallés foi para a entidade "unha oportunidade" para rescatar do caixón de propostas este texto de Ionesco, ao que xa lle botaran o ollo media década atrás, e que semellou atopar coa directora o "momento acertado" para levalo á escena.

"Foi un encontro moi frutífero desde o principio. Traballar con profesionais diferentes supón para Sarabela explorar novos camiños despois de tantos anos xuntos", asegura a intérprete. Desde que tomaran a decisión de aventurarse nestes retos, a compañía móvese na liña entre a propia identidade e a renovación precisa para progresar. É un camiño natural para o que non quere estancarse senón "seguir traballando a longo prazo", con vistas aos 30 anos que cumprirá o próximo 2020 como agrupación profesional.