O pasado 23 de maio a deputada provincial Ánxela Franco ofreceu unha rolda de prensa para presentar o informe final do programa Compartimos Plan, unha diagnose integral das políticas de igualdade dos concellos da provincia, e anunciar un Plan de Igualdade para acabar coa discriminación das mulleres. Presentouno porque dera un prazo para facelo e quería cumprilo ainda que xa sabía da súa enfermidade. O pasado venres houbo pleno na Deputación e alí estaba, traballando, aínda que tivo que marchar antes de empezar a sesión ao atoparse mal. Ánxela Franco Pouso faleceu onte aos 57 anos no hospital de Santiago e a nova da súa marcha causou fondo estupor na familia, nos compañeiros da Corporación provincial e na Corporación local de Porto do Son, onde acababa de revalidar o seu cargo de concelleira do BNG tras as eleccións municipais do 26 de maio.

A súa perda conmocionou aos colectivos sociais e de mulleres que tanta relación tiñan con ela, ao ser nestes últimos catro anos a responsable de Benestar Social e Igualdade no órgano provincial. Nai de dous fillos, tamén coidaba ao seu pai. Era militante da Unión do Pobo Galego (UPG). A Deputación amosou nun comunicado o seu fondo "pesar" pola perda. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou a súa valentía" e "compromiso por Galiza".

Hoxe ás 20.00 horas sairá do tanatorio das Dolores de Xarás, en Ribeira, para recibir sepultura na igrexa de Santa María de Caamaño en Porto do Son, pero deixa moitas luces acesas.