En San Roque de Fóra, cando tiña cemiterio e ermida, hai máis de sesenta anos, había tamén moitas cortes. Moitas cortes e moitos porcos que, despois, acababan nas tendas da Coruña. Era unha pequena aldea dentro do que, despois, sería unha cidade duns 250.000 habitantes. San Roque de Fóra vivía do mar pero tamén do campo, así que, como tantas outras vilas, tiña as súas festas e as súas tradicións, unha idiosincrasia que se foi diluíndo co paso do tempo e que, agora, a asociación veciñal Francisco Rodríguez Otero quere recuperar.

Este sábado voltará ao barrio, aínda que non ao mesmo lugar, porque xa non existe, a festa dos Porcos, unha celebración da que se lembran os que xa eran mozos hai sesenta anos e da que á asociación aínda lle queda moito por investigar.

"Soubemos dela a partir duns obradoiros e duns vídeos que gravamos para recuperarmos a memoria do barrio", explica Marta Rodríguez, residente en Labañou e membro da entidade veciñal. Polo que contan os maiores do lugar, a pesar do seu nome, non era unha feira de gando senón unha romaría, que se celebraba polo Santo Antonio, que é avogado dos animais, e que, polo que até o de agora saben na entidade, o animal que máis había nesta parte da cidade era o porco.

"É complicado saber máis porque a memoria marcha moi rápido", explica Pablo Leira, que é tamén veciño de Labañou e membro da entidade de residentes. Conta que os que viviron esta festa lembran que había unha procesión e que os nenos e as nenas levaban un ramo. Era tamén o tempo das comuñóns, así que, hai algunha foto cos pequenos vestidos de novo nese 13 de xuño de festa.

"Actualmente, non faltan recursos no barrio, pero si que cómpre recompoñer a comunidade. Antes había moita relación entre os veciños e esa comunicación foise perdendo, por iso queremos recuperala, gañar en cohesión social", comenta Marta Rodríguez.

Nesta primeira edición en máis de sesenta anos, a festa dos Porcos contará coa presentación dos vídeos que foron xermolo desta celebración, nos que os veciños e veciñas son os protagonistas porque falan dun barrio que agora xa non está, pero que se pode recuperar, aínda que as infraestruturas sexan diferentes, aínda que no canto de campo e leiras haxa un museo e un obelisco. A presentación será este venres, no centro cívico de Labañou, ás sete da tarde.

Ao día seguinte, a partir das doce, a Asociación Cultural Donaire fará un pasarrúas polo barrio e actuarán na praza da Tolerancia. Ás 13.30 horas, durante a sesión vermú, Las Antonias subirán ao escenario. Son un grupo de mulleres que cantan temas clásicos, mais cambiándolles a letra, facéndoas máis combativas e feministas.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, Peter Punk Pallaso levará o seu espectáculo Chungo ke te cagas, á praza e, ás 19.00 horas, a asociación Son d'aquí impartirá un obradoiro de baile tradicional, para que pequenos e maiores poidan botar uns puntos e, ás 21.00 horas, A Banda da Loba tomará o relevo sobre o escenario. Ás 23.00 horas Pablo Balseiro&Cascarillas pecharán a festa.