A formación de novos médicos na cidade herculina concrétase a día de hoxe, co longo debate sobre a creación dunha Facultade de Medicina ao fondo, nas prácticas que 120 alumnos de sexto curso da facultade compostelá realizan no Complexo Hospitalario Universitario (Chuac). Aos que debemos sumar uns 400 licenciados que cursan o MIR no mesmo centro, hospital de referencia da Universidade coruñesa, polo que tamén nel se forma persoal de Enfermería e de Fisioterapia. Por outra banda, a Facultade de Ciencias da Saúde local ofrece estudos nun grao de Terapia Ocupacional e tres másters: Asistencia e Investigación Sanitaria, Xerontoloxía Clínica, e Ciencia e Tecnoloxía en Termalismo e Balneoterapia.

Centro Tecnolóxico de Formación

A esas opcións hai que engadir a do Centro Tecnolóxico de Formación (CTF), encargado de promover á actualización na práctica médica por medio da aprendizaxe baseada na simulación. Localizado no edificio anexo ao Hospital Teresa Herrera (o Materno-Infantil), ten dous coordinadores, o médico Javier Aguirrezabalaga (encargado da docencia) e o veterinario Alberto Centeno Cortés (responsable da loxística), e é recoñecido como un centro de referencia internacional no ámbito da formación e adestramento dos profesionais sanitarios, tanto do complexo hospitalario coruñés como dos procedentes doutros centros. Os cursos que ofrece son xestionados pola Fundación Profesor Novoa [sic] Santos (para cando algunha referencia a ese médico na páxina web da institución e a tilde en Nóvoa?).

O CTF é un centro singular en España, conta cuns medios técnicos de vangarda, en cuxo fornecemento interveu a Fundación Amancio Ortega. Os profesionais poden practicar varias técnicas (como endoscopias, laparoscopias, artroscopias) con diversos modelos e o apoio informático. Dese xeito, cando chega o momento da intervención real cun paciente, o adestramento previo facilita moito o seu éxito. Contan, por exemplo, con manequíns informatizados, de adultos e de nenos pequenos, e cun quirófano con audiovisual para tratar temas de urxencia, infartos e cirurxía. Nas instalacións salienta a aula docente situada no soto do edificio, dirixida á formación cirúxica. Alí están oito mesas de quirófano, cada unha delas con modelos (ou con animais), un docente no posto central realizando a demostración-intervención e nas sete mesas restantes os sanitarios siguen, a través da plataforma informática que retransmite a imaxe do posto central, os mesmos pasos que realiza o titor (accións que sempre son gravadas).

O médico Echandi

Ese valioso labor formativo que hoxe se ofrece na área coruñesa ten un precedente algo distante no tempo malia non por iso menos relevante. Falamos das iniciativas docentes que levou a cabo na segunda parte do século XVIII Mauricio Echandi Montalvo (1732-1785). Este médico navarro viñera trasladado á cidade herculina en 1756, destinado para o Hospital Militar, no que exerceu a súa profesión durante vinte anos, desenvolvendo unha importante actividade modernizadora, digna de recoñecemento público.

Echandi tivo actuacións meritorias nas inspeccións sanitarias dos buques que arribaban ao porto e destacou coa súa contribución ao tratamento das enfermidades infecciosas e particularmente da temida tuberculose. Propuxo en 1766 unha alternativa ao procedemento oficial (baseado na queima de roupas e camas) para os enfermos de tuberculose: a creación dun servizo de "tísicos", con salas independentes para evitar o contaxio. Para valorar esta iniciativa cómpre ter en conta que ata vinte anos despois non se estableceu en Madrid un servizo semellante de atención para tuberculosos, e que se tardaría máis de cen anos en demostrar a transmisibilidade desta enfermidade. Este médico encargouse, pola súa conta, do tratamento dos enfermos de sífilis e en 1771 manifestouse partidario das inoculacións da variola como medida profiláctica, 32 anos antes de que partira do porto coruñés a salientable "Real Expedición Filantrópica de la Vacuna" da man de Francisco Xavier Balmis, cuxa saída foi recreada onte sábado, 8 de xuño, na cidade.

A recoñecida pericia de Echandi no tratamento das enfermidades infecciosas fixo que xogara un papel protagonista na erradicación de graves epidemias que afectaron a Galicia. Atendeu a enfermos desta cidade afectados pola epidemia de "catarros e pulmonías" no inverno de 1767-68 e realizou unha excelente intervención na epidemia que padeceu Santiago en 1769. Como temperán testemuña do seu prestixio profesional foi nomeado en xuño de 1764 médico titular do Concello coruñés, pero renunciou ao mes seguinte, a pesar da mellor remuneración, polo desexo de dedicarse completamente á medicina militar. A cambio, aceptou o cargo de médico titular honorario do Concello e consultor dos casos graves.

En xullo de 1779 abandonou Galicia ao ser nomeado primeiro médico do Hospital Militar de San Roque (Cádiz) e protomédico das tropas na campaña de Xibraltar. Á súa morte deixou inéditos varios escritos de temas médicos que non se teñen localizado, entre eles un proxecto elaborado en 1770 sobre un "Estado de un Hospital Completo Provisional" que debería establecerse en Pontedeume para as tropas acantonadas na ría de Ferrol.

Un pioneiro curso de Anatomía

Echandi expresou as súas ideas renovadoras ben cedo, ao facer presente aos seus superiores en xuño de 1762 da conveniencia de establecer no Hospital Militar da Coruña un "Curso de Anatomía con demostraciones prácticas", xa que "...el profesor que no conoce el estado del cuerpo humano, esto es la fábrica y estructura de sus partes, no puede curar al enfermo". Na xustificación da proposta aludía aos exemplos dos colexios de Cirurxía de Cádiz e Barcelona, onde se levaba a cabo unha ensinanza moderna, práctica, e insistía na súa necesidade sinalando, ademais dos accidentes propios da tropa, o aumento de lesións provocadas polas obras que se estaban a realizar na localidade e nos camiños do Reino. A proposta foi reiterada catro anos máis tarde, en 1766: "...indispensable el estudio de la anatomía para la Instrucción de los Practicantes del referido hospital y demás facultativos de la Plaza, sin cuyo fundamento no pueden palpar sino en tinieblas y saludar el arte por la superficie...".

A esa segunda petición debe corresponder o plano que se conserva nos fondos do Archivo General de Simancas: "Plano Ydeal de una parte del Hospital Real de La Coruña, en que se manifiesta el sitio y Proyecto para una enfermería de Tísicos; y una Sala para Anatomía, de cuias dos circunstancias se carece con notable perjuicio...". O autor foi Feliciano Míguez e Pereira, enxeñeiro militar destinado na Coruña neses anos, quen por Real Orde de 29 de xullo de 1763 fora comisionado para dirixir as obras dos "caminos transversales" e a construción do Arquivo do Reino de Galicia, previsto para localizarse en Betanzos. No seu labor profesional fixera o plano dun teatro que se pretendía construír na coruñesa rúa da Franxa e un mapa de Galicia (1763).

A proposta de Echandi foi finalmente atendida e aprobada en abril de 1767, a inauguración, o 7 de xullo dese ano, estivo presidida polo capitán xeral Maximiliano de la Croix e contou coa asistencia dos médicos da cidade, ditando Echandi a correspondente lección inaugural. O médico navarro ocupouse da dirección do curso anatómico-cirúrxico e da impartir a docencia, xunto co cirurxián Guillermo Molier. Máis tarde incorporouse ás tarefas docentes o médico lucense Jacinto de Prado e Neira, exalumno destacado do curso.

Valor da iniciativa de Echandi

A implantación da Escola de Anatomía e Cirurxía no Hospital Militar acada especial importancia se temos en consideración o contexto da época. Un tempo no que a Medicina e a Cirurxía experimentaba un certo pulo modernizador, expresado principalmente nos traballos prácticos en anatomía e disección, labor no que destacaron os colexios de cirurxía. Non obstante, o primeiro que se estableceu en Galicia non o fixo ata 1799, en Santiago. E se nesa cidade funcionaba a Facultade de Medicina desde 1649, esta permanecía nun ensino teórico, afastado do labor práctico, xustificando a súa resistencia ao cambio nas carencias de medios e en aspectos corporativos. Nese precario panorama destaca o labor pioneiro de Echandi na docencia médica en Galicia.