OPleno da Coruña do pasado 6 de maio acordaba con 17 votos a favor (Marea Atlántica, PSOE e BNG) e 10 en contra (PP), retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, recollendo a iniciativa do colectivo de presas e presos na ditadura franquista no manifesto Non queremos ao "Camarada Fraga" como Fillo Adoptivo. Ese manifesto acababa así: "Como servidor do franquismo e ministro dunha ditadura criminal, Fraga non merece recoñecemento social, nin a distinción de Fillo Adoptivo".

A moción recolle o sucedido despois da aprobación en decembro de 2007 da chamada Lei de Memoria Histórica: o 17 de decembro de 2008 a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), presentaba unha proposta para a eliminación da simboloxía franquista na Coruña, baixo o título Tolerancia cero co franquismo, que xa incluía a Manuel Fraga entre a simboloxía franquista que había que retirar porque era Fillo Adoptivo. Esta petición estaba tamén recollida no manifesto Os tempos son chegados. Pola retirada da simboloxía franquista da Coruña e as distincións honoríficas a Franco e a todos os ministros da Ditadura, promovido pola CRMH en xuño de 2009 e que era apoiado por un numeroso grupo de entidades, historiadoras e historiadores.

A chamada Comisión de Expertos da que formei parte non tratou o tema de Fraga porque había un documento base, que non incluía a Fraga. Fixen a proposta de debater tamén, entre outros, o caso de Fraga e alcaldes na ditadura como Sergio Peñamaría de Llano, pero foi rexeitada e chegou á Comisión de Honras e Distincións como voto particular.

O Pleno de 7 de setembro de 2009 acordaba a retirada de distincións honoríficas a Francisco Franco e a oito ministros na ditadura, entre eles José Ibáñez Martín (Fillo Adoptivo desde o 4-2-1946) e José Antonio Girón de Velasco (30-11-1950); retirábase tamén a distinción de Fillo Adoptivo a Tomás Garicano Goñi e Juan Castañón de Mena no mesmo Pleno de 15-5-1972. Nese período recibe tamén Fraga a distinción de Fillo Adoptivo (24-12-1968).

Posteriormente, e dentro do informe presentado pola CRMH en xaneiro de 2015, véspera das eleccións municipais, para completar a retirada da simboloxía franquista, estaba tamén incluída a retirada das distincións honoríficas a Manuel Fraga e Laureano López Rodó. Este informe era apoiado, nunha presentación conxunta, polos partidos que formaban parte do Goberno municipal da Marea Atlántica, así como PSOE e BNG.

A retirada das distincións a todos os ministros de Franco pola represión na que participaron e a violación de dereitos humanos, estaría incluída dentro do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica que fala da "retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura".

O alcalde Xulio Ferreiro falaba en outubro de 2015 de "buscar o maior consenso posíbel antes de actuar". Despois de 43 meses desa declaración, os tempos son chegados e xa hai o máximo consenso posíbel. Por iso, Nicanor Acosta, membro do colectivo de presas e presos, dicía desde o Escano Cidadán no Pleno de 14 de xaneiro de 2019: "Confiamos en que esta digna Corporación teña tolerancia cero co franquismo e os seus colaboradores, e que moito antes do mes de maio retire a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo".

A moción non fala para nada do Presidente da Xunta e refírese ao "Camarada Fraga" (era o tratamento entre os fascistas), que recibe esa distinción cando era ministro da ditadura. Como recolle a moción: "Estamos ante unha auténtica anomalía dentro das democracias europeas, que hai que superar. En 1946 a Asemblea de Nacións Unidas catalogaba o franquismo como unha ditadura ao mesmo nivel que a Alemaña nazi ou o fascismo en Italia. Algún ministro dos gobernos de Hitler ou Mussolini conserva hoxe a distinción de Fillo Adoptivo nalgún concello de Alemaña ou Italia?". A presentación polo alcalde, como aprobou o Pleno, da proposta de revogación de honras e distincións a Fraga e López Rodó e aos alcaldes na ditadura, non depende do tempo „pasaron 26 meses desde a constitución da Comisión Municipal da Memoria Democrática„, senón da vontade política.