1. Organización do Concello e relación entre os grupos municipais.
-Dotación aos grupos municipais de recursos económicos e humanos suficientes para o exercicio do seu labor.
-Comezo da negociación dos orzamentos municipais en setembro, que se acompañarán sempre dun informe de impacto de xénero, e comezo das negociacións das ordenanzas con tempo suficiente.
-Mantemento da presenza dos grupos municipais na Xunta de Goberno Local e nos órganos colexiados.
2. Liñas a seguir para levar a cabo na cidade nestes catro anos de mandato.
-Avanzo na accesibilidade no espazo público, equipamentos e instalacións públicas e estabelecementos, priorizando esta política transversal nas accións que desenvolva o goberno no primeiro ano de mandato. Para iso, contarase co apoio e asesoramento do Grupo Accesibilidade Coruña.
-Impulso á creación de novas áreas peonís.
-Impulso da mobilidade na cidade, fundamentalmente no que ten a ver co transporte público e de xeito singular priorizando, no primeiro ano de mandato, as seguintes actuacións:
Regulación dos vehículos de mobilidade persoal e modernización da ordenanza de mobilidade.
Mellora do servizo de autobuses, que deberá ter en conta a necesidade de:
Intensificación de frecuencias das liñas.
Ampliación do horario de servizo.
Modificación do mapa de liñas.
Implantación do carril bus.
Estudo dos modelos de xestión, incluída a xestión directa, do transporte público urbano.
-Aprobación e posta en marcha, na primeira metade do mandato, dun programa de bolsa de vivenda en réxime de aluguer.
-Estudo da viabilidade da creación dun programa específico de dinamización do comercio cunha bolsa de baixos comerciais en réxime de aluguer.
-Impulso á rehabilitación dos locais municipais en desuso e elaboración dun regulamento de usos dos locais municipais para a súa cesión ao asociacionismo da cidade.
-Estudo das posíbeis solucións urbanísticas para dotar o barrio da Agra dunha zona verde proporcional á súa densidade de poboación e ás súas necesidades no espazo denominado Parque da Agra.
-Comezo, no primeiro ano de mandato, dos trámites para a desafectación ou a procura de solucións urbanísticas alternativas, consensuadas coa veciñanza de Elviña afectada polo parque Ofimático.
-Impulso, no primeiro ano de mandato, dos proxectos de renovación dos mercados municipais e modernización das ordenanzas.
-Darlle a mellor solución legal e laboral posible, no primeiro ano de mandato, á situación do persoal das bibliotecas, co obxectivo de unificar a rede a través da xestión directa.
-Avaliación da situación das infraestruturas e condicións das Escolas Infantís Municipais e deseño dun programa de atención á problemática deste servizo público.
-Defensa do cumprimento do pacto local asinado pola Fegamp e a Xunta, con especial atención no referente aos equipamentos educativos públicos. Atención aos CEIP: nomeadamente comedores e patios cubertos.
-Elaboración do Plan de desenvolvemento e industrialización para a cidade e a súa área metropolitana a partir da “Diagnose previa para a elaboración dun plan de industrialización e desenvolvemento empresarial 4.0 da cidade da Coruña”. Impulso da cidade das TIC en colaboración coas demais administracións competentes.
-Adaptación da formación para o emprego ás demandas do mercado laboral existente ou a programas impulsados desde o Goberno Local. Asemade, valorarase a necesidade de financiar por parte do Concello os gastos de transporte, ao tempo que se regulará o servizo de canguraxe para as persoas que perciben a formación.
-Na primeira metade do mandato, elaboración dun Plan de Inclusión Social e estudo dunha reforma da Renda Social Municipal e da Axuda da Emerxencia Social.
-Modernización do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá e do Regulamento Orgánico Municipal, contando co máximo consenso político e social que sexa posible.
-Aprobación, co máximo consenso posible, no primeiro ano de mandato, da Ordenanza do Galego, coincidente coa aprobada unanimemente na Deputación da Coruña no mandato 2015-2019 e coa aprobada en todos os concellos.
-Cumprimento da lexislación en materia de normalización lingüística no Concello da Coruña, seguindo as liñas fixadas no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento galego.
-Impulso ao sector do libro na cidade coa recuperación, desde o primeiro ano do mandato, da Festa do Libro e coa celebración da Semana do Libro.
-Eliminación da simboloxía franquista que fica por retirar na cidade da Coruña.
Posición do Concello da Coruña en relación con asuntos competencia doutras administracións.
-Reclamación á Xunta e ao Goberno do Estado dos investimentos necesarios para o desenvolvemento económico e social da Coruña e da súa comarca. En particular, demandarase do Estado a realización das infraestruturas necesarias para a total operatividade do Porto de Punta Langosteira, nomeadamente a conexión ferroviaria, e a conexión entre o porto interior e o porto exterior.
-Impulso da constitución dun consorcio, coa participación das distintas administracións e entes implicados, para acometer a transformación dos terreos do porto interior, mantendo sempre a titularidade pública dos mesmos, e condonando a débeda existente pola construción do porto exterior ou buscando outras solucións financeiras que en ningún caso representen unha hipoteca para o futuro da cidade, nin unha desigualdade de trato respecto das solucións dadas noutros portos de interese xeral do Estado. Artellaranse fórmulas directas de participación da cidadanía.
-Exixencia ao Goberno Central e ao da Xunta do compromiso dos fondos precisos para executar no menor tempo posíbel o dragado e a rexeneración da Ría do Burgo.
-Solicitude ao Goberno Central e á Xunta da devolución ou a cesión ao Concello dos terreos e instalacións da súa titularidade actualmente en desuso ou infrautilizados.
-Exixencia ao Goberno central dunha solución definitiva que asegure a continuidade da factoría de Alcoa na Coruña e unha solución ao problema das industrias electrointensivas.
Seguimento do Marco de colaboración entre os grupos municipais do PsdeG-PSOE e BNG.
Os grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG comprométense a manter reunións periódicas de seguimento destas bases para un marco de colaboración entre ambos grupos, a través da creación dunha comisión estábel.