A Novedades Carminha non lle asusta cambiar de estilo. Cando o mundo mira cara as guitarras, eles vanse ao tropical, e cando o urbano ponse de moda, eles soñan con ser máis punkis. Ante a choiva, que sobrevoará mañá ata a tarde a xornada do seu concerto na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor (22.00 horas), tampouco pestanexan sequera. "Se non estivésemos preparados para a chuvia en Galicia, mal estaríamos", di Xavi G. Pereiro, batería da formación, de xira estes meses co seu álbum Ultraligero.

O disco, homenaxe absoluta ao "verbeneo", é unha nova volta no camiño da banda. Tamén é unha proba dese pesadelo que senten sempre no cocote, o temor a converterse en "puretas", e rematar encaixonados nun xénero ou nos catro éxitos con máis rebumbio do seu repertorio. Con Ultraligero, que segue a senda de Campeones del mundo, o grupo plántanse ante calquera anquilosamento. Prende unha mecha a favor da festa, o bo humor e a unidade, e declara que non pretende "ser referente" de nada, máis que de gozar a música e de vivir o presente.

Do punk dos inicios aos ritmos latinos. O de Novedades Carminha está a ser unha viaxe con moita curva.

Si. Nós empezamos facendo punk porque era o contexto no que estabamos en Galicia, e sentíamos a necesidade de expresarnos así. Pero decidimos cambiar en Campeones del mundo porque todo dios estaba subido no carro do garage. Nós tiramos pola música urbana, porque queremos escapar de estar nun cesto común.

A música urbana, non é tamén caer en modas?

Por iso estamos pensando en volver á música de guitarras, a dar caña sen deixar de lado os ritmos novos. Pensamos que é un momento guay para reivindicar as bandas de rock ao uso, en tempos de Rosalía e C.Tangana.

En Ultraligero o que reivindican por enriba de todo é a verbena. Canto tivo que ver niso o ADN galego?

Novedades Carminha sempre foi un grupo moi soleado, ese fondito tropical sempre estivo. Pero nunca fomos demasiado conscientes ata que fixemos Ultraligero e empezamos a aprender que nós, en Galicia, temos unha herdanza da música latina moi asumida. O tropicalismo galego existe, e todo o malo da vida da igual se estamos contentos na verbena, aínda que sexa por unhas horas.

Nótase ben que non esquecen a casa. Inclúen esa versión de A Santiago voy que fai que ata Los Tamara soen modernos.

Si. Pucho Boedo foi sempre unha figura que nos fixo moita gracia, e apetecíanos reivindicalo a el e a Los Tamara, porque temos a sensación de que durante moitos anos foron considerados como un grupo vulgar. Pero tiñan un fondo incrible. Para facer esa canción chamamos a Esteban e Manuel, que son como os reis da cumbia en Santiago, e que nos ensinaron as chaves do xénero.

Dicían con este álbum que querían "dar o salto á primeira división". Vai ben o proxecto?

[Risas] Vai moi guay, a verdade. Agora Novedades Carminha ten moito máis poder de convocatoria. Igual xa somos primeira división, pero tampouco nos preocupa moito, porque sabemos que a vara de medir da actualidade non é moi xusta e que moitas veces é cuestión de sorte. Para min é máis importante non perder de vista a eses tres rapaces que ían en coche por Galicia, tocando onde podían.

Tres rapaces con fama máis ben macarra, malia que falan no disco de ser "blanditos por dentro" e "chulitos por fuera"...

É un xeito de definir a Novedades Carminha superclara. Sempre tivemos pinta de cabroncetes, pero no fondo somos moi sensibles. Nós non pretendemos ser millonarios, nin os máis malos do pobo. De feito, intentamos todo o rato deixar claro que somos bos rapaces [risas].

O seu tema Joven con la edad, é un autorretrato?

Igual si. Facerse maior aprendendo a ser novo é unha cousa importante. A nós nos traumatiza que poidamos facernos puretas, que nos esquezamos de divertirnos e de vivir no presente. Nesa canción pensamos en moita da xente que nos encontramos por aí, que son moito máis maiores ca nós, pero que parece que con estas letras atopan unha pedra de xuventude coa que revivila malia ter 40 anos.

Como se imaxinan vostedes a esa idade?

Aínda en activo e non querendo vivir dos éxitos do pasado. Se Novedades Carminha son un grupo de corentóns, agardamos que haxa algo novo que contar. Igual facemos letras de ter fillos ou de pedir unha hipoteca [ri]. Pero se dentro de 10 anos somos catro puretas tocando as cancións de Te vas con cualquiera, probablemente Novedades Carminha non exista.