Para o público, están sempre asociados á clásica, condenados a interpretar a Bach ou a Beethoven mentres se agochan na sección de ventos dalgunha orquestra. Pero os que os manexan con asiduidade saben que o son das súas campás chega a rachar esquemas. Os clarinetes, máis aló das partituras do barroco, poden ser modernos. Poden converterse na salsa de Tito Puente, a forza de Adele e a enerxía de Queen e Led Zeppelin, e explorar novos territorios cos que conectar máis de preto coa música que retumba nas rúas.

"Teñen todos os timbres, e suplen os distintos instrumentos dunha orquestra. É por iso polo que poden facer todo tipo de temas", explica Xocas Meijide, profesor de clarinete da Escuela de Músicos. O docente é o fundador da CoruClarinet Orquesta, unha formación coa que pretende afondar en novos estilos musicais, e dar aire a uns intérpretes que quedan moitas veces enreixados na "rutina". Esta tarde, e baixo a dirección de Nilo García, o grupo afrontará a súa estrea no Garufa (22.30 horas), onde tocará un repertorio de vinte composicións de jazz, música latina, e moito rock.

A banda sonora de Juego de Tronos será a que abra o programa, no que sucederanse clásicos como Autumn levaes de Eric Clapton, Smoke on the water de Deep Purple ou o éxito de David Bowie Life on Mars. Tamén haberá oco para pezas máis recentes, de artistas coma Mark Ronson, Pharrel Williams ou Justin Timberlake, que porán o broche co grito de guerra que Gloria Gaynor entoa no seu popular tema I will survive.

En total, serán dúas horas de concerto, que contarán coa voz de Belém Tajes, a guitarra de Fernando Fraga e Bruno Couceiro á batería. Os verdadeiros protagonistas, porén, serán os 25 estudantes do Conservatorio Profesional e da Escuela de Músicos que se unen no proxecto, "aberto a todos os que queiran tocar o clarinete", incluído aficionados.

Entre estudantes e profesionais, sinala Meijide, no grupo reúnese "moito talento", como a multigalardoada concertina Carla Gómez. Tamén todo un abano de clarinetes descoñecidos para o público, como os sopranos, baixos ou contrabaixos, que soan a unha escala totalmente "nova" ata o de agora en Galicia. Asegura o seu fundador, membro ademais da formación, que non hai na comunidade unha semellante. "Hai moita banda, pero orquestra de clarinetes hai poucas. Esta é a única que coñezo a este nivel", indica o músico, "o liante", segundo García, que deu forma a todo tirando de contactos.

Co director, Meijide xa tiña falado fai tempo para crear un grupo arredor do instrumento. Antes da CoruClarinet o intérprete tivo entre mans outro máis reducido, no que probaba o sabor do rock cos membros da Orquesta de Clarinetes Mestre Mateo, e co que deu un par de concertos no mesmo espazo no que hoxe debuta. A comezos de marzo, a idea daquela banda tornouse máis ambiciosa, e comezou a rodar con ensaios desde abril. "Coordinar axendas" e "durmir pouco" foron, di García, os ingredientes nos ensaios para ultimar o repertorio, que conta con arranxos procedentes do outro lado do Atlántico.

Preto da hora da verdade, os seus intérpretes camiñan entre as partituras con calma, pero "moi ilusionados". "Os que estamos nerviosos somos nós", confesa entre gargalladas Meijide, que agarda mover aos rapaces máis aló do clasicismo, e "motivalos con outro tipo de linguaxe". Tanto el coma o director, que exerce de docente no Conservatorio Profesional de Música, resaltan o "enriquecedor" que é ampliar coa introdución de novos estilos o abano que manexan. Coa CoruClarinet Orquesta queren alimentar o seu " gusanillo" para que sigan gozando de tocar "o instrumento máis belo do mundo", e mesmo chegar a convencer a algún aspirante entre o público, que pode adquirir as súas entradas por un prezo de 7 euros na taquilla.