Recuperar as tradicións galegas é un dos obxectivos cos que xurdiu a Asociación Son d'aquí hai xa cinco anos. Cando naceu esta agrupación, en 2014, os seus membros decidiron comezar a celebrar o Serán, unha festa típica de Galicia „bastante común no sur da comunidade„ que se desenvolvía despois das labores do campo á tarde-noite, cando a xente se reunía para cantar, tocar e bailar.

Este ano, a asociación, composta por case 400 membros, organiza a celebración desta esmorga tradicional. Hoxe, todo o día estará adicado ao desenvolvemento de diferentes actividades na praza dos Avós, en Monte Alto, fronte ao centro cívico. Sorteos, xogos tradicionais para os nenos e actuacións musicais que pretenden "reavivar a cultura galega e o baile traicional galego", salienta Elvira Morales, unha das coordinadoras do evento.

A perda dos costumes galegos, como festas ou bailes, sobre todo nas áreas urbanas é algo que sucede cada vez máis, segundo alertan desde a agrupación. A asociación promove a música e os bailes tradicionais coa realización de cursos e obradoiros ao longo do ano. Esta xornada é un dos momentos nos que os estudantes mostrarán o aprendido durante o curso.

A festa para dar a benvida ao verán comezará ás once da mañá, coas ruadas instrumentais, e estenderase ata ben entrada a madrugada cunha gran foliada. Na sesión vermú, as Escolas e Escoliñas d'aquí e o grupo ferrolán de folk galego Xoldaina serán os encargados do ambiente musical.

Polo serán, Xabier Espasandín e Mercedes Figueroa, mestres da agrupación, ofrecerán unha clase aberta para que calquera que asista ao evento poida "aprender os pasos básicos do baile galego, para que a xente se anime a bailar e a participar nas foliadas", que comezarán a partir das oito da tarde, con grupos como Xebre, Maghúa, Queiroa e a formación de Son d'aquí, destacaba Morales.

Esta é a quinta edición do Serán d'aquí, unha festividade cultural rescatada do pasado que pretende xuntar a toda a comunidade nun evento que aspira a ser "interxeracional, no que se xunten desde nenos a persoas maiores", comunican desde a agrupación. Un día cheo de actividades para toda a familia, cun fin, que é a difusión e revalorización dos costumes galegos.

As previsións meteorolóxicas presaxian un tempo favorable, con sol e temperaturas agradábeis para o desenvolvemento das diferentes actividades, que serán ó aire libre na praza. Porén, Son d'aquí informa de que en caso de choiva os actos paralizaríanse se fose necesario e continuarían no interior do centro cívico, moi próximo á praza.