Explica o experto e mestre anelador Francisco Rosende que sempre lle gustaron os paxaros, saber como era a súa vida máis alá do momento no que pasaban por diante dos seus ollos; así que, desde os anos setenta forma parte do Grupo Naturalista Hábitat, un fogar no que entran voluntarios cada ano para descubrir os segredos da biodiversidade galega.

Xa hai tres anos que o grupo de anelamento acode desde o 15 de maio até finais de agosto a diferentes lugares da costa para intentar atrapar algúns exemplares de paíños, para pesalos, medilos, poñerlles unha argola cun código na pata „para que, quen os atope máis adiante, saiba con certeza de onde veñen„ e tamén para estudar toda a información que poidan obter das súas plumas ou dos seus excrementos, se poden recollelos.

Para conseguir atrapar a un destes exemplares, os mesmos que lle deron título a un dos libros de Manolo Rivas „ A man dos paíños„os voluntarios tenden unha rede de case vinte metros de longo nunhas pedras e tiran de novas tecnoloxías para facer crer aos paxaros que, terra adentro, hai unha colonia de compañeiros coma eles, en plena festa da reprodución.

Así que, con luces infravermellas na cabeza, un altofalante e moita paciencia esperan a que os paxaros escoiten os cánticos, e se sintan atraídos cara á rede onde quedan enganchados tan só un momentiño, o que tardan os voluntarios en liberalos da malla para empezar co traballo científico, cuns aparellos que mesturan precisión e imaxinación, xa que, para que non marchen, os paíños son introducidos nunha trampa feita cun tapón e un rolo de cartón, que axuda no momento da pesaxe.

O biólogo Cosme Damián Romay, que é membro de Hábitat e está a facer a súa tese de doutoramento na Universidade da Coruña sobre taxonomía , bioxeografía e conservación das aves de Galicia, asegura que dos paíños aínda "se sabe moi pouco" pero que hai moitas cousas chamativas nesta especie, que é moi antiga. Por exemplo que, aínda sendo todos paíños, as poboacións atlánticas son migrantes e pasan semanas voando cara a Brasil, Sudáfrica ou Namibia, e que as mediterráneas, porén, saen moi pouco, tanto, que se se atopa un paíño nesa costa case se pode ter a certeza de que naceu alí, que non ten grandes viaxes trasatlánticas nas súas plumas negras e brancas.

Para coñecer máis destes paxaros que teñen dous buracos no peteiro para botar o sal que lles sobra, e que parece que teñen un chichón na cabeza que usan para desalinizar a auga, a tamén bióloga e doutoranda da UDC Atocha Ramos recolle mostras se excretan cando están en terra. Ramos estuda as aves mariñas e a contaminación no Atlántico nordeste e, deste xeito, pode saber se teñen no corpo axentes contaminantes, como os microplásticos ou metais pesados.

Nesa noite na que o vento frustrou máis chegadas á costa, os voluntarios de Hábitat „entre eles dúas estudantes italianas que están a facer as súas prácticas de verán na entidade„ conseguiron documentar dous exemplares de paíño. Deses paxaros que se viron obrigados a voar pola noite para evitar as gaivotas e os falcóns peregrinos, os seus predadores, porque é entón cando eles dormen.

Foron dous desta vez, pero houbo noites mellores nesas rochas do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Torre de Hércules, como unha na que máis de corenta paxaros caeron na trampa de achegarse a terra. Logo de soltalos, os voluntarios esperan a que outros naturalistas lles digan que os atoparon. Pasou xa en varias ocasións, un paíño anelado en Galicia en 2017 foi atopado en Baleares ao ano seguinte.