Amparo Alonso Betanzos é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña (UDC) e preside a Asociación Española Para la Inteligencia Artificial (AEPIA). Toda unha autoridade nunha materia que ten por obxecto construír máquinas ou programas que realicen tarefas que entendemos como intelixentes. Recibiume no seu despacho da Facultade de Informática, coa mesa ateigada de libros e nunha mañá na que, a pesar das numerosas ocupacións, detivo o tempo e atendeu amablemente ás preguntas.

Amparo, Intelixencia Artificial suxire investigación de vangarda: robots, coches sen condutor, etc.

En general, en películas, novelas, lo que nos ofrecen es una Inteligencia Artificial de carácter general, la que supone razonar como un humano a cualquier nivel. Pero nosotros trabajamos con la de "nicho estrecho", que es la que realmente existe, la que interviene en áreas concretas, por ejemplo, diagnóstico de cáncer de mama.

Explicoume que a Intelixencia Artificial é algo moi transversal e ubicuo, aparece na vida cotián nalgunhas aplicacións dos nosos móbiles ou no aspirador Roomba. No seu grupo de investigación deseñan algoritmos con capacidade de aprendizaxe automática, que precisan dun requisito especial, por exemplo uso de moitos datos ( big data) con manexo privado deles, e tamén atenden á súa explicabilidade, saber como chegar a un resultado. O equipo está formado por vinte persoas, cunha salientable presenza de mulleres, entre un 40 e 50%. Amparo dirixe a sete doutorandos e algúns postdoutorados. Moitos deles reciben propostas laborais dende todas partes do mundo, polo que "siempre estamos empezando de cero".

Investigando novos materiais

Manuel Herrador Barrios, profesor de Formigón Estrutural na Escola Técnica Superior de Camiños, Canais e Portos da UDC, fálanos dese material de construción tan utilizado, constituído por unha mestura de cemento, area, auga e grava. Este profesor, a quen lle preocupa a interrelación entre a Ciencia e a sociedade, expresase con entusiasmo sobre o seu labor profesional. Conduciume ao edificio contiguo á Escola, ao Laboratorio do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (Citeec), unha contorna de traballo práctico onde se lle nota cómodo e alí mostra, satisfeito, a maquinaría coa que o seu grupo de traballo realiza os ensaios de materiais.

Explícanos que o formigón é un material insubstituible, porén ten entre os seus integrantes algúns que, como o cemento, son dos menos sostibles, pois o 7% da pegada de Carbono (indución do efecto invernadoiro) no mundo é debida á súa produción. Por iso, un reto fundamental do equipo é a busca de formigón que requira menos enerxía, feito con materiais reciclables e máis lixeiros. O grupo de traballo son quince persoas, en dous laboratorios, e nel hai catro doutorandos, xunto cun técnico e tres estudantes de grao e máster. Colaboran con empresas, unha relación satisfactoria que supón a maior fonte de ingresos dos salarios dos doutorandos e a amortización de máquinas.

Ramón Artiaga Díaz é profesor de Ciencias dos Materiais na Escola Politécnica Superior de Ferrol. Cóntanos que traballa sobre propiedades térmicas e reolóxicas dos materiais. Así, por exemplo, o seu grupo colabora con outros no estudo de materiais híbridos, orgánicos-inorgánicos, con propiedades barocalóricas que poden substituír aos gases para sistemas de refrixeración, unha alternativa máis ecolóxica. Séntese a gusto no seu equipo: "Teño a sorte de que coincido con xente moi positiva e iso axuda para traballar"; son sete persoas, un número que oscila en función das colaboracións e levan a dous doutorandos. O seu grupo de traballo acudiu á convocatoria Inditex-Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT, nas súas siglas en inglés) acompañados na proposta dun destacado investigador, Brian W. Anthonny, acadaron un "contrato semente" para caracterizar como inflúen diversas variables (material, actividade, deseño, ambiente, etc.) no confort térmico da roupa.

Na busca de estabilidade no mercado laboral

Amparo, Manuel e Ramón son profesores-investigadores seniors, cun currículo de longo percorrido e unha situación laboral estable. Ese sector profesional fundamental na UDC convive con outro formado por colegas que buscan unha estabilidade laboral que non dá chegado. Pilar Díaz Tapia, estudou Bioloxía na propia UDC e traballa en Evolución, Sistemática e Ecoloxía de algas. Rematou a tese de doutoramento en 2013 e despois accedeu a unha bolsa de post-doc da Xunta, que está a piques de rematar. Afronta un futuro incerto que pasa, basicamente por obter unha praza na área. Pilar tira de ironía para caracterizar ese posto: "En condiciones bastantes mejorables". Porque falamos dunha praza de contratada interina de substitución a tempo parcial, 180 horas de clase por 700 euros ao mes! Cristina Piñeiro Corbeira finalizou a tese de doutoramento na UDC en novembro de 2018, un traballo sobre o efecto da crise climática nas algas. Loita por seguir investigando porén agora mesmo carece de opcións laborais, precisaría dispoñer dunha bolsa. Estas mulleres coinciden na súa área de traballo e tamén comparten incerteza laboral e paixón pola investigación, unha enorme motivación para afrontar as dificultades.

Datos sobre a investigación da Universidade da Coruña

Salvador Naya Fernández, catedrático de Estatística e Investigación Operativa do Departamento de Matemáticas, é Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC. Persoa reflexiva e de actitude positiva, co seu falar tranquilo explícanos a estrutura investigadora da universidade coruñesa.

"A UDC está organizada en tres grandes campus de especialización e catro centros. Temos o Campus Industrial, de Ferrol, especializado na actividade naval e industrial e, na Coruña, os de Sustentabilidade e Innova. No que respecta aos centros, contamos co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (Citic), a quen a Xunta recoñeceu como Centro Singular de Investigación de Galicia para o período 2016-2019. Tamén o Citeec, que acolle investigadores en enxeñería civil. Un terceiro é o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), que traballa nas ciencias químicas, biolóxicas e ambientais. E, por último, o Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT), en Ferrol, relacionado co naval e a industria. Tamén vimos de constituír a agrupación estratéxica de investigación i3, que integra a investigadores de sete grupos de traballo de Ferrol. Na UDC traballan 1.393 profesores, correspondentes a todas as pólas de coñecemento. Deles algo máis do 80% investigan, formando parte duns 144 grupos de investigación".

Sobre a capacidade investigadora da UDC Salvador indica: "En 2018 subimos en case todo, e iso que a Xunta só valora a investigación e non a transferencia (como patentes, rexistros de software, etc.), campos nos que a UDC é relevante". A comunidade investigadora do centro coruñés pasou de publicar, en 2015, 569 artigos categoría JCR (o Journal Citation Report é o indicador de calidade máis coñecido e valorado polos organismos de avaliación da actividade investigadora) a 950 en 2018, un máximo histórico.

O perfil docente e investigador

A UDC ofrece información pública sobre cada un dos seus docentes. Calquera pode acceder, vía buscador en internet, ao perfil docente e investigador (pdi) dos profesores, e coñecer, polo tanto, as ocupacións docentes e labor investigador que realizan. Un positivo exercicio de transparencia da institución. A consulta ofrece interesantes datos e amosa un colectivo diverso canto a actividade investigadora, con diferencias significativas entre o persoal.

Manuel Herrador comenta: "La investigación en mi centro [Escola de Camiños] siempre fue muy buena, siempre se ha investigado mucho". E salienta unha peculiaridade da súa área: "Nuestros artículos son muy caros, podemos sacar la estadística de lo que nos cuesta a nosotros en ensayos y mano de obra publicar algo novedoso y es tremendamente caro". Entende que o crecemento da UDC en artigos JCR "es un síntoma positivo, pero no mide todo el trabajo que se realiza". Amparo Alonso valora o incremento en publicacións de calidade. Non obstante, subliña que ese éxito debe repercutir no traballo cotián dos autores na universidade, que, entende, "está muy mal repartido", coida que non se valora dabondo o esforzo investigador. Pilar Díaz e Cristina Piñeiro estiman que a súa área, Ciencias, é unha das máis esixentes: "la presión por publicar es tremenda".

I+D+i

Mentres o investimento público en Ciencia aumentou un 27,4% no conxunto de Europa dende o ano 2009 ata 2016, en España ocorreu o contrario, retrocedeu. O investimento en investigación, desenvolvemente e innovación (I+D+i) en 2016 en Galicia era do 0,87% do PIB, fronte ao 1,19% da media española e ao 2% de media europea. Por iso, existe unha ampla coincidencia entre os entrevistados sobre a necesidade de gastar en Ciencia. Nesa liña, Salvador incide en que o mellor investimento é a investigación, porque xera riqueza; mais como os resultados non son inmediatos, coida necesario un pacto pola Ciencia. Esa visión a longo prazo tamén é demandada por Ramón. Pilar e Cristina matizan que o investimento debe dirixirse ao incremento dos recursos humanos.

"España está financiando la ciencia en Estados Unidos y los países anglosajones"

Segundo un estudo de Stefano de Marco e Daniel Sorando, uns 8.000 mozos/as (entre 16 e 29 anos) saíron ao ano de Galicia entre 2007 e 2017, cifra que se achega aos 10.000 se estendemos a franxa de idade aos 35 anos. E o proceso continúa, con datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) de 1 de xaneiro deste 2019, a poboación de orixe española residente no estranxeiro aumentou nun ano en 62.921 persoas (37.873 en Europa). Marchan con todo tipo de cualificación profesional, mais algúns son científicos ben formados. Sobre este éxodo, declaraba neste xornal (12 xullo de 2018) o científico Ginés Morata, Premio Príncipe de Asturias de Investigación: "España está financiando la ciencia de los países anglosajones y EEUU". Nese contexto, resulta desconcertante que en España o debate público sobre o movemento de persoas se limite á recepción dos inmigrantes, tema relevante que non debería agachar a preocupante saída de mozos e mozas.

Amparo comenta que "está muy bien ir extranjero, pero unos años", e sinala que os que empezan a traballar co seu grupo abandónano pronto porque as ofertas doutros países son moito mellores que as da universidade, que ofrece salarios baixos e carreira investigadora inestable. Tamén coincide con Morata no desperdicio que constitúe formar xente preparada e que vaian a producir noutro lugar: "Es una tragedía para el país". Manuel indica que os que fan doutoramento con eles colócanse no sector privado en postos de alta cualificación. No caso do persoal do seu centro, "dependemos del crecimiento de la universidad, si no hay más alumnos no hay más profesores". Iso supón que algúns teñen que marchar fóra. "Pero la verdad es que tenemos muy buena colocación en el extranjero". Para Artiaga, "todo se move por modas" e entende que agora está de moda recuperar talento; el primaría a recuperación dos que inician a carreira investigadora. Cristina ve natural marchar, non lle asusta. Pilar buscaría mellores condicións ao estranxeiro, "si no fuese por razones personales". E engade: "Si te vas lo vas a tener muy difícil para volver".

Salvador explicoume como actúa a UDC: "Como sabes, Tino, temos un programa de captación e retención de talento, financiado por Inditex, o Intalent. O programa está dando un bo resultado, as cifras demóstrano e, ademais, con pouco custe, 1,5 millóns euros". Captaron, de momento, a seis investigadores. Na ultima convocatoria, para dúas prazas, tiveron 68 candidatos.

Agora mesmo nas universidades españolas a porcentaxe de prazas asignadas a candidatos internos (que traballan na mesma universidade) é dun 95% e o número de profesores estranxeiros nelas supón un escaso 1,8%. Números que contrastan cos doutros países europeos. Esas cifras gardan relación coa substitución dun elevado número de investigadores que se xubilarán proximamente (a idade media dos profesores das universidades públicas españolas é de 54 anos). Salvador defende que a UDC afronta ese desafío desde unha posición aperturista, que prima a calidade dos seleccionados. De feito, coméntame, das prazas de profesores que convocan van reservar un 10% para solicitantes que poden ser de fóra e de dentro da UDC (5 de 50 este ano), vía que poden utilizar os adxudicatarios das Intalent para estabilizarse. A ese 10% habería que sumar un 15% para bolseiros das Ramón y Cajal e/ou investigadores con acreditación I3. Polo tanto, un 25% das novas prazas estarán abertas a solicitudes externas e internas.

Posibles melloras aplicables na investigación da UDC

Salvador resume o que considera elementos que favorecían unha melloría na investigación na UDC: "Coido que debemos ir a máis proxectos europeos, incrementar as relacións con Europa (e Latinoamérica), potenciar unha Oficina específica. Europa é un caladoiro ao que ir pescar, necesitamos máis persoal para traballar niso. Tamén, incrementar o número de solicitudes de ERC, das Starting Grants e que se presente algún investigador senior. Fortalecer centros de investigación e que todos acaden o selo de centros singulares da Xunta de Galicia. E insistir na renovación da plantilla e captación de talento".

Amparo e Manuel concordan na necesidade de investir en persoal investigador estable e a Ramón gustaríalle soportar menos burocracia. A Pilar e Cristina non lles parece aceptable a inestabilidade que existe, sobre todo cando se remata a tese de doutoramento. Pilar observa a contradición de que na súa actual etapa profesional se valore que empece a dirixir grupos de traballo, algo que coida practicamente imposible: "con contratos de dos o tres años, ¿cómo animas a alguien a que inicie la tesis contigo?, tu contrato es más corto que el tiempo de doctorado...". En resumo, non entende como o excelente labor que xa realizou non lle permita ter resolta a súa vida profesional con 38 anos. Pregúntolle se pensa ter fillos e di que non o ve, por decisión propia pero tamén por esa incerteza profesional. Non se lle esixe demasiado para dedicarse á investigación?