Bota a auga en vasos de cristal porque quere eliminar o plástico do Concello, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, enfróntase mañá ao pleno de organización sabendo que conta xa co apoio dos concelleiros de Marea Atlántica e do BNG. A partir de aí, comeza a andar o mandato. Se a oposición llos concede, terá cen días de cortesía para tomar terra, aínda que, desde que tomou posesión, tivo xa que tomar decisións, como a de reactivar os campamentos de verán ou explicar por que a Corporación sube o seu salario e aumenta até o límite legal o número de asesores.

Alcaldesa, en castelán ou en galego?

No que queira vostede, facémola en galego perfectamente.

Logo dos acordos con BNG e Marea Atlántica, supoño que irá tranquila ao pleno de mañá.

Si, non só polo propio pleno de organización senón pola futura gobernabilidade da cidade. É certo que nós estamos gobernando sós, non podemos perder de vista que temos nove concelleiros pero que existe unha maioría progresista na Corporación. Neste momento inicial non se deron as condicións oportunas para un cogoberno pero si para chegar a acordos importantes programáticos polo ben da cidade, para garantir a gobernabilidade e para sacar adiante proxectos comúns. Quero agradecer expresamente ao BNG e á Marea a disposición e o traballo feito para chegar a estes acordos.

Co BNG sería relativamente doado, xa que o presentaron só uns días despois da investidura, por que foi máis complicado con Marea?

Pola propia dinámica da organización, cada unha ten os seus tempos e nós somos moi respectuosos con eles. Hai só tres semanas que foi a investidura e, en tan pouco tempo, fomos quen de chegarmos a acordos programáticos.

Para chegaren a ese consenso, tiveron que facer moitas renuncias? Que proxectos quedaron polo camiño?

A política é precisamente iso: Chegar a acordos, dialogar... A política ten que se facer partindo do que temos en común e non das diferenzas. Demos unha lección de como é posible o entendemento entre forzas de progreso. Nunha negociación, todas as organizacións renuncian ou moderan esixencias en favor do acordo. Fixémolo as tres forzas, pero non foron cuestións de moito calado. Nesas si que estamos todos de acordo.

En ningún dos dous documentos hai propostas para a antiga prisión provincial, por que?

Hai cuestións que non aparecen reflectidas neses documentos porque non se trata de facer un programa electoral, pero si de establecer os puntos máis urxentes e importantes, que son trascendentais para a cidade. Non esquecemos que hai outros temas que son importantes. Non se fala da xestión, ou dos contratos da limpeza ou do tema da prisión ou da contorna da Torre. Nestes temas tamén hai que traballar e sei que sairán adiante co acordo do resto das forzas. Iso non quere dicir que non sexan importantes. Non quedan nun papel senón que os dous levan aparellada a creación dunha comisión de seguemento deses acordos para sacar adiante os proxectos de cidade. Teremos interlocución permanente para que non só estes senón tamén outros acordos se cumpran na cidade.

Teñen prazos marcados, neste primeiro ano ten que estar xa o operador de enerxía que non estaba no seu programa electoral, pero que si que o está agora no de gobernabilidade.

Hai cuestións que non estaban no noso programa pero que son achegas doutras forzas e que o Goberno local vai sacar adiante.

Entrevista a la alcaldesa de A Coruña, Inés Rey | Campamentos municipales

Entrevista a la alcaldesa de A Coruña, Inés Rey | Campamentos municipales

Propostas coma esa, que son novidosas, pode ser moi doado incluílas pero igual moi difícil facelas realidade?

Ás veces, desde fóra, hai cousas que parecen máis doadas e, cando chegas, non o son porque na realidade municipal as cousas teñen o seu procedemento e o seu camiño. Algunhas veces queres facer algo e non se pode porque hai que facer un expediente, tramitalo, aínda que tamén hai cousas que parecen inabarcables e que, despois, teñen unha tramitación moito máis sinxela. Non é inasumible nin imposible. As cousas teñen os seus tempos pero o que hai que ter é vontade política e capacidade de xestión. Se hai proxectos que se cumprirán nos meses exactos? Igual a realidade fai que non sexan tres senón cinco, pero o Goberno está traballando xa nese e noutros moitos temas.

Falan nos actos de empezar a negociar os orzamentos en setembro, o resto do ano seguirán con orzamentos prorrogados e con modificacións puntuais?

Si, nós estamos xa a traballar nas concellarías co estado de execución, cos orzamentos do 2020 para que saian en prazo. Empezaremos o 2 de setembro. No resto do mandato traballaremos con eles prorrogados e faremos os modificativos pertinentes.

Serán participativos?

Serán participativos e participados. Presentaraos o Goberno local pero serán dialogados cos grupos. É unha corporación plural onde as dúas forzas que máis concelleiros teñen son o PSOE e o PP. Iso implica a responsabilidade de chegar a acordos e tratar que os temas importantes para a cidade saian adiante.

No acordo coa Marea din: "comezarase a negociar os orzamentos do ano 2020 a través dunha comisión bilateral. Serán socios preferentes?

Esa é unha expresión que se ten utilizado nestes días, pero nós imos falar dos orzamentos con todas as forzas políticas, loxicamente imos falar con Marea e co BNG. A miña intención é que os orzamentos saian co maior respaldo posible e coa maior participación, sobre todo que sexan uns orzamentos pensando na cidade, que sexamos quen de executalos e teñan aplicación. Aí estaremos todos, preferentes ou non.

Pero primeiro con eles e despois cos demais?

Non sei cal vai ser o calendario, pero o primeiro día hábil de setembro, que é o 2, comezaremos a traballar neses orzamentos e a falar con todas as forzas políticas.

O futuro dos peiraos e os convenios do 2004 tamén entran nos compromisos de gobernabilidade, eses acordos levan a sinatura do PSOE, era un PSOE diferente ademais doutro momento?

Era outro todo. Era outra cidade, hai quince anos había outra realidade social e económica, eran outras as persoas que, nese momento, decidiron que aqueles convenios valían. Os convenios que valían no 2004 non valen no 2019. É unha evidencia que hai que cambialos. Eu estou agardando a que se forme Goberno en Madrid para poder pedir entrevistas cos ministros competentes e empezar a traballar na revisión deses convenios e doutras cuestións importantes para a cidade.

Como será a relación con PP e Ciudadanos, cos que non teñen acordo para o mandato?

Non teñen acordo porque facer un acordo con forzas de dereita é máis complicado. O Goberno ten a obriga de escoitar á posición, de coller as achegas que fai e de trasladalas á acción do goberno. Agardo que toda a oposición faga ese traballo construtivo pensando na cidade e que aperte o Goberno e que nos diga o que temos que facer. Creo que é bo que os cidadáns saiban que as ideas dos partidos que eles votaron son escoitadas polo Goberno local, sexan da Marea ou do PP, porque eles están representando a miles de coruñeses, igual ca min. Respectar á oposición é respectar os cidadáns que os votaron, por iso as miñas portas sempre van estar abertas para as achegas que sexan positivas para a cidade, as que veñan con interese destrutivo e de desgaste do Goberno non terán esa acollida, pero sei que non será así.

Ao pleno de organización van os salarios, como se tomou a decisión de subilos e tamén a de incrementar o número de asesores e por que?

O pleno de organización tamén é froito da negociación con todas as forzas políticas presentes na Corporación. É o primeiro que hai que facer para que o Goberno empece a funcionar. Tratamos de consensuar co resto dos partidos as necesidades que ten o Goberno, xa que hai que dotalo de medios humanos e materiais para desenvolver o seu labor e a oposición tamén ten que ter medios suficientes para desenvolver o seu traballo que é igual de importante que o do Goberno.

E os salarios, por que esas cifras e non outras?

Porque se tratou de racionalizar o gasto e tomáronse concellos con similar poboación e corporación, e, dentro da táboa salarial, establecéronse os salarios que se consideraron tanto para Alcaldía como para os concelleiros.