Manter os salarios que tiña Marea Atlántica ou poñer unhas retribucións máis baixas non se considerou?

As retribucións que tiña a anterior Corporación foi unha decisión do anterior Goberno. Estamos nunha situación diferente, nunha conxuntura económica e social diferente e nós tomamos esta decisión atendendo as necesidades do Goberno, do Concello e do persoal eventual. Foi unha decisión consensuada cos grupos.

Non houbo ningunha voz que se opuxese a esta suba?

Eu non falo das negociacións por respecto ás forzas políticas que participaron nelas. Son conversas privadas e, cando temos algo que comentar, facémolo público, como foi o acordo co BNG, pero non vou falar do contido exacto.

Quedará co salario íntegro ou, como os edís de Marea, doará unha parte?

O que cadaquén faga coa súa retribución forma parte da súa liberdade persoal. Cónstame que somos moitos os que temos colaborado con ONG e doado parte da nosa retribución salarial cando non eramos cargos públicos e tampouco contamos todo o que facemos co noso diñeiro.

Como decidiron as concellerías e quen se encargaba de cada unha? A de Juan Villoslada, por exemplo, é enorme pola cantidade de áreas que abrangue.

Eu deleguei as competencias que considerei oportunas nos concelleiros atendendo a criterios da súa afinidade coas áreas, de coñecemento previo, multitude de factores que, evidentemente, forman parte da miña deliberación interna. É unha organización que pode sufrir modificacións ao longo do mandato dependendo da carga de traballo que teñan as áreas.

Adscritas a Alcaldía quedan: Barrios, Normalización Lingüística e Seguridade Cidadá.

O próximo martes xa recibo a varias asociacións de veciños e o mércores farei a miña primeira visita a un barrio porque penso que a alcaldesa ten que estar en permanente contacto cos veciños e as veciñas. Está ben estar no despacho, estes días boto moitas horas, pero non só teño que estar aquí senón na rúa, coa veciñanza, escoitándoa.

O seu antecesor empezou tamén con Seguridade Cidadá pero acabou delegándoa, por que quixo quedar con ela?

Cando repartín as áreas, os concelleiros estaban cunha carga de traballo importante por iso asumín eu esa área de inicio. Levo tres semanas, igual a metade de mandato fago como o meu predecesor, non o sei, pero imos comezar así.

Poden cambiar moitas cousas até a fin do mandato?

Por suposto. A política municipal é moi dinámica. Hai cambios nos cargos, hai persoas que deciden deixalo ou incorporarse a outras responsabilidades.

Incluso pasar de nove concelleiros de Goberno a ser máis?

Incluso iso. A porta está aberta e iso non quita para que, a medio ou longo prazo, poida estudarse esa posibilidade, desde logo non pecho a porta a ningún escenario.

Porán en práctica o plan de mobilidade contratado pola Marea ao mesmo técnico que fixera xa o do bipartito?

Temos que estudalo, se é positivo e vai mellorar a mobilidade, si, no senso que temos falado todos os grupos políticos, que sexa unha cidade pensada para os peóns, na que se potencie o transporte público, por suposto que si se manterá. Se hai algunha cousa que modificar ou adaptar, tamén se fará.

No acordo con Marea falan de manter non só as Naves do Metrosidero senón tamén de coxestión, era o que tiñan pensado para ese espazo ou daranlle unha volta a esta proposta?

Temos que estudar como está ese proxecto. Non me gusta a política de terra queimada e non vou desbotar o que fixeron os anteriores só porque o fixeran persoas que non son do meu partido. Polo tanto, todos os proxectos que estean en marcha, leven a sinatura dun concelleiro da Marea ou doutro partido anterior, se son positivos e están a funcionar, vanse manter. Non veño aquí cun soprete queimar todo o que fixeron os demais porque iso non é bo para a cidade.

Comprométense tamén a regularizar ao persoal de bibliotecas, cuxo servizo foi reformulado, municipalizarán máis servizos durante este mandato?

Eu non son partidaria de frivolizar coa municipalización porque son cuestións de calado xurídico, administrativo e orzamentario moi complexas e convén estudar en profundidade antes de falar delas. Crear falsas expectativas nos cidadáns con algo que despois non se pode facer non me gusta, sobre todo, cando estamos a falar de traballadores. Prefiro pecar de ser estrita e rigorosa que anunciar cuestións que non se poden facer. Facelo en segundo que servizos é orzamentariamente imposible.

Un dos recursos das arcas municipais é o IBI, un imposto que sempre sae nas campañas, manterán o calendario?

É un calendario que está a funcionar, eu mesma son usuaria del, con bonificacións polo pagamento fraccionado e claro que si que se vai manter. Sei que funciona.

Queríalle preguntar pola intermodal, que foi como o primeiro anuncio guai que fixo...

O primeiro anuncio guai foron os campamentos, que iso si que tivo incidencia. A política municipal ao final ten estas satisfaccións, as de poder dar resposta ás necesidades máis imperiosas dos cidadáns. Puidemos solucionar este problema ás 48 horas de entrar no Concello. A intermodal é outro tema, máis a medio prazo, xa se desbloqueou a parte correspondente ao Adif e nos próximos días pedirei unha entrevista con Alberto Núñez Feijóo e con Ethel Vázquez para falar deste e doutros temas.

No reparto de cargos, inicialmente dixeron que IMCE ía depender de Turismo e, despois, no BOP, saíu que dependía do titular de Cultura.

Foi un erro porque os estatutos do IMCE establecen que depende da Concellería de Cultura e, no anuncio, queríase pasar o IMCE a Festas para descargar ao concelleiro de Cultura, pero por unha razón estatutaria non se fixo e non imos modificar os estatutos.

Van facer algún tipo de reforma interna na estrutura do Concello e dos seus órganos, como o IMCE, Emalcsa ou Emvsa?

Os organismos non se van eliminar, pero se nalgún deles o mecanismo de funcionamento é mellorable, faranse as melloras oportunas, en canto á dotación de medios materiais e humanos e faremos que sexan o máis eficaces posible. Non entra na axenda a supresión de ningún deles.

No discurso de investidura e tamén en campaña falou moito de feminismo e da importancia de ser a primeira alcaldesa electa da cidade, por que levaron as negociacións tres homes e o concelleiro que ten máis áreas é tamén un home?

Non se decidiu pensando n se eran homes ou non. É incuestionable que o PSOE é un partido feminista. Cuestionar o feminismo da alcaldesa ou do equipo de Goberno porque á negociación fosen tres homes non me parece xusto. Tampouco me parece xusto falar de homes fortes nin que se lle dea máis importancia a Juan Villoslada porque leva Urbanismo porque, para min, son tanto ou máis importantes, os Servizos Sociais, a Igualdade e a Diversidade. E esas áreas lévaas unha muller, Yoya Neira.