O BNG firmou o primeiro pacto co Goberno local, foi orde da formación a nivel galego?

Foi rápido pero traballoso. Foron cinco reunións de traballo bastante intensas. Cando negocias, hai que facelo con discreción pero ser transparentes á hora de dar conta dos acordos e de rendir contas. E así operamos. Foi froito da lectura que facemos na localidade, non de ninguna consigna que nos viñese dictada. O BNG é unha forza que vai estar na oposición porque os cidadáns foi o que nos pediron. Somos dous concelleiros nunha corporación de 27. O noso labor ten que ser de oposición: imos fiscalizar ao goberno, ser firmes e esixentes, pero é perfectamente compatible con explorar a posibilidade de chegar a acordos.

Había vontade de acordo.

O PSOE tivo unha actitude moi aberta, unha clara disposición ao diálogo. Non me gusta ser prexuicioso e non vou a xulgar se é froito da convicción ou da necesidade porque son nove. É un acordo positivo para a cidade e foi así valorado unánimemente, así que estou contento co resultado.

Sempre estivo descartada a entrada no Goberno local?

Chegamos á conclusión de que tendo dous concelleiros, entrar no goberno non sería decisivo porque non habería maioría absoluta, así que non tiña sentido.

E como ven a posible entrada da Marea Atlántica?

O BNG chegou a ese acordo co PSOE independentemente do que fixese a Marea. Non o valoramos. Somos respetuosos coas decisións doutros grupos. Se deciden conformar un goberno de coalición imos respectar esa decisión, pero o BNG actuou con criterios autónomos, pensando no mellor para a cidade.

Como valora o acordo coa Marea Atlántica?

É coincidente en moitos aspectos co do BNG e as diferenzas o que fan é complementar, non hai contradiccións.

Fixeron moitas concesións para pechar o pacto?

O BNG non estivo esperando a que o PSOE lle entregase ningún documento, senon que elaborou un documento e o puxo sobre a mesa. Nel sintetizábase o que era ao noso xuízo as grandes liñas que se deberían impulsar neste mandato. Por suposto, o documento final non é plenamente coincidente co borrador inicial. Cando hai un proceso de negociación, todas as forzas teñen que facer un esforzo de transacción, de aproximar posturas, pero non houbo obstáculos importantes. O PSOE manifestouse dende o primeiro momento moi receptivo. Houbo algúns matices ou correccións, pero non foron cuestións relevantes.

Non temen esvaecerse na oposición?

A xente o que agradece, se confía nunha forza política para que a represente, é que esa forza sexa capaz de influír nas políticas que se impulsan en coherencia co programa co que se presentou ás eleccións e pensando sempre no mellor para a cidade. Estou absolutamente convencido de que os votantes do BNG valorarán moi positivamente un acordo onde as cuestións que figuran son total e absolutamente congruentes co programa e que teña capacidade de influir, de determinar a política municipal nun sentido progresista. En política hai que ter paciencia, o mandato acaba de empezar e dura catro años. Se o PSOE inclumple o acordo ou fai políticas que nós consideramos que son regresivas, hostís aos intereses da cidade, van ter oportunidade de constatar que o BNG vai ter unha posición de firmeza e, de darse ese suposto, vai facer oposición firme e contundente.

Cos dous pactos, a xestión do Gobierno será máis doada que no anterior mandato?

Ogallá. Sería bo para a cidade. Parece que hai disposición por parte de todas as forzas políticas progresistas por ter unha actitude de diálogo, explorar posibilidades de acordo e cooperación. Se esa vontade se mantén, nese aspecto, pode haber avances con respecto ao anterior período. Non estou xulgando as políticas do PSOE nin da Marea, pero no anerior período, e así o percibiron os cidadáns, houbo un déficit na capacidade de chegar a acordos, a consensos, que non foi bo para a cidade. A actitude inicial que están manifestando todas as forzas políticas é distinta e o valoro.

Manterase o clima cordial que houbo no primeiro pleno?

O que podo facer é falar da actitude do BNG. No anterior mandato, Avia Veira caracterizouse por exercer un labor de oposición brillante, pero sempre manifestando vontade de cooperación e sempre con respecto. A defensa dunha posición política non é incompatible con unha actitude de respecto e corrección, e esa vai ser a nosa actitude nestes catro anos. A crispación e a sobreactuación non contribúe a facer boa política e provoca fastío nos cidadáns. O que reclaman é que asuman plenamente responsabilidades e bo traballo, que exerzan a crítica sempre argumentando e razoando e que teñan iniciativa e proposta. É o noso xeito de facer política. Se ao final non é exclusivo do BNG e participan todos os grupos, mellor que mellor.

Os votantes do BNG entenden o apoio a favor da suba das retribucións?

Non se votaban só os salarios, incluso se votaban asuntos que non figuraban no acordo de organización pero formaban parte dos acordos co PSOE. O que podo asegurar é que o BNG, nesa interlocución, en ningún momento falou de retribucións, nunca puxo esas cuestións sobre a mesa. O que fixo foi concretar as cousas que afectan ao pluralismo e a participación: que a oposición siga nas xuntas de goberno, que estean nos órganos colexiados e que os grupos teñan recursos.

Pero a suba está entre un 30 e un 40% con respecto ao anterior mandato.

É certo que hai un incremento importante nas retribucións, pero tamén é certo que, en termos proporcionais, partíamos dun nivel comparativamente baixo con respecto a outras corporacións de concellos dunha dimensión semellante. O BNG nunca fixo causa diso. Gustaríame aclarar unha cousa: hai que diferenciar o que un cobra do uso que fai do que un cobra. O réxime de retribucións é común ao conxunto de concelleiros, pero no noso caso, por norma, unha parte importante dos nosos ingresos van a ser destinados ao BNG. No meu caso, o 28% e no de Avia, o 22%. Ao BNG non o financian os bancos nin grupos de presión nin lobbys, se sostén económicamente grazas á aportacións de militantes e simpatizantes e de cargos institucionais. As nosas retribucións prácticas non van ser en absoluto esaxeradas. O BNG tería optado por unha suba máis modesta, pero o respetamos na medida en que foi unha proposta do grupo de goberno que acompañaban outras propostas que cremos que son boas.

Cales cre que serán os roces co PSOE?

Non me gusta ser agorero, pero é evidente que PSOE e BNG pensamos distinto. Houbo períodos na historia desta cidade en que o PSOE gobernou en solitario e somos moi críticos con esa herdanza. Gustaríanos que o goberno de Rey non faga políticas nesa liña, senon transformadoras e que cumpran escrupulosamente o acordo ao que chegou con BNG e Marea. Ese é o meu desexo. Para que sexa realidade, exerceremos influencia para que o goberno non nos remita a episodios do pasado que hai que dar por superados.