Para presentar a edición número 48 da Feira do Libro, a pregoeira, a escritora galega Pilar Pallarés, relatou as súas propias experiencias nesta, que marcaron a súa relación co mundo das letras. "A poesía é cousa de mulleres", díxolle un libreiro a esta autora nesta mesma feira cando ela aínda era unha preadolescente, interesada naquel momento polo antigo Exipto e a literatura francesa. Foi entón, cando a escritora deuse de conta de que non coñecía a ningunha muller poeta „excepto a Rosalía„ e que tampouco ningunha das súas amigas estaba interesada nisto, explicaba onte no seu discurso.

Desde aquel instante, para esta escritora comezou a ser o natural que as mulleres escribisen e lesen libros, en contra daquilo que observaba ó seu arredor, onde as labores domésticas ou agrícolas, a maternidade ou exercer como mestra, era o destino "natural" das mulleres.

O segundo gran recordo de Pallarés na feira da Coruña, foi cando coñeceu a unha figura como Eduardo Blanco Amor. "Estou soa, con algo de diñeiro no peto e moita gula, cando me chama unha das casetas, chea de exemplares en tons verdes, dun autor que descoñezo", explica a escritora. Este autor, descrito por aquel libreiro como "un escritor xenial", que voltara do exilio facía pouco tempo, e que estaba sendo ignorado inxustamente, marcou a esta escritora, que por aquel entón aínda era unha rapaza. "Xamais dei esquecido as palabras do libreiro, salientando a indiferenza, a arbitrariedade, e incluso a crueldade, coa que a sociedade rexeita moitas veces a obra dos grandes", recordaba Pallarés no seu pregón.

7

Inauguración Feira do Libro A Coruña 2019

Na inauguración deste evento literario, a presidenta da Federación Galega de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, sinalou a importancia da lectura, como aspecto "que conforma a identidade".

Ata o próximo día 11, os coruñeses poderán achegarse ata as casetas, situadas nos xardíns de Méndez Núñez, onde se desenvolverán encontros con autores, conferencias, firmas de libros, e actividades para nenos, como obradoios ou contacontos. Estas actividades, gratuitas, ofrécenlles a oportunidade a moitos coruñeses, como a Pilar Pallarés na súa xuventude, de coñecer a grandes figuras da literatura. "Nunca lle darei agradecido o suficiente a ese libreiros o poder coñecer a Blanco Amor", resaltaba a autora.

Esta feira "é un evento fundamental" que atrae a máis de 500.000 persoas cada ano, segundo destacou o director de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, no que os cidadáns poden estar en contacto con todos os elementos que conforman a cadea de valor dun libro. En palabras da alcaldesa, Inés Rey, a rede de bibliotecas da cidade é unha das máis potentes de Galicia, con arredor de 97.000 afiliados, cun récord este ano de 3.000 novos usuarios.