Un García Lorca que sorrí, que pasea, que ensaia con La Barraca na súa xira galega, coas imaxes que Gonzalo Menéndez-Pidal „fillo do coruñés Ramón Menéndez Pidal„ gravou cando a compañía viaxou a Galicia no ano 1932, a editorial Alvarellos rende homenaxe hoxe ao poeta andaluz.

O promotor da iniciativa que se celebrará hoxe, ás 19.45 horas, na caseta da editorial da Feira do Libro, nos xardíns de Méndez Núñez, Henrique Alvarellos, explica que será a primeira vez que se verán na cidade os once minutos de imaxes documentadas de Federico García Lorca en Galicia.

Unha terra coa que tiña unha especial relación, xa que o galego foi o único idioma, alén do castelán, que utilizou Lorca para escribir. "Para nós é un agasallo, unha ofrenda que el nos fixo á cultura galega xa no ano 1935", comenta Alvarellos, que este ano recibiu o premio ao Libro Mellor Editado pola edición facsimilar da obra Seis poemas galegos, que contén non só os versos de Lorca senón tamén as fotografías existentes sobre as catro visitas que fixo ao longo da súa vida a Galicia, tres delas á Coruña e cada unha delas nunha faceta profesional diferente.

A primeira vez que Lorca pisou Galicia fíxoo en 1916, cando non era máis ca un estudante de primeiro de carreira. Fíxoo nunha excursión cultural con outros compañeiros, onde puido visitar, segundo comenta Alvarellos, a Cidade Vella, percorrer o porto, tamén subir á Torre de Hércules, e mesmo xogar ás agachadas no seu entorno.

Aos seus dezaoito anos e nesta primeira viaxe a Galicia, Lorca escribiu un caderno con notas sobre o percorrido, sobre como pasaron por Carral, por Ordes e como entraron en Galicia. " Esto me hipnotiza", escribiu sobre a paisaxe que podía ver a través dos cristais da Ferrocarrilana , segundo explica Alvarellos, xa que era a primeira vez que aquel grupo de estudantes chegaba tan arriba no mapa.

"La ciudad es lindísima, muchos jardines, calles alegres, las casas con miradores de cristales, mucha vida, movimiento, trabajo", apuntou no seu caderno, sen saber, quizais, que nesta terra atoparía o apoio de intelectuais e que lle deixaría tanta pegada non só na súa vida senón tamén na súa obra.

Voltou no ano 1932, "xa como gran poeta e consagrado internacionalmente", para dar unha conferencia o 30 de maio convidado polo Comité de Cooperación Intelectual da República, unha caste de asociación cultural. Daquela, a súa charla versaba sobre a "arquitectura do cante jondo", segundo lembra Alvarellos.

A terceira e xa derradeira vez que pisou a cidade fíxoo como director da compañía teatral La Barraca, o 23 de agosto de 1932, que actuou no Rosalía e na praza de María Pita. Foi nese ano no que empezou a traballar nos Poemas Galegos, coa axuda dun profesor ferrolán amigo seu, Ernesto Guerra da Cal, un proceso que rematou no ano 1935, coa publicación da obra e das súas seis creacións en galego, Madrigal â cibdá de Santiago; Romaxe de nosa Señora da Barca; Cántiga do neno da tenda; Noiturnio do adoescente morto; Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta e Danza da lúa en Santiago.

Foron estes poemas os que, case noventa anos despois, converteron a este libro na publicación de poesía en galego máis difundida do século XX, xa que pertence ás súas Obras Completas.

Como anfitrións deste acto de homenaxe, están xa na Feira do Libro, dous monicreques que semellan Federico García Lorca e o seu compañeiro Luis Mariscal.