A prolífica poetisa galega Yolanda Castaño cumpre 25 anos cultivando o xénero, e o seu xeito de celebrar o cuarto de século non é outro que transformar as súas verbas en mensaxes visuais. Para iso, contou coa colaboración de nada menos que 40 ilustradores e artistas da banda deseñada galegos, para que, segundo os seus propios criterios e narrativas, puxesen imaxe a 40 dos seus textos e composicións. Nomes sonados na ilustración en Galicia forman parte do proxecto, que supón a descuberta no editorial galego do xénero Comic Poetry.

Todo un reto que tivo como desenlace, en opinión de autora e ilustradores, un resultado máis que satisfactorio, e culminou cunha das pretensións que Castaño buscaba realizar hai anos: a de facer confluír, na súa obra, banda deseñada e poesía.

Foi nunha viaxe a Italia, onde o xénero do cómic poético está mais asentado, cando a autora fica fascinada polo diálogo entre poesía e ilustración.

"Xa viña de antes a miña interese por experimentar e sacar á poesía da súa torre de marfil, da súa endogamia, buscar novos públicos, crear alianzas". Non é a primeira vez que a escritora experimenta con estas alianzas. A propia autora puxo voz a moitas das súas composicións en versións musicadas, mais O puño e a letra foi, en palabras da propia poetisa, "o reto máis alto, polo complexo de manexar 40 universos diferentes".

Una reinterpretación na que os autores imprimiron o seu propio estilo e narrativa en cada un dos textos e que supón, ademais dunha das antoloxías poéticas máis completas de Yolanda Castaño, toda unha retrospectiva da ilustración galega máis relevante do momento.