Bieito Romero, Pablo e Miguel Rosales, Natahel Regueiro, Irene Cerqueiro e Miguel Ocampo forman Dequenvessendo, un grupo de música galega que busca promover a cultura tradicional. Gañadores do concurso do Festival Celta de Ortigueira deste ano, a banda actúa mañá nas festas do barrio de Castrillón-Urbanización Soto ás 22.30 horas.

Fai tres anos naceu esta banda, como xurdiu?

Nun primeiro momento, en 2016, o grupo fórmase como un cuarteto de gaita entre Miguel e Pablo Rosales, Miguel Ocampo e eu, Bieito Romero. Decidimos unirnos para poder tocar, ensaiar, ir ás foliadas e cantos de taberna... Despois foi evolucionando e sumamos máis membros.

Folk galego con raíces celtas, así é a música de Dequenvessendo. Por que este estilo?

É un xénero co que nos sentimos cómodos. A nós, a música celta gústanos moito, e varios xa tiñamos un forte vínculo con esta. No meu caso, o meu pai é BieitoRomero do grupo Luar na Lubre. Fomos atopándonos pouco a pouco a partir dos vínculos que xa todos xa tiñamos coa música galega.

Dequenvessendo: Por que este nome?

Todo xurdiu cando nos iamos anotar nuns cantos de taberna e nos dimos de conta de que non tiñamos nome. Buscamos algo que fixese referencia á nosa terra e que á vez fose orixinal. Miguel Rosales escolleu ese, que vén da frase galega tan típica: e ti de quen ves sendo? El propuxo este nome e así quedou ata hoxe.

Hai novos temas ou quizais algún disco á vista?

Temos varios concertos programados en setembro, e á vez estamos traballando en ampliar o repertorio. Agora temos unha maqueta, pero levamos tempo traballando en sacar un disco e queremos que vexa pronto a luz. Hai cancións que levan no noso repertorio varios anos, que fomos adaptando e arranxando á nova formación da banda; hai pezas que non soan para nada como o eran antes, fomos mellorando.

No disco haberá máis poemas musicalizados como un dos que xa está no repertorio, o Lamento de Sabel?

Sí, xa temos un par deles, como tamén unha canción a partir dun poema de Carles Riba, un poeta catalán que fixo varias poesías en galego. Escollimos unha das súas pezas e a adaptamos cunha música feita por nós. No disco haberá este tipo de cancións elaboradas a partir de poemas e tamén algunha letra tradicional arranxada e adaptada ó noso estilo.

Que elementos son de inspiración á hora de compoñer os diferentes temas?

Temos referentes como Luar na Lubre ou Milladoiro, entre outras figuras tamén moi importantes. Fixámonos moito en lecturas que facemos sobre mitoloxía, estudos etnográficos... e a partir de aí vamos compoñendo. Queremos contar unha pequena historia a partir de cada canción, que non sexa só música, pretendemos transmitir cousas á xente.

Gañaron o concurso do Proxecto Runas 2019 pertencente ó Festival Celta de Ortigueira, foi un premio esperado?

Foi unha sorpresa tremenda. Eu tiven que volver de Ortigueira por uns compromisos e só puiden estar un día. Cando cheguei á casa pola noite mirando noticias no móbil entendín queYuki Kojima gañara, pero non. Pola mañá recibín unha mensaxe dándome a noraboa, e eu non entendía nada. Foi xenial, é unha honra para un grupo tan pequeno coma nós.

Dequenvessendo está formado por persoas moi novas. Será este un proxecto profesional de cara ó futuro?

Vemos moi complicado vivir da música. Nós vamos a intentalo ata onde cheguemos. Por agora o compromiso da banda é apostar por isto, pero aínda así cada un estamos a facer unha carreira que non ten que ver con isto, excepto Irene, que fai pedagoxía musical e Natahel, historia da música, pero logo eu estudo maxisterio, outro arquitectura, telecomunicacións.. Gústanos moito a música, varios damos clases, pero penso que será un complemento para a nosa vida e o noso futuro. Polo menos eu espero poder facer isto sempre.