Probarse no descoñecido é a mellor forma de aprendizaxe. Así o cre o coruñés Miguelanxo Prado que, tras case corenta anos como debuxante, emprende un novo proxecto coma escenógrafo xunto ao seu compañeiro e amigo o compositor Nani García. Trátase dunha ópera bufa titulada O loro de Carlos V, que se estreará entre os días 5 e 6 de decembro no teatro Colón, e que estará acompañada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, con Diego García Rodríguez á dirección.

Con que se vai a atopar a xente cando entre no teatro?

Vanse atopar ante unha obra trepidante, cunha escenografía moi atractiva e, como insiste Nani, cunha historia apta para todos os públicos, que non infantil. Isto quere dicir que para os pequenos será divertida e atractiva, pero haberá ironía e humor tamén para os adultos. Ante todo poderán ver e escoitar unha ópera moi bonita e de calidade. Non se pode esperar outra cousa do compositor.

Como é volver a traballar con Nani García?

Traballar con el asegura unha desas combinacións de amizade e entendemento creativo realmente efectivas. Despois de facer De Profundis, quedoume moi claro que xuntos funcionabamos perfectamente e que os momentos creativos eran magníficos e estimulantes. Traballar con el é unha garantía.

Por iso decidiu emprender este proxecto?

A razón principal é esa, si. Ademáis, a idea pareceume interesantísima. É unha proposta que me sacaba do meu espazo habitual, e iso é moi enriquecedor. Facer unha ópera bufa tamén atraeume moito porque nela se elimina a trascendencia e gravedade dos esquemas habituais da ópera. Isto permite xogar con moitos elementos expresivos e cunha caracterización máis irreverente dos personaxes. Había moitas posibilidades polo que, en canto Nani propuxo a idea, subinme ao carro.

Que foi o primeiro que pensou ao escoitar a historia?

É unha historia sinxela, e iso é bo. O meu primeiro editor de comic dicíame que se podiamos resumir unha historia nunha soa frase, é que esta era boa. O loro de Carlos V resúmese moi fácil: o emperador Carlos V perde ao seu loro, e iso fai xurdir aventuras nas que se presentan outros personaxes. Para min, a clave estaba na idea de contrastar o humor da ópera bufa con personaxes serios e sombríos coma Carlos V, un monarca representativo desa España negra e fría. Xogar coa súa caricaturización e imaxinalo co camisón e preocupado pola súa mascota era unha idea efectiva. Fixeime tamén no bufón, co que podía facer unha proposta máis atrevida. Eses personaxes marcaron o ton visual de todo o traballo a nivel de escenografía e vestiario.

Como plantexa a escenografía e máis a caracterización?

A idea é facelo dende un punto de vista expresionista, empregando cores contrastadas e caricariturizando aos personaxes. A clave para o espectador estará no vestiario dos cantantes, polo que a escenografía será limpa, para que non interfira coa riqueza visual dos personaxes e permita manter o ritmo trepidante da obra, que cambia moito de espazos. Unha das solucións que nos permiten facer estes cambios de forma rápida é o uso de proxeccións, que intervirán no transcurso da historia. Ademáis, tendo en conta que parte do público será infantil, as cores serán moi importantes á hora de identificar os espazos.

Sete personaxes para tres cantantes. ¿Cómo repercute esta condición no vestiario?

Tíñamos que ter en conta que os cantantes tiñan que cambiar continuamente de traxe, igual en menos dun minuto, e que tiñamos que acadar que non houbese ningún tipo de confusión nin duda sobre a quen estaban a interpretar. Foi un proceso complexo e para logralo houbo que aproveitar as pezas principais, facer traxes de cambiamento fácil e engadir prendas por enriba que serviran para identificar facilmente ao personaxe. Foi unha parte bastante complexa.

Difire moito o proceso creativo de crear un cómic ao de crear unha escenografía?

A diferencia fundamental é que o comic e a banda deseñada son traballos solitarios, pero deseñar un proxecto audiovisual ou para o teatro é un traballo en equipo, co que asumes que vai haber cambios e que o que estás aportando é un estadio inicial. Dalgunha forma é enriquecedor porque ás veces o resultado final mellora ao propio debuxo orixinal. O proceso de creación en si non varía: eu collo o libreto, leo a historia, e imaxino aos personaxes. A partir de ahí, debúxoos.

Tivo algunha fonte de inspiración ou referencia á hora de crear os diseños?

Tendo en conta a miña experiencia, pódese dicir que quen coñeza a miña obra saberá que eu deseñei a escenografía, xa que houbo bastante autorreferencialidade á hora de crear o espazo e os detalles que o conforman. Por poñer un exemplo, Carlos V era un apaixoado polos reloxos que incluso chegou a ter un inventor espléndido ao seu servizo que, ademáis de coidar eses obxectos, creaba autómatas para o emperador. Os reloxos estarán moi presentes nas escenas do rei, pero non serán reloxos reais, senón deseñados e debuxados por min, ao igual que os cadros e outros detalle que terán o estilo propio dos meus debuxos.

Gustaríalle dar o salto á gran pantalla coma escenógrafo tras esta experiencia?

Isto é unha actividade complementaria que me enriquece e me permite sair do que estou habituado, pero teño claro que o que me gusta e o que me fai feliz é debuxar as miñas propias historias.

Que outros proxectos está a levar a cabo?

Teño varias cousas.Teño en mente unha nova historia retomando os personaxes de Presas fáciles, un cómic de temática policíaca que rematei estando moi contento co seu plantexamento e co desenvolvemento dos personaxes, pero no que quedei coas ganas de profundizar máis no perfil da inspectora Olga Tabares e o seu compañeiro, o inspector Carlos Sotillo, debido á falta de tempo e espazo. Gustaríame amosar un pouco máis sobre eles, sobre qué pensan e por qué, a través desta nova historia.