Resulta a estas alturas un tópico dicir que o século XXI é o século das cidades. En cidades vive xa o 59% da poboación europea, que xera o 69% do PIB, consume a maior parte da enerxía e dos recursos naturais e produce a maior parte dos residuos. Pero as cidades son tamén os lugares de produción, de innovación e de creación científica e cultural. As cidades son o motor do século e afrontan retos comúns.

Resolver os problemas de mobilidade, reducir as emisións contaminantes, lograr contornas sociais cohesionadas, acadar un entorno saudable onde vivir, resolver a integración no territorio que a rodea e no país ao que pertence, garantir servizos públicos eficientes e sostibles, crear as condicións para a xeración de riqueza e emprego, son desafíos que tamén encara hoxe A Coruña. E que desde este xoves teñen unha vía de solución. Este xoves, o Pleno do Concello aprobou, por fin, implicarse na construción da Área Metropolitana. Acordou futuro.

Vivimos na área urbana máis dinámica de Galicia, a principal xeradora de riqueza e emprego no noso país. Somos 400.000 persoas que xa compartimos o servizo de auga de Emalcsa, a depuradora de Bens, a planta de Nostián. Compartimos rutas de transporte, praias e servizos. E por iso precisamos un instrumento de gobernanza, unha estrutura mínima, flexible, pero que dea resposta á necesidade de consorciar servizos á escala que permita a súa maior eficiencia e sostibilidade, pero tamén regular, planificar, decidir e contar cunha voz común, unida, que permita reclamar no contexto autonómico, estatal e europeo, o lugar que nos corresponde. Iso é a Área Metropolitana.

Como alcalde, tiven moi claro que o Concello da Coruña non podía comportarse como un ente pechado á súa contorna. Xa ningunha cidade pode ter maneiras de cidade-estado. Por iso, xunto ao Consorcio das Mariñas, impulsamos a Declaración de María Pita, asinada o 20 de outubro de 2016. Nos seguintes meses, todos os concellos implicados aprobaron no seu pleno sumarse á Área Metropolitana.

Por iso teño que darlle as grazas aos alcaldes e alcaldesa que escolleron comprometerse, ás veces sen contar co apoio do seu propio partido: Benito Portela, alcalde de Sada; Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo; Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros; Óscar García Patiño, alcalde de Cambre; José Ramón García, exalcalde de Betanzos, e a súa sucesora María Barral; Julio Sacristán, exalcalde de Culleredo; o seu sucesor, José Ramón Rioboo; José Manuel Mouriño, alcalde de Carral, e José Antonio Santiso Miramontes, alcalde de Abegondo. Grazas tamén ás máis de 60 entidades sociais, empresariais, sindicais, veciñais, culturais e deportivas que se sumaron á Declaración de María Pita, e ao BNG, que sempre apostou claramente polo entendemento metropolitano. E grazas ao actual grupo socialista do Concello da Coruña, que soubo emendar o erro que cometeron os seus compañeiros no mandato anterior.

A Área Metropolitana da Coruña é o instrumento que precisa a nosa área urbana para seguir sendo a máis dinámica económica e socialmente de Galicia. É un proxecto que transcende o local, é un proxecto de país, unha aposta polo recoñecemento da importancia e o papel da Galicia urbana, esa Galicia que non sempre comprende o presidente Núñez Feijóo, seguramente porque non é difícil de controlar. Por iso o PP non quixo apoiar este proxecto, nin en 2016, nin esta semana. Porque non cre na Coruña.

Fronte á falta de disposición do Partido Popular, na Coruña foi posible chegar a un acordo entre as forzas progresistas para impulsar esta e outras medidas que benefician á cidadanía. No anterior mandato padecemos as consecuencias dunha maneira cativa de entender a política, coas siglas por diante de todo o demais. Agora, estamos a ver que desde a colaboración e a madurez hai unha alternativa, unha alternativa que en 2020 estará a chamar ás portas da Xunta de Galicia.