Unha sensación de ser observada, uns pasos que se achegan, unha voz que di algo que ninguén quixera escoitar cando volve á casa pola noite e, por cada unha destas historias, unha dúbida, unha culpa, un deixalo correr porque non pasou a máis. "Moitas mulleres non denuncian nin din nada do que lles pasou porque pensan que non as van crer", explica Jessyca Ocampo, a creadora da iniciativa @mapadomedo, un mapa interactivo que se vai enriquecendo con todas as experiencias de mulleres que, nalgún momento, soas ou acompañadas, de día ou de noite, sentiron que non estaban seguras, que eran vítimas de agresións machistas.

A Concellería de Servizos Sociais prevé introducir nos orzamentos do vindeiro ano unha partida para a elaboración dun mapa, feito desde o punto de vista das escolares coruñesas e das súas experiencias, para identificar os lugares nos que elas o pasan peor, onde hai persoas que as increpan ou onde, sen ter que ter pasado nada desagradable, evitan camiñar. E, a partir de aí, intervir na cidade, facela máis luminosa e segura.

Para Ocampo, que empezou con esta iniciativa a raíz dos mapas que se fan en Brasil „nos que as mulleres narran as súas experiencias„ cómpre escoller ben as idades das persoas que participan no estudo identificando estes lugares nos que se prevé intervir para facelos menos aterradores, xa que a percepción do medo vai medrando co tempo. "É cando as mozas comezan a saír pola noite cando máis conscientes son, antes, non saben identificar como machismo moitas das cousas que lles pasan", relata Ocampo.

Na Coruña hai dez testemuñas rexistradas, desde a cala dos Mouros, nas pedras da Torre de Hércules até a avenida de Arteixo, pasando por San Andrés e Catro Camiños, pero poden achegarse moitas máis. Para facelo, as vítimas poden escribir a mapadomedo@gmail.com e a súa experiencia será engadida.

"Polo xeral, os arredores das estacións, tanto de bus como de tren e os campus, son lugares conflitivos. Moitas veces danse ao rematar as clases, cando volven á casa. os campus non adoitan estar ben iluminados e non se lle dá moita importancia", relata Ocampo, logo de ter falado con estudantes de varias universidades. Sinalan a falta de vixilancia nos campus e tamén de iluminación, algo que podería, senón combatir, si que moitos agresores recuasen e esquecesen a súa intención de meterse con algunha rapaza.

"Se vas por un sitio que está iluminado, a eles dálles máis reparo facelo e a nós, máis seguridade para poder andar", relata Ocampo que, coma tantas outras mulleres, sabe o que é levar as chaves na man cando se mete por un lugar escuro e levar os ollos ben abertos para evitar que alguén a sorprenda cando a noite cae.

Considera que, unha vez máis, hai que poñer o foco no agresor e non na vítima, así que, gustaríalle poder desterrar do imaxinario todas esas frases que acompañan ao relato dunha experiencia machista, ben sexa un insulto ou un acto máis grave, como tocamentos ou violacións, todos eses comentarios de: "que facía a esa hora por ese sitio" ou "a saber como ía para acabar así".

"O problema non é que facía eu por aí, o problema é que facía ese home solto, que ía detrás de min. Nós temos que ser libres para andar por onde queiramos sen que nos moleste ninguén", resume. Contra todo isto, Ocampo propón colaboración entre mulleres e, tamén, técnicas como cambiar de rumbo se algunha rapaza se sente perseguida para encamiñarse a unha comisaría de Policía e que sexan os axentes os que actúen.

"As miñas amigas e mais eu o que facemos, por exemplo, se nos perdemos nun festival ou nalgún sitio onde haxa moita xente, buscamos un grupo de rapazas e contámoslle o que nos pasou para que nos axuden a atoparnos ou para que nos deixen estar un pouco con elas mentres non nos encontramos", propón Ocampo.

Hai outras medidas que están xa na man das Administracións, como que funcionen os buses con máis frecuencia pola noite en festas e festivais, que haxa máis patrullas ou que, como pasa xa na Coruña, os condutores do bus paren máis preto dos portais das rapazas que llo pidan na quenda nocturna e, sobre todo, educación.

Un home que se masturba preto dunha rapaza que está tranquilamente lendo aos pés da Torre de Hércules; outro que colle a unha muller do brazo cando volve de festa para ofrecerlle pastillas e, cando lle di que non, chámalle "puta"; mozos que non se conforman cun non e perseguen unha muller que non quere nada con eles lanzándolle bicos até que cansan; un home que inmobiliza a unha rapaza na parada do bus, outro que lle fala ao ouvido no transporte público... Son historias do medo na cidade, só unhas poucas.