A cidade da Coruña pode percorrerse e camiñarse de mil xeitos. Mil son tamén os escritos, poemas ou os textos narrativos que toman a cidade como escenario e inspiración para situar os seus argumentos. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega combina ambas premisas para presentar o seu xeito particular de coñecer a cidade, nada menos que a través dos imaxinarios que crearon a partir dela nas súas obras diferentes autores e autoras.

A nova edición dos Paseos pola Coruña Literaria cede a quenda de palabra a tres autores e unha "intermediaria". Os escritores Dores Tembrás, Tito Pérez e Antonio Sandoval servirán de guías en diferentes rutas que revelan aspectos das súas propias obras. No caso de Luísa Villalta, finada no ano 2004, será María Casar, coñecedora e estudosa da obra da primeira, a encargada de conducir o paseo.

Unha continxencia que non é nova para ela, xa que o de Luísa Villalta é a única das rutas que se repite de edicións anteriores. "Este paseo xa se fixo hai anos. Tivera moita demanda e quedara xente fóra. Volvemos de novo os ollos a Luísa Villalta porque é unha autora e veciña coa que queremos seguir camiñando", argumenta a secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas, unha das impulsoras da iniciativa.

Cada un dos paseos terá unha duración aproximada de hora e media. As comitivas partirán de diferentes puntos da cidade, ás 12.00 horas, cada dous sábados a partir de hoxe, cando Dores Tembrás abre a edición coa súa ruta A Coruña, cartografía con puntos de fuga. As prazas son limitadas e a inscrición, gratuíta para menores de 16 anos, pode realizarse no servizo de Normalización Lingüística do Centro Ágora, no teléfono 981 184 200, (extensión 34322) ou mandando un correo á dirección lingua.coruna.es. "A Coruña é, xunto con Vigo, o núcleo creativo do motor literario galego", apunta Mercedes Queixas.

Dores Tembrás: 'A Coruña, cartografía con puntos de fuga'. A escritora e poeta bergondesa inicia este sábado a nova quenda de paseos cunha proposta que parte da Dársena e percorrerá lugares como as rúas de Panaderas e Riego de Agua, o Cemiterio de Santo Amaro e finalizará na rúa de Santo Tomás. "O que nos anuncia é un paseo que vai camiñar a pasos paralelos entre a palabra pública e a palabra íntima. A cidade na autora e a autora na cidade. A Coruña como territorio fascinado na literatura nos seus ollos", resume Queixas.

Tito Pérez: 'Un paseo polo barrio'. O día nove de novembro será o autor coruñés Tito Pérez o que tome o relevo cunha ruta centrada no barrio de Monte Alto, e que seguirá os pasos do protagonista da súa obra O latexar do barrio. A inscrición para o paseo estará aberta dende o próximo luns, e incluirá paradas como o lugar onde o enterro dun poeta congregara, un século atrás, a 40.000 persoas. O paseo partirá do Campo da Leña, tralo cal percorrerá diversas zonas do que constitúe, a ollos do autor, "o barrio dos barrios galegos", como o Campo de Marte ou a rúa da Torre.

Paseo sobre Luísa Villalta: 'Sobre o espello do mar e do vento'. María Casar convértese, por segunda vez, na voz de Luísa Villalta nun dos paseos máis agardados e que se celebrará o sábado 16 do próximo mes. Tomando como punto de partida a estatua de Emilia Pardo Bazán, sita nos xardíns de Méndez Núñez, a ruta estará baseada nas obras En Concreto e Papagaio. O roteiro cruzará, despois, o Obelisco, a Porta de Aires, o Pazo Municipal, o Papagaio e recalará no cemiterio de Santo Amaro. "É un paseo polos espazos da cidade que Luísa fixo seus como materia literaria. A contorna do Papagaio terá un peso triangular, xa que un dos traballos da autora está centrado na súa desaparición", relata Queixas.

Antonio Sandoval: 'As naturezas da Torre'. A ruta do escritor coruñés cerrará a quenda dos paseos de outono o día 30 de novembro. Farao tomando como punto de partida a estatua de Breogán, para rematar no monumento emblema da cidade, a Torre de Hércules. O roteiro dará a coñecer a biodiversidade do lugar, as súas lendas, e invitará aos asistentes a pararse a escoitar o mar, o vento e os paxaros. "O paseo vinculará a paisaxe física co territorio literario. Seguirá os fíos dos relatos de Sandoval ambientados na contorna", apunta a secretaria da AELG.