Como cada ano dende 1985, a asociación Amigos dos Museos de Galicia organiza dende esta semana e a seguinte o seu tradicional curso Como se visita un museo, da man do seu presidente, o historiador Felipe Senén López. As xornadas, abertas a todo o público, comprenden diversas conferencias e actividades, como unha visita ao Pórtico de la Gloria ou á Escola de Canteiros de Pontevedra.

Que se pode atopar o visitante neste curso?

Aprender a aproveitar unha visita ao museo dentro do tempo que unha persoa pode dedicar normalmente. Durante a visita analízase o continente e os contidos, metémonos na ciencia da museoloxía e, sobre todo, en como se analiza unha obra. O museo é unha universidade popular que permite coñecer a cultura dos pobos e o seu pasado e, polo tanto, o futuro.

Cal é a situación dos museos en Galicia?

Actualmente os museos están construídos coma platós expositivos que poden modificarse en función das modas. Moitos dos museos de Galicia aproveitan edificios vellos, e están moi limitados polo espazo. Na Cidade da Cultura non hai punto de encontro, nin recepción, nin un lugar no que resgardarse. Se as demandas turísticas non se encauzan ocorren desbaraxustes, como na Torre de Hércules ou en San Andrés de Teixido. Cando non hai un programa, pasa o que pasa nas illas Cíes, que nada máis desembarcar atópaste con augas fecais e uns servizos pésimos. Non hai que entender un museo como un lugar no que quedarse pasmado fronte un cadro, é algo máis.

Cre que A Coruña valora o seu patrimonio cultural?

Non. Non hai máis que ver a Cidade Vella, que é unha asignatura pendente, ou o Museo Arqueolóxico e o Museo de Belas Artes, que son dous grandes museos con grandes fondos e que xa tiñan que haber iniciado a súa expansión museística. O museo de Pontevedra ou o de Lugo son exemplares, pero os da Coruña están constrinxidos ás súas estruturas e ao seu personal, e a administración debería darse de conta disto.

Como cambiaron as visitas aos museos nos últimos anos?

A día de hoxe hai museos preparados para as avalanchas turísticas con centros de recepción de visitantes, onde están o centro de información, de interpretación, os servicios, os restaurantes e o merchandising. Son unha fonte de creación a través das súas obras e dos seus símbolos. Un exemplo son Irlanda e a Provenza, modelos de xestión do seu patrimonio cultural, que proban que a cultura vende e dá votos se se sabe rendabilizar. Nese sentido, os museos en Galicia están nun momento decimonónico.Tamén hai unha nova tendencia a fotografialo todo, o que antes estaba prohibido, e a comprar souvenirs. Todo o que sexa divulgar a arte sen atentar na súa contra, está ben.

Durante as xornadas tamén organizan varias ponencias.

Si. Mañá mesmo, ás 20.00 no Museo de Pontevedra, Carlos Valle falará de Castelao como un gran coñecedor de Francia e da Bretaña, que fixo unha arte que logo foi reivindicada polos bretóns sobre os cruceiros de Bretaña en Galicia. Eses cruceiros, que forman parte dese museo ao aire libre, están sufrindo enormemente, e reivindícase a musealización dese patrimonio. O venres, Xosé María López Ferro tamén falará sobre o Museo Etnográfico das Pontes, creado por el.

Que tipo de público asiste a estas actividades?

Somos un colectivo apto para todos e tratamos temas para sensibilizar. É especialmente interesante para quenes formen parte do mundo do turismo. Unha visita a un museo pode provocar a chamada "xaqueca dos museos", e en moitos deles non se atenden necesidades dos visitantes que habería que ter en conta: non hai onde sentarse ou ludotecas para os nenos.