10 de noviembre de 2019
10.11.2019
La Opinión de A Coruña
Concelleiro de Marea Atlántica

Garantía de progreso

09.11.2019 | 20:49

En maio, cos resultados das municipais aínda quentes, o PSOE elixiu gobernar en solitario, en minoría e con salarios de ministros. Nós, na Marea Atlántica, escollemos ser decisivos. Dende a oposición, con firmeza e ideas, malia ás resistencias que ás veces atopamos, estamos a marcar o rumbo. En só cinco meses acadamos un acordo maioritario da Corporación para impulsar por fin a Área Metropolitana, aprobamos unha Ordenanza de Igualdade pioneira en Galicia e arrincámoslle ao goberno o compromiso de que as escolas infantís serán gratuítas a partir do vindeiro curso. Este mes darémoslle luz verde, no consello de administración de Emalcsa, a nosa empresa pública de auga, a un operador municipal de enerxía. Políticas claras, valentes e de futuro.

Temos memoria. Lembramos que A Coruña foi refén durante catro anos do bloqueo sistemático do PP e o PSOE. A peza a bater, a quen temían, era o alcalde Xulio Ferreiro, pero a factura pagárona os veciños e as veciñas. Non é a nosa maneira de entender a política. Por iso decidimos abrir unha nova etapa en maio e poñer o ben común por diante dos intereses de parte. Dialogar, aínda que ás veces non te escoiten. Propoñer, aínda que non sempre te entendan. E traballar, aínda á custa de facerlle os deberes ao goberno, por unha cidade máis equitativa, sostible e innovadora.

O pasado xoves, no pleno, volvemos avanzar. Apoiamos ao PSOE para que a refinería pague máis por estar onde está, e recibimos o respaldo maioritario da Corporación para profundizar nas reformas fiscais que fixemos no pasado mandato. A cota cero na auga, o lixo e o saneamento, que implantamos entre 2015 e 2017, amplíase agora para beneficiar a calquera familia que ingrese menos de 537 euros ao mes, aínda que non cobre ningunha prestación. A bonificación do 75% nesa factura, tamén en vigor dende hai catro anos, chegará en diante a calquera que ingrese menos de 805 euros.

A diferenza do que acontece noutras cidades, na Coruña non se lle corta a auga a quen está a pasar un mal momento e non pode pagala. Foi unha importante contribución do goberno da Marea Atlántica, que agora consolidamos recoñecendo nas ordenanzas municipais o Dereito Humano á Auga e o mínimo vital de 100 litros por persoa e día que prescribe a Organización Mundial da Saúde. Por último, e como primeiro paso cara a unha nova filosofía na xestión dos nosos residuos, premiando a quen mellor o fai na súa casa, aprobamos unha bonificación do 50% do recibo para quen instale e empregue un composteiro, sexa individual, sexa de toda a comunidade de veciños.

As cousas non van ben en María Pita, sexamos honestos. Vencidos os cen días de graza e consumidos outros tantos, o goberno parece acomodado, sen iniciativa nin liderado e con serios problemas en áreas tan sensibles como a de Benestar Social. Gobernar non é dar leccións nin cultivar un álbum de fotos. É ofrecer solucións, e que as solucións sexan xustas para as persoas e co planeta. A paciencia é unha virtude revolucionaria, pero non infinita. Os orzamentos do ano que vén teñen que servir para sacar ao goberno deste mentres tanto que non acaba nunca. A Marea Atlántica volverá ser garantía de progreso e só de progreso. Debémosllo ás máis de 25.000 persoas que nos deron a súa confianza.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es