A Biblioteca de Estudos Locais acolleu onte a presentación do libro Cultura científica. Episodios sobre a cultura científica na área coruñesa, no que o seu autor, Xosé A. Fraga, recolle os artigos publicados en LA OPINIÓN durante os últimos cinco anos sobre os principais feitos e personaxes do mundo científico na cidade ao longo da historia. Fraga asegura que a ciencia atopou un terreo axeitado para desenvolverse na Coruña grazas á actitude mostrada polos seus habitantes cara ao coñecemento e a innovación.

Por que decidiu agrupar os artigos publicados no xornal?

Con estes artigos buscaba chegar a un público amplo, non erudito nin con especiais intereses culturais, ao que lle pode interesar ler algo sobre a ciencia e, sobre todo, como circulou a ciencia por esta cidade. E facendo ademais un esforzo porque os contidos e a linguaxe foran accesibles.

Coñécense aos grandes personaxes da historia científica mundial pero moi pouco aos que traballaron preto de nós.

Chamei ao libro Ciencia próxima porque fala de persoas que actuaron na cidade e tamén de actividades que se desenvolveron nun territorio que nos resulta familiar, ademais de elementos da vida cotiá, o que penso que dota ao libro dunha certa orixinalidade, no sentido de que podemos atoparnos con libros sobre historia política, cultural ou artística da cidade, pero se se quere saber como foi a historia da ciencia na Coruña, dificilmente pódese atopar nada. Ese é un dos motivos que me moveron a xuntar os episodios nun libro. Penso que é ademais complementario dos artigos porque eles son unha lectura áxil e a pé de rúa, mentres que o libro vai permitir unha ollada máis reflexiva e a consulta. Tamén favorece unha consideración global dos episodios, porque cando empecei non tiña a perspectiva de agrupalos e foron xurdindo en función de temas que coñecía, efemérides... Pero cando os xuntei e ordenei cronoloxicamente, vin que hai un panorama e que cando se len os 78 episodios, se recolle unha idea do que foi o diálogo da ciencia coa cidade.

Pode o libro favorecer un maior achegamento dos coruñeses á ciencia?

A intención está xustamente en alimentar o interese cidadán pola ciencia. A cultura contemporánea é incomprensible se eliminamos a ciencia. De feito, os artigos titúlanse Episodios da cultura científica por ese interese meu de reivindicar o papel da ciencia como un elemento central da cultura contemporánea. E difícil que un cidadán poida considerarse informado e culto se ignora unha parte substancial do percorrido cultural que é a ciencia. O que ocorre é que os científicos non estiveron excesivamente en contacto co público xeral, xa que por razóns probablemente xustificadas viviron nunha burbulla. Por iso aposto por establecer unha ponte entre a actividade científica e o público xeral e fágoo nun sentido histórico dende hai un par de séculos, pero tamén tocando temas de actualidade.

Vostede foi director dos Museos Científicos Coruñeses. Faise neles unha divulgación axeitada do labor que fixeron os homes de ciencia da cidade?

Algo se fixo pero tamén é un labor que se pode mellorar. Hai que ter en conta que moitas veces a lupa non se puxo sobre científicos e científicas que traballaron na cidade. Moitas veces centramos a nosa ollada nos grandes xenios que fixeron contribucións moi destacadas e salientables, pero se aplicamos iso a outros terreos nunca estudariamos as nosas contribucións. Hai que consideralas no contexto do que é a propia cidade e valoralas tendo en conta que temos unhas determinadas dimensións e historia, polo que se nos pode medir en función delas, xa que non estivemos peor que noutros ámbitos do coñecemento. Cando xuntei os episodios constatei unha cousa sobre a que non tiña reflexionado antes, que a historia desta cidade foi en paralelo coa historia do desenvolvemento científico, porque A Coruña moderna se basea en que en 1764 se abren os Correos Marítimos a América. Foi un momento clave na historia da nosa cidade, xa que cuadriplicou a poboación en poucos anos e se inaugurou unha gran puxanza que aguanta o século XIX e as primeiras décadas do XX como a principal cidade de Galicia e a capital financeira, ao tempo que a ciencia se desenvolve. O diálogo da ciencia coa cidade foi tan frutífero nese periodo porque ten a particularidade de que foi xerada nun momento no que na vida social dominaban os comerciantes, funcionarios, profesionais e colectivos diversos cunha mentalidade bastante aberta, aos que o coñecemento científico non só non lles chocaba, senón que lles era natural. Coido que en Galicia iso non pasou en todos os sitios e probablemente nese sentido teñamos unha certa singularidade.

Marcou a Universidade outra época na ciencia coruñesa?

A Universidade era o único que lle faltaba a A Coruña para dar un paso decisivo no terreo científico. Pode que a xente non saiba que a cidade foi nun momento o centro das investigacións agrarias, gandeiras e marítimas a finais do século XIX e principios do XX. O que nos faltaba para arrincar como centro de formación superior e de investigación era a Universidade, que estaba en Santiago, onde durante moitos séculos non houbo a complicidade cidadá máis receptiva á mensaxe da ciencia.

Cal pode ser a evolución da ciencia na Coruña nos próximos anos?

Hoxe en día a ciencia pivota fundamentalmente sobre a Universidade. O que me preocupa, e trátoo no libro, é que os alumnos que saen dela cunha preparación axeitada, podan ter un destino laboral na súa terra e que ese labor de formación repercuta nas nosas empresas e en mellorar a nosa sociedade.

Cal sería a personalidade científica coruñesa que máis salientaría?

Hai xente bastante relevante, como Isidro Parga Pondal, o gran xeólogo de Galicia, e tamén Ramón de la Sagra, aínda que exerceu o seu labor sobre todo en Cuba. María Wonenburger non puido facelo aquí, pero esa é outra das claves, porque as dúas maiores científicas galegas, ela e Ángeles Alvariño, tiveron que facer as súas carreiras en Estados Unidos. Tamén hai que citar a Roberto Nóvoa Santos, que sen dúbida foi o gran médico que deu Galicia, polo que non estamos exentos de personaxes da ciencia. Pero tamén hai unha mensaxe continua positiva de cara á ciencia, que é un intanxible que se percibe ao longo da nosa historia.

Descubriu no seu traballo algún científico coruñés que estivera nun segundo plano?

Sempre hai alguén que está algo escurecido, como Gonzalo Brañas, un físico que colaborou en Madrid co inventor Torres Quevedo e que tiña unha carreira que faría pensar que chegaría a ser unha figura española, pero por razóns que descoñezo, probablemente de tipo persoal, viuse truncada ao vir para a cidade, onde dirixiu una cátedra do Instituto e o Observatorio Astronómico. Tamén está o caso da súa irmá Celia, que non chega á altura del pero foi profesora de Ciencias Naturais na Escola de Maxisterio e fixo contribucións moi interesantes. Outro dos elementos que se destacan no libro é que a muller até ben entrado o século XX tivo que soportar unha discriminación enorme. Ás veces pregúntanme por que non hai máis mulleres na historia da ciencia, pero é que até case 1920 non era posible que unha muller puidera formarse no terreo científico. Cando empezou a poder competir en certo pé de igualdade demostrou a falacia dunha suposta natureza diferente.

Vai continuar a publicación dos episodios no xornal?

Xa están continuando. Hai dous xa publicados que non están recollidos no libro porque había que cortar nalgún momento para non facelo excesivamente extenso. Coido que hai temas, persoas e cuestións que permiten seguir publicando episodios durante bastantes anos porque a ciencia estivo e está presente na Coruña.