O 2020 será o ano no que desapareza o viaduto da rolda de Nelle, culminando o traballo que que impulsou o alcalde Xulio Ferreiro e dando resposta a 40 anos de reivindicacións veciñais. O cruce desta vía coa avenida de Fisterra converterase nun espazo amable, con beirarrúas máis anchas, carril bici e unha nova estación de Bicicoruña para darlle servizo, con novas árbores e, sobre todo, sen a sombra do urbanismo inhumano.

O scalextrix da rolda de Nelle, aberto ao tráfico no verán de 1978 polo alcalde Liaño Flores, é todo un exemplo do modelo urbanístico do franquismo,e que na Coruña se mantivo nas primeiras décadas da Transición, un modelo que puña o coche privado por enriba de todo, afogando a vida nas rúas. E, neste caso, afogando tamén ducias de vivendas en ruído e fume. O movemento veciñal, encabezado pola Comisión a favor da demolición do viaduto da tolda de Nelle denunciouno desde o comezo, pero tiveron que pasar décadas ata que un goberno escoitara.

O deseño que realizamos no anterior mandato, para facer medrar o barrio debaixo do viaduto, fíxose da man da veciñanza, cunha participación real e activa. Será unha oportunidade única para demostrar que é posible introducir un novo modelo de mobilidade no centro da Coruña, máis respectuoso coas persoas e co planeta. Onde o benestar da maioría estea no centro.

É o mesmo modelo no que se inspiran outros proxectos que agora herda o equipo de Inés Rey, pero que se desenvolveron no mandato de Xulio Ferreiro, como a urbanización dos acceso á intermodal, a renovación do paseo marítimo nos Pelamios ou a renovación de rúas e prazas na Cidade Vella...

Non foi sinxelo pero, por fin, poderemos dicir "adeus, viaduto". Será o actual Goberno municipal o que execute a obra, pero co plan deseñado no mandato da Marea Atlántica, e cos fondos que rescatamos cando o PP e o propio PSOE bloquearon os Orzamentos 2019. E, sobre todo, farase honrando a reclamación, constante e digna, que as veciñas e veciños da zona mantiveron durante décadas, aínda que lamentamos que algúns dos máis combativos, como Francisco Sánchez Lema, non estean xa para velo. Vai na súa memoria.