As viñetas de Luis Davila son das máis recoñecibles do humor gráfico galego. O colaborador de Faro de Vigo publica a súa nova compilación de O Bichero, que asina hoxe ás 18.30 na libraría Cascanueces e o próximo día 17 en Alita Cómics.

Fai o que denomina humor galego. Que é o que fai que tanta xente diferente se sinta tan identificado coas súas viñetas?

Penso que trato de utilizar personaxes familiares en situacións familiares, utilizar temas do máis variopinto, como mesturar a xente do rural co mundo do cómic, do cine, das redes sociais ou da tecnoloxía. Fago viñetas máis como gags humorísticos e sinxelos. Procuro abrir o abano de posibilidades de facer humor, e iso fai que chegue a todos os públicos e que a xente se sinta identificada. Ao final, saímos á rúa e todos temos a alguén que recoñecemos nesas viñetas.

Vostede é de Bueu. Hai xente de alí que atopa similitudes entre as personaxes das tiras con veciños da vila. Que hai de real nas situacións debuxadas?

É posible. Ao final son de Bueu e nas viñetas hai moitas vivencias, non che digo que non haxa personaxes inspirados en persoas reais porque mentiría. Se tes que imaxinar a un mariñeiro ou a unha muller do rural, sempre che veñen á cabeza cousas que tes no inconsciente, como un banco de imaxes.

As redes sociais axudaron a que as súas viñetas fosen coñecidas entre un público novo.

Como ferramenta de difusión do traballo é alucinante, e o humor gráfico préstase moi ben a ser viral, estás comunicando reflexións e chistes moi comprimidos. As plataformas como Twitter ou Facebook fan que chegues moi ben a ese público.

Serven os comentarios en redes como Twitter de fonte de inspiración?

Si, pero as veces tamén como fonte de maldición. Adiántanseche ao que tes pensado. Cando dis 'acábaseme de ocorrer un chistaco incrible', vas a Twitter e xa o ten máis que mellorado. Non nos queda outra que darlles as veces unha volta de tuerca ás ideas.

Hai algo do que a día de hoxe non se atreva a facer humor?

Procuro parodiar todos os aspectos da vida, o meu humor é tirando a branco. Ten algo de negro cando se trata a morte, pero sempre dende un punto de vista positivo. Podía acometer calquera situación pero baixo o meu tratamento, partindo da base de que o chiste me fai gracia a min, pasa o meu filtro persoal.

Como consegue manter a espontaneidade nas viñetas despois de tantos anos?

Iso tamén mo pregunto eu. Ao final tes situacións e personaxes recorrentes. Por exemplo, de todas as viñetas que vou facendo teño personaxes que son fixos: o galiñeiro, que é un micromundo; a xente do furancho, a xente maior enfrontándose á morte... Se a actualidade non acompaña demasiado, recorro a estes personaxes comodín e sempre me dan algo.

A crítica é outro elemento característico dos seus debuxos.

Si, son consciente de que tes certa responsabilidade e compromiso ao ter este espazo no xornal. Unha viñeta cando é efectiva é cando fai reflexionar e remove consciencias cando critica situacións. A denuncia é importante para todo humorista gráfico.

Como debuxante de actualidade, hai algún tema que estea sempre nos xornais ao longo dos anos?

As veces vou á noticia do día, e outras falo da actualidade máis xenérica dos nosos tempos, como a tecnoloxía mesturada coa tradición ou o tema do rural. Hai temas recorrentes que nos afectan en Galicia. Algo do que veño falando desde que empecei a debuxar é dos problemas da peaxe, unha eterna loita da comunicación. Unha barreira que nos illa e comunica á vez. Reviso viñetas do ano 1998, 1999 ou 2000 e saco algo da peaxe seguro.