Gloria Mosquera é mestra desde hai 23 anos, e hai 19 fundou o grupo de música infantil Mamá Cabra. Este venres presenta cun concerto ás 19.00 horas no Corte Inglés de Marineda o seu novo traballo, A fraga do meu avó.

Esta obra combina música cun álbum ilustrado. De onde saíu a idea?

Hai dous anos herdei a fraga do meu avó. Comecei a investigar sobre a súa historia e cousas que lle pasaran ao meu avó con ela, que ocorreran na aldea... E descubrín un mundo que estaba ao lado da miña casa pero que case non sabía que existía porque vivía de costas a el. Decateime de que era un espazo que tiñamos que coidar e sobre todo coñecer. Antes vivíase de moitas cousas que se conseguían nas fragas, pero agora a xente vive de costas a elas e pouco a pouco van perdendo espazo de cara ás plantacións de eucaliptos ou construír unha urbanización. Se perdemos os nosos carballos e castaños xa non imos ser os mesmos.

Que quere transmitir coa obra aos máis pequenos?

Agora mesmo están mo concienciados coa ecoloxía, véxoos a piñón. Na tele ven osos polares e canguros; a través da fraga van descubrir o raposo, a píntega, o furón, o paporroibo... Animais magníficos, que lles van encantar e que están ao lado da súa casa.

Pero os seus pais son os que acaban coas fragas. Como concienciar aos maiores?

Non é que teñamos que poñer aos nenos en contra da explotación dos eucaliptos. O malo é a sobre explotación, o monocultivo que hai en Galicia. Nos colexios hai que darlles información aos nenos para que teñan un razoamento crítico, non se trata de que teñen que poñerse en contra de algo porque o diga a tele e Youtube. Outra cousa que vexo nos nosos montes é a excesiva caza por deporte. É moi complicado ir agora aos montes galegos porque están pegando tiros, e non temos un censo de animais para saber cantos podemos abater. Temos un problema da nosa casa e estamos intentando arranxar os problemas que hai no Polo Norte.

Xa que incide no sentido crítico, os nenos teñen maior capacidade de razoar que a que lles atribuimos os adultos?

Por suposto. Eu teño alumnos que teñen cabalos, que agora están á intemperie mentres está chovendo a chuzos. Seguramente lle dirán ao seu avó: avoíño, haberá que poñerlles un cobertizo . Os nenos están dando un cambio que xa nos gustaría a nós.

Como cambiou a infancia?

Non son ningunha experta, ero vexo que teñen moitas oportunidades de bibliotecas, libros, internet... Porén, están un pouco sobresaturados de información. Tamén, o mundo é competitivo e transmitimosll. Os nenos teñen que desfrutar e investigar, non competir. Estas cousiñas si merman a súa calidade de vida. E cando lles preguntaba polas fontes, os regatos... Perderon eses espazos. Non poden saír fóra como saiamos nós. Van a un parque natural, a Cabárceno, a cincuenta mil sitios, pero perderon os espazos de liberdade ao lado da casa. Teñen cincuenta mil actividades. Uns horarios que digo mi madriña, como poden con tanto.

Que é o importante á hora de comunicarse cos rapaces?

O cariño, querelos como son. Acompañalos cando están tristes e rir con eles cando sorrín. Eles queren a quen os quere. Cando facemos cousas xuntos hai un cariño, e o cariño é o que nos fai crecer.