Paquita e Chelo apenas superaban a maioría de idade cando chegou a carta. Era un papel que vira quilómetros, cruzando o Atlántico ata Galicia desde o Montevideo ao que emigrara o seu irmán. No canto de quentar corazóns co relato do que está afastado, a mensaxe fixo saltar algunha bágoa. Unha das dúas irmáns, que ata entón medraran xuntas, tería que embarcar a Latinoamérica para contribuír a sacar á familia da pobreza. O remitente, moi claro, así o reclamaba.

A instantánea que sacaron na despedida aínda conta a súa historia. Alí están todos, tanto os viaxeiros como a familia, tanto os que se van como os que se quedan. No porto dese Vigo dos 50, unha Chelo de 20 anos mira á cámara coa maleta fixa na mente, e o día que lle cambiaría a vida atrancado na gorxa. Ao seu lado, malia que sen sabelo, está a que sería co tempo a súa cuñada, logo de que case en Montevideo con ese mozo ao que na parroquia non adoitaba facer demasiado caso.

A narración pode semellar ficticia, pero é verdade. Tamén é teatro grazas á compañía Limiar, que subirá esta tarde a historia ás táboas do Rosalía (20.30 horas). Os encargados de facelo non son outros que os directores do grupo, Fran Núñez e Brais Iriarte, netos daquela Paquiña que agardou en terra. Están ademais no equipo as sobriñas do irmán, e esa foto engurrado polas décadas fronte ao transatlántico, que apareceu na casa dos actores por pura casualidade.

Conta Núñez que unha prima chegou coa fotografía hai uns anos, e que quedoulle gravada na cabeza. "Entón todo empezou a encaixar, e comecei a ver a posibilidade de falar desta xeración de mulleres que, con dous anos de escola, levantaron un país", explica. En Se fosen turistas levarían gafas de sol, quería amosar como "unha soa decisión" pode marcar o futuro pero, sobre todo, plantexar o valor da memoria. Recordar, di o director, é o que hai que conseguir, porque a amnesia é unha daga que fere en presente.

"É importante lembrar a nosa migración para non ser indiferentes co que pasa hoxe. Todos temos unha historia desas, pero os que se van actualmente tamén contan. Un día dáste conta de que a metade da túa clase está en Londres, e que está intentando regresar", di o responsable da compañía. Núñez fala do agora, pero a súa comedia afástase del. O intérprete asegura que bosquexar o século XXI era demasiado doloroso, que se facía costa arriba. "Falamos da migración pasada porque é moi fodido falar da do presente", admite o actor, que pon un prisma calidoscópico sobre o tema.

Non só Paquita protagoniza a obra. Tamén o fan todas as historias da migración que recolleron os membros do equipo, que proceden de Galicia, Portugal, Arxentina e Uruguai. Xuntos forman unha melé algo confusa, pero que funcionou. "Dirixir a xente de tantos países é difícil. Ás veces parecía o teléfono escacharrado, pero convivimos ben", afirma Núñez.

Algúns son actores de teatros nacionais, outros do ámbito independente e, o resto, sinxelos amateurs. Na peza hai oco para todos, sendo como é unha coprodución entre Limiar, Crémilo, o Teatro Nacional Dona María II de Lisboa e Comedias do Minho, así como a Compañia Nacional de Fósforos de Bos Aires e a Ecie de San José uruguaia. Xusto foi en Montevideo onde se estreou a peza, ante os ollos asombrados dunha Chelo que camiña hoxe cara aos 90 anos. Explica Núñez que tiña sentido debutala alí, na cidade onde se instalou no seu día a moza, dando lugar a unha prole de médicos e avogados que, en Galicia, non puideron agromar.

"Por parte da miña avoa non os hai, e non porque sexan máis parvos, senón porque non puideron ter estudos. Tamén quería falar diso, das oportunidades", conta o director, para o que a peza foi un xeito de "saber máis da familia". Con Se fosen turistas levarían gafas de sol, viaxou por primeira vez a Uruguai, ese sitio do que lle falara a xente "durante anos", pero que non pisara aínda. Fixo migas cos seus primos descoñecidos, e levou con el a Paquita, que recibiu por sorpresa un billete de avión rumbo á súa irmá.

Núñez aínda lembra con emoción aquel primeiro paseo que as dúas deron polas rúas de Montevideo, coma un soño que de súpeto se cumpre. Tanto lle impactou a escena que a recreou sobre as táboas, ante as que se sentou a semana pasada Paquita na súa estrea galega. Aquel día, "media parroquia" acudiu en autobús a ver a función. Foi un momento "emotivo", no que máis dun recoñeceu ao seu eu infantil, atrincheirado entre os rostros daquela vella fotografía.

Para o intérprete, o mellor son esas sensacións que esperta a obra, e o intre abafante no que público "dáse de conta de que todo é verdade". Coa súa peza, Limiar teatro fixo unha "suma de autoficcións", anacos de pasados migratorios que lles aconteceron aos actores e que quixeron rescatar do esquecemento. Dese xeito, na trama mestúranse historias de segundas xeracións de emigrantes, ou de persoas que acolleron refuxiados nas súas casas. Entre as vivencias atopadas houbo ademais sorpresas, como a dun dos antepasados dos actores, que resultou ser o asasino do acueduto, un dos maiores criminais de Portugal.

No límite das artes

Se fosen turistas levarían gafas de sol é a segunda parte dunha triloxía sobre o espazo e o tempo que comezou en 2014 con Pangeia, e que rematará en 2025 con Paralelo. "A idea é facer un proxecto no que falemos da memoria e de cara a onde imos. Xurdiu como unha tolemia, e mira por onde xa pasamos da metade", chancea o director. A reflexión xeográfica da súa serie non é unha novidade para a súa compañía. Limiar vén de límites, aqueles que desexan rachar en escena coa mestura de modalidades artísticas como a música e a danza, pero tamén na propia vida cotiá. "As fronteiras son políticas e mentais, pero o teatro é unha máquina integradora. É unha escusa para invitar ás persoas e mesturar", conclúe o actor.