No ano 2002, un anacoreta afincado en Camelle afirmou ter soñado que unha balea negra varaba, morta, canda as súas esculturas. O inquietante pesadelo tornouse, tempo despois, en tráxica realidade. O buque petroleiro Prestige afundía fronte as costas galegas tinguíndoas de negro e deixando a toda a poboación nun profundo desacougo. Porén, poucos autóctonos sufriron as consecuencias da catástrofe coma aquel anacoreta que facía arte coas pedras na vila mariñeira, e cuxa imaxe levando con desesperación as mans á cabeza quedaría impresa na retina de moitos galegos ata moito tempo despois.

Co fin de loitar contra o paso do tempo, e evitar, con iso, que a imaxe de Manfred Gnädinger, ou simplemente Man de Camelle, sucumba ao esquecemento, a escritora Beatriz Maceda e a ilustradora Laura Veleiro ofrecen a súa particular contribución á memoria do alemán. Farano coa reedición do seu álbum ilustrado MAN, que indaga na vida e obra do singular artista e que presentarán este sábado ás 19.00 horas na sede da editorial Medulia.

"Coñecín a Man cando estaba destinada, como mestra, en Carnota. Achegábame moitas veces a falar con el e observalo, estaba impactada co personaxe, tivemos certa relación. A súa morte foi un golpe", rememora a escritora Beatriz Maceda, impulsora do proxecto, que tivo a súa primeira vida no ano 2012 coa editorial Galebook. Un relevo que recolle a editorial Medulia tralo peche da primeira, cunha reedición na que as ilustracións que acompañan o relato das vivencias cobran un especial protagonismo.

"No que respecta á parte gráfica, quixen trasladar aos rapaces que Man fixera algo brillante, fermoso, que non quedasen coa idea de todo destruído. Queríamos falar de Man como artista", expón a ilustradora, Laura Veleiro. Entre a primeira edición e a nova cambiaron algunhas cousas, entre as que se contan a realización final dalgunhas das últimas vontades que Man deixou explícitas no seu testamento, e que a nova edición recolle coma pequenas vitorias.

"Agora hai un museo marabilloso sobre a súa obra, que era o que el quería e para o que mesmo deixou cartos que logo levou Facenda. Tamén quería ser enterrado na súa cabana ou no fondo do mar, non no cemiterio", enumera a escritora.

O éxito das primeiras edicións do álbum avala esta última, e evidencia que o propósito de manter vivo o legado do alemán, que comparte a meirande parte da poboación de Camelle, pode considerarse acadado. "Moitos rapaces non escoitaran falar de Man e do Prestige, e penso que co libro conseguímolo en certo xeito, foi unha forma de pór a súa figura no mapa", comenta a ilustradora. Malia ir dirixido a nenos, os adultos poden gozar da obra. "É un libro sen idade, porque fala dun heroe de verdade", afirma Maceda.