O humorista e actor cullerdense Xosé Antonio Touriñán será esta tarde unha das voces condutoras de A Radio Conta, o programa solidario anual no que colaboran oito emisoras coruñesas: Radio Coruña-Cadena SER, Onda Cero, Radio Galega, Radio Marca, Radio Nacional de España, InterCoruña, COPE e RadioVoz. O programa, adicado este ano á Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (Asanog), emitirase entre as 17.00 e 20.00 horas desde o teatro Rosalía de Castro, ao que se poderá acceder de xeito libre cun donativo voluntario. Tamén poderá seguirse nas radios participantes e no streaming do Concello.

Xa participara no programa, que leva sete edicións.

Si, creo que esta xa é a cuarta vez. Sempre que podo estou.

En que se diferencia a edición das ocasións anteriores?

Para min a novidade é que esta vez estarei as tres horas.

Vostede fixo televisión, series, teatro... Que ten de especial A Radio Conta?

O motivo: a solidariedade. Este ano, cara os familiares de nenos con cancro. E ademais esta é unha homenaxe á radio local. Que todas as radios dunha cidade se unan para facer un programa é algo que non se viu nunca e debería ser exemplo. Entre xentes distintas e de diferentes opinións o mellor é sentarse a falar. E a radio a min encántame, non vai coas présas da televisión. Se cadra é o medio no que teño menos experiencia pero paseino moi ben cando colaborei dous anos coa Radio Galega. Este ano o programa ten moito de ficción e de programa de variedades, formatos nos que xa traballei.

A recadación deste ano irá á asociación Asanog, para abrir un piso de acollida na Coruña para familiares de nenos con cancro que reciben tratamento na cidade. Coñecía o proxecto?

Si, moitas veces nos chaman a colaborar para recadar ou visibilizar. Tamén coñezo outras asociacións que fan unha labor parecida, como a Fundación Andrea. Cada ano intentamos colaborar con asociacións distintas: o ano pasado cunha de axuda á ludopatía. Son tantas as causas nas que podes botar unha man...

Considera que as familias dos pacientes quedan esquecidas ás veces e precisan máis axuda?

Nestes momentos toda axuda é pouca. Hai familias que teñen máis posibilidades, outras menos, e moitas veces, cando os nenos veñen desprazados de fóra, non é doado pagarse un alugueiro dun piso ou un hotel. É positivo que haxa asociacións como Asanog que che boten unha man e poñan á túa disposición un lugar onde estar mentres que tes que estar aí á beira do teu fillo ou do teu neto. Que non é un fogar, pero polo menos é algo que se pareza un pouco. Toda axuda é pouca, e se podemos botar unha man, adiante.

Nesta edición, guionizada por Óscar Cruz, colabora co tamén humorista Moncho Borrajo, é un elenco de actores, músicos, deportistas e tuiteiros. Os grupos municipais terán "algún tipo de papel". Que opina dos participantes deste ano?

Son uns fenómenos todos. Ser capaz de unir, xuntar e que todo o mundo colabore... É incrible velos traballar. Todos os profesionais poñen moito tempo e esforzo: cada un é do seu pai e da súa nai pero enténdense perfectamente. E teñen a capacidade de lear a todo o mundo ao que chaman, é moi difícil dicirlles "non podo" ou "non quero". Son uns currantes e é un gusto traballar con eles.