A primeira nova desagradable sobre este tema chegoume no pasado mes de febreiro. O día 19 fíxose publica a decisión da Real Academia Galega das Ciencias de elixir a Tomás Batuecas Marugán (1893-1972), excatedrático de Química e Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), como protagonista a homenaxear no Día da Ciencia en Galicia. A miña incomodidade non procedía dun cuestionamento dos méritos científicos de Batuecas. Tiña a súa orixe na presentación pública que tanto a Academia de Ciencias como a Universidade de Santiago fixeron del, ocultando a parte turbia da súa biografía.

O artigo sobre o papel represor de Batuecas

A circunstancia indicada levoume a publicar un artigo neste xornal o día 27 do mesmo mes de febreiro. Nese escrito contaba como a finais de agosto de 1936, tras a convulsión do golpe militar de xullo, o profesor Isidro Parga Pondal volveu á facultade de Ciencias da Universidade de Santiago. Alí, no seu despacho de secretario do centro, soou o teléfono, descolgouno e escoitou unha conversa entre dúas persoas. Unha era ben coñecida, o seu colega Tomás Batuecas, decano accidental, e a outra o coronel encargado de levar a cabo a depuración do persoal non adicto ao novo Réxime na universidade compostelá. O militar comentaba á autoridade académica que xa remataran de "facer limpeza" na súa facultade porén foi interrompido polo decano: "Ustedes han dejado al más peligroso, Isidro Parga Pondal". Aos poucos días, e cando Parga pretendía entrar na facultade para traballar, un bedel impediulle o paso. Unha primeira medida que sería seguida por outras que supuxeron a expulsión do excelente científico, coa comunicación escrita do propio Batuecas en xuño de 1937.

O que veño de narrar pode consultarse na memoria de doutoramento que en xuño de 2013 presentou Francisco Leonardo Docanto na mesma universidade compostelá, recollendo a testemuña de Isidro Parga; a viúva, Avelina Peinador; e o fillo, Jorge Parga Peinador. Un traballo codirixido por Ricardo Gurriarán Rodríguez e Juan Ramón Vidal Romaní e coa titoría de Félix Sarmiento Escalona. Tese que recibiu o visto bo académico dun tribunal presidido polo exreitor Senén Barro Ameneiro e do que formamos parte Josep Lluis Barona Vilar, Lourenzo Fernández Prieto, María Álvarez Lires e eu mesmo.

Unha conversa en marzo

Doce días despois da aparición do artigo, no serán do 11 de marzo, recibín unha chamada telefónica de Juan Lema Rodicio, presidente da Academia Galega das Ciencias. Iniciou a conversa indicándome que desexaba falar sobre o meu escrito. Falar, non debater, aclarou. Malia esa inicial afirmación, o profesor Lema entrou a valorar o tema tratado, cuestionando e relativizando a versión de Parga ("Hai moitos dimes e diretes", "todo o mundo ten algo no seu pasado", "non sei eu se iso do teléfono que conta sería así", etc.). Era obvio que o único que lle preocupaba era a imaxe externa da Academia. Comentou que pensaban editar unha unidade didáctica sobre Batuecas e díxenlle que sería oportuno que nela non se persistira en agachar o seu comportamento escuro, aludir a el, adecuadamente contextualizado. Aceptou a idea e engadiu, "con coidado e elegancia". O total incumprimento da súa palabra e o interese público do tema xustifica que agora dea conta desa conversa privada.

Unha unidade didáctica que distorsiona a historia

O luns 7 de outubro apareceu nos medios a presentación pública da comentada unidade, pensada, segundo din os promotores, para que os estudantes galegos saiban quen foi Tomás Batuecas. Os máximos responsables da Real Academia Galega das Ciencias, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e do Consello da Cultura Galega deron a coñecer a publicación. Momento no que o presidente da Academia de Ciencias falou de trasladar aos alumnos valores nos que, segundo el, salientou o científico Batuecas: a rigorosidade, a tenacidade, a sinceridade e a honestidade (sic).

As palabras de Lema presaxiaban a chegada dunha segunda sorpresa desagradable nesta triste historia: a unidade didáctica non fai a menor alusión á intervención de purga do profesor Batuecas. Os autores, Manuel Bermejo Patiño e Ramón Cid Manzano, non tiveron a ben mencionalo e os responsables da edición, os representantes da institucións anteditas, validaron esa ausencia. O que en febreiro se podía entender como unha neglixencia, ou descoido, colleu unha nova dimensión, pola implicación doutras institucións e polo coñecemento do tema por parte dos responsables, supervisores e autores. Sabían o que facían: a mistificación é intencionada.

A entrañable Facultade de Ciencias da USC

Falamos de Parga porque existe constancia do papel desempeñado por Batuecas no seu caso, porén non foi o único represaliado na Facultade de Ciencias compostelá a raíz da Guerra Civil. Outros profesores, como Fernando Calvet Prats, Juan Martín Sauras, Ernesto Seijo Espiñeira ou Pedro Couceiro Corral, sufriron persecución ideolóxica, coa expulsión da docencia e/ou o exilio. Malia eses tráxicos feitos, a Facultade de Ciencias aparece na unidade didáctica como un entrañable espazo de coñecemento e colaboración. Unha edulcorada versión na que a reflexión histórica deixa paso a unha confortable e autocompracente imaxe.

Interrogantes

O acontecido ofrece un retrato preocupante dalgunhas institucións, financiadas por fondos públicos, e dos seus máis altos dirixentes. Observamos un afán por priorizar a imaxe exterior, calar e apelar á defensa das institucións como un valor corporativo e abstracto. Mais a dignidade dunha institución só se defende actuando dignamente, con rigor técnico e con criterios éticos e democráticos. Con coherencia e sen bandazos. Parga foi unha das seis personalidades impulsoras da creación da Academia das Ciencias, presidente de honra en 1978 e resultou elixido por esa institución como científico do ano en 2009. Por outra banda, a USC rehabilitouno en 1983, nomeouno doutor honoris causa. Entón, como se permite o de Batuecas? Semella que ás veces no proceso de selección dos responsables dalgunhas academias prima un perfil persoal acomodaticio co poder e ausente de espírito crítico.

Outra materia pendente da Transición?

Lamentablemente, o caso que vimos de comentar non é algo excepcional. No Diccionario Biográfico da Real Academia de la Historia consultei a biografía dedicada ao médico Fernando Enríquez de Salamanca (1890-1966) ( http://dbe.rah.es/biografias/6686/fernando-enriquez-de-salamanca-y-danvila). O autor do texto, Amador Schüller, descríbenos os méritos do catedrático da Facultade de Medicina de Madrid. Nunha narración laudatoria do discípulo ao seu mestre, pura haxiografía. Dinos que despois da Guerra Civil Enríquez foi nomeado decano da Facultade de Medicina e afirma que "su trabajo como decano fue duro y tenaz, con el objetivo de reordenar la facultad". Falemos desa "reordenación". O bando fascista tomou rápidas e contundentes medidas para a "depuración" do profesorado, co fin de revisar o perfil ideolóxico dos docentes e asegurarse a lealdade ao novo Réxime. No caso da Universidade de Madrid, Enríquez de Salamanca foi designado como xuíz instrutor da comisión depuradora e implicouse a fondo na tarefa. As represalias foron moi severas: máis da metade dos catedráticos, 17 de 28, foron sancionados polas súas ideas políticas. Diso Schüller non di nada.

O caso de Enríquez é todo un exemplo do que non se pode aceptar desde o punto de vista do rigor histórico e dos valores democráticos. O discípulo pasou de ser unha posible fonte para a construción da biografía a ocupar o papel de historiador. E neste punto non podo esquecer o texto que un prezado amigo me pasou do catedrático Julián Casanova: "El historiador ofrece lecturas críticas del pasado e introduce debates y diálogo con otros investigadores, revisando mitos y lugares comunes, enfrentándose a las mentiras y propaganda con cientos de documentos y lecturas pertinentes. Opinantes, no se confundan de profesión". Amador Schüller actuou como opinante, el sabía que non era historiador pero iso non lle importou nin a el nin á Academia de Historia.

Mais o acontecido incorpora un elemento que agrava a desfachatez intelectual de Amador Schüller e do mundo académico, porque este señor foi, nin máis nin menos, que presidente da Real Academia de Medicina desde 2002 a 2008 (sic). Como é posible tal indignidade intelectual e ética? Quizáis a explicación teña que ver con que no paso da ditadura á democracia as academias seguiron nas mans dos mesmos.

Outras formas, outras sensibilidades

Eses comportamentos non teñen lugar noutros países democráticos. Os casos de Batuecas y Enríquez contrastan, por exemplo, co acontecido co científico Friedrich Wegener (1907-1990), un salientable patólogo alemán que deu o seu nome a unha enfermidade rara (enfermidade de Wegener, Granulomatose de Wegener). Entre outras distincións recibiu en 1989 a de Clinical Master pola Asociación Americana de Neumoloxía (American College of Chest Physicians, ACCP). Cando morreu descubriuse o seu pasado nazi (estivera afiliado ao partido nacional-socialista e traballou como patólogo militar en autopsias de falecidos xudeus procedentes do gueto de Lodz). A citada asociación retiroulle as mencións honoríficas e, ademais, a instancias de varias sociedades científicas, cambiouselle o nome á enfermidade, que agora se chama "granulomatose con polianxite". Falamos doutras sensibilidades, doutras academias e doutros académicos. No caso de Batuecas non pedimos iso, tampouco demandamos cidadáns exemplares. Só desexaríamos que non se oculte o seu pasado incómodo e que os escolares galegos saiban realmente cales foron os seus valores.